Ir ao contido directamente.


Ti estás aquí > Inicio / NOTICIA / o ciclo 'Música en Salas' impulsará a celebración de 135 concertos

O PROGRAMA DA XUNTA QUERE REACTIVAR O SECTOR DOS ESPAZOS PRIVADOS DE CONCERTOS

o ciclo 'Música en Salas' impulsará a celebración de 135 concertos

MISCELáNEA | novembro 8, 2021

imaxe non dispoñible

Agora que as restricións sanitarias afrouxaron os seus requisitos, a Xunta de Galicia apoia ao sector da música ao vivo coa posta en marcha dun novo ciclo que, baixo o título Música en salas, ofrecerá durante dous meses 135 concertos de 115 artistas e bandas galegas en 19 locais das catro provincias. Esta iniciativa, á que a Consellería de Cultura, Educación e Universidade destina un orzamento de 200.000 euros, é froito do convenio asinado coa Asociación Galega de Salas de Música ao Vivo Clubtura para impulsar a recuperación da actividade musical en directo neste tipo de espazos, ademais de contar coa complicidade de Músicas ao Vivo como entidade que representa os intereses dos intérpretes.

Música en salas levantou o pano no Garufa Club da Coruña o pasado día 4 con le Rue Band e a súa aproximación ao jazz dos anos 20 do pasado século e rematará o 19 de decembro no Club Clavicémbalo de Lugo co rock e blues da Martins Aneiros Band. Entre ambas as datas, actuarán neste ciclo referentes do jazz galego coma Juyma Estévez Trío, Sumrrá ou dATrío, nomes propios do soul como Adrián Costa ou da música urbana como Youcanthide. Tamén forman parte da programación representantes do hip hop en galego como Xeva, a proposta grunge e metal de Grima, a música lixeira de Tony Lomba, o indie de The Rapants, a viaxe de Belém Tajes ás súas orixes galaico-arxentinas ou o son enérxico, con perspectiva feminista e social, de Habelas Hailas, entre outras moitas propostas.

Espazos sen actividade
As salas de concerto, equiparadas pola Xunta de Galicia co tratamento ao ocio nocturno nos sucesivos decretos de medidas sanitarias da pandemia, víronse obrigadas a cesar a súa actividade durante un ano paralizando a súa oferta cultural. Os obxectivos e a programación de Música en salas foron detallados hoxe en Vigo no transcurso da presentación na que participaron a delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias; o director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil; o presidente de Clubtura, Alberto Grandío, e o xerente de Músicas ao Vivo, Manuel Alonso. O responsable de Industrias Culturais explicou que a través deste acordo con Clubtura, a única asociación galega que agrupa e representa os intereses das salas que programan música en directo, a Xunta recoñécelles a estes espazos o seu "relevante papel no desenvolvemento da industria musical en Galicia". Música en salas vén sumarse a medidas xa contempladas no plan autonómico de reactivación da cultura para incidir na dinamización dun sector que sufriu a práctica parálise durante a crise sanitaria.