Ir ao contido directamente.


Ti estás aquí > Inicio / NOTICIA / O trío pontevedrés Peña faise co Premio Narf

TANDUB E ELBA LEVARON O SEGUNDO E TERCEIRO POSTO NO CERTAME MUSICAL DA DEPUTACIóN DA CORUñA

O trío pontevedrés Peña faise co Premio Narf

MISCELáNEA | novembro 22, 2021

imaxe non dispoñible

O Teatro Colón da Coruña acollía na noite deste 21 de novembro a gala na que se decidían os Premios Narf para grupos e artistas musicais que outorga anualmente a Deputación da Coruña. Logo das actuacións das cinco propostas finalistas, o xurado seleccionou o trío pontevedrés Peña como vencedor desta edición do galardón, que conta cunha dotación de 3.000 euros en metálico.

O fallo sinala que os vencedores son "un trío pontevedrés que fai unha mestura de pop con raíces tradicionais" que "foi quen de fiar un corpo de cancións exquisito, que casa sinxeleza con idiosincrasia e valentía formal". A formación conta nas súas filas con Toño Magariños, que pasara por (diola ou Unicornibot), Rubén Abad ( veterano de ou Cró!, Trilitrate) e Elena Vázquez que tamén milita neste último grupo. Acaban de presentar o seu primeiro longa duración, Carreiro, logo do seu EP de presentación Fórmula.

Canda a Peña, o xurado seleccionou a fusión de Tandub para o segundo posto do certame, e o proxecto recibirá 2.000 euros en metálico. O terceiro premio foi para a compostelá Elba, que leva 1.500 e as dúas últimas posicións, dotadas con 1.000 euros, foron para Secho e Sleepy Spice. A gala incluíu ademais un concerto de Grande Amore.

O xurado do galardón estivo formado por Xurxo Couto, deputado de Cultura da Deputación da Coruña, como presidente; a cantora Uxía, os xornalistas Carlos Crespo, María Yáñez e Teresa Cuíñas, e o crítico musical Pepe Cunha.

A gala, que se puido seguir a través da rede, está dispoñible íntegra na canle de Youtube de Cultura da Deputación da Coruña.