Ir ao contido directamente.


Ti estás aquí > Inicio / DISCO / Cancións recupera as letras de Xela Arias para Desertores

O GRUPO PRESENTA O LIBRO-CD DE XERAIS CUN CONCERTO EN VIGO ESTE 4 DE NOVEMBRO

Cancións recupera as letras de Xela Arias para Desertores

ROCK | novembro 4, 2021

Cancions_x_arias_desertores2.jpg

As letras que Xela Arias, homenaxeada no Día das Letras Galegas de 2021, escribiu para o grupo Desertores voltan á vida. A formación reuniuse este mes de xullo para gravar nun único álbum todos os seus temas con textos da autora e este venres cinco de novembro presenta nun concerto en Vigo Cancións, o libro-CD que publica Edición Xerais a compilar este material.

En total, a publicación recolle doce temas, a recuperar os que foran publicados no primeiro disco da formación, El Desertor, no segundo, El vicio de la carne e mais dúas composicións inéditas, Nena Alcohol e Detrás de ti.

O libro amosa a versión orixinal de Arias, as adaptacións realizadas polo grupo e unha tradución ao galego dos textos. Unha selección de fotografías, reproducións dos manuscritos orixinais e mais un epílogo no que os membros do grupo, Valerio e Paco Araujo, Juan Díaz, Humberto Heredia e Pablo Garrido, lembran a súa experiencia coa poeta, completan o proxecto.

Segundo explica Teresa Cuíñas Lavandeira na introdución da obra, estas cancións, escritas en castelán, "son unha mostra do diálogo poético e musical que cultivou durante toda a súa vida" e amosan as influencias do rock que marcaron a autora. O proxecto preséntase ao público este venres 5 de novembro nun concerto gratuíto que se desenvolverá no Auditorio de Chapela a partir das 20 horas.

datos do disco