A música volta a Pontevedra con senllos ciclos
novembro 12, 2021
Tres recitais de Dakidarría, SonDaRúa e Boyanka Kostova este venres 12 de novembro abren a primeira edición de Que non pare a música, ciclo co que a Consellería de Cultura desembarca en Pontevedra este outono. O programa continuará sábado cun concerto de Carlos Sadness e La Casa de los Ingleses e fechará domingo cunha sesión de mañá a cargo de Furious Monkey House e Cora Velasco e a actuación de Baiuca durante a tarde.
Estes concertos, que se desenvolverán baixo unha carpa no recinto feiral da cidade, son a carta de presentación do novo ciclo, que se presentaba ao público o pasado día 11. O proxecto, promovido pola empresa Global Setup co apoio da convocatoria extraordinaria de axudas para espectáculos musicais dentro da programación do Xacobeo 21-22, pretende "contribuír á recuperación e desestacionalización da oferta de música ao vivo en gran formato", a apostar por unha produción totalmente galega e a favorece "o impulso da presenza feminina nos equipos técnicos e no cartel artístico ou a aposta polas bandas locais".
Pola súa banda, o Concello daba a coñecer, tamén o xoves 11, a nova xeira do ciclo Cabos Soltos, programa dirixido "a promover a cultura emerxente da cidade e fortalecer o tecido económico local". Un concerto de Niños Mutantes na Sala Karma o vindeiro 19 de novembro será o primeiro dos recitais desta proposta. Ademais, na mesma tarde, o Centro de Interpretación das Torres Arcebispais acollerá a conferencia "As escenas locais a debate: Ganada e Pontevedra" con Nani Castañeda (Batería de Niños Mutantes), Anabel Gulías (Concelleira de Promoción da cidade) e Marcos Rivas (Dinamizador local).
Está xa aberto o prazo para que os locais interesados en programar actividades musicais ao abeiro deste ciclo se inscriban. O Concello cobre a totalidade dos gastos dos recitais sempre que se cumpra a condición de que cando menos un 30 % da programación estea protagonizada "por creativos e creativas da escena local pontevedresa".