Noticias
A Agadic lanza as axudas á promoción e difusión de proxectos musicais profesionais
Xénero:
| 6 / 5 / 2022O Diario Oficial de Galicia deste seis de maio recolle a convocatoria das novas axudas á promoción e difusión de proxectos musicais profesionais. A Axencia Galega das Industrias Culturais lanza ao abeiro do Proxecto Hub audiovisual-industria cultura e con fondos Next Generation, unha liña que, segundo anunciara o conselleiro de Cultura Román Rodríguez, substitúe as axudas ao talento musical e multiplica por dez o seu orzamento.
Astarot presentan o álbum 'Baixo a luz de Breogán'
Xénero:
| 5 / 5 / 2022'Astarot' levan trinta e nove anos facendo rock, e incorporaron a lingua e a cultura galega ás súas gravacións no seu terceiro traballo "Apuesta y gana" (1996), dende entón sempre foron xa un referente do rock en galego, con temas novos ou incorporando cancións populares ás sonoridades do rock metal. Neste aniversario importante a banda de Cangas do Morrazo presenta o seu noveno disco 'Baixo a luz de Breogán' (RockCd Records). O álbum contén 14 cancións, algunhas delas son cancións propias e outras melodías creadas con letras de destacados autores e escritores que compuxeron en lingua galega. Neste traballo Astarot segue os pasos dos seus anteriores traballos, pero fusionando aínda máis o son do rock con melodías celtas, para o que contaron coa colaboración de músicos como Bieito Romero e Xan Cerqueiro. Con 'Baixo a Luz de Breogán' a banda quixo render homenaxe a autores que marcaron a literatura en lingua galega como Rosalía de Castro, Xela Arias, Federico García Lorca ou Celso Emilio Ferreiro, entre outros.
Un total de 46 salas reparten as axudas para modernizar as súas instalacións
Xénero:
| 5 / 5 / 2022Vinte e seis espazos privados e vinte públicos reparten 1,2 millóns de euros da convocatoria das axudas que realizou a Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) para mellora das infraestruturas de artes escénicas e musicais. A entidade facía pública onte a resolución da primeira xeira destas subvencións, que se financian cos fondos Next Generation e prevén continuar cunha segunda convocatoria a finais deste mesmo ano.
Blanco Palamera espallan 'INTIMIDADE' co seu novo disco
Xénero:
| 4 / 5 / 2022Despois das 'Promesas'(Raso estudio, 2019) coas que acadaron atención e boas críticas ao dúo compostelán Blanco Palamera xa lle tocaba dar algo máis aos seus seguidores, que non son poucos. 'INTIMIDADE' (Raso estudio , 2022) así, con maiúsculas, é o seu segundo traballo co que pretenden deixar claro en que consiste a proposta do "novo pop". Manu Blanco e Xoán Domínguez presentan en 11 cancións un repertorio cálido de melodías elegantes con texturas sensuais entre o funk, o tropicalismo, a electrónica, o groove e o R&B. Temas sempre con carga de intimidade, coherentes co título do álbum, e honestidade, que xogan co murmurio como proposta vocal e que ofrecen pílulas musicais que van dos menos de dous minutos de 'Adentro' ou 'Con los Angelitos', un arrolo, aos case seis minutos de 'Cando duele', co que pechan este traballo. A 'INTIMIDADE' de Blanco Palamera atoparase xa co seu público este mesmo 13 de maio na sala viguesa La Fábrica de Chocolate e o día 4 de xuño en Santiago, xogando en casa, na Sala Malatesta. O disco editado por Raso estudios está dispoñible tamén nunha edición en vinilo.
O que non se escribe achega formación, música e debate Compostela
Xénero:
| 3 / 5 / 2022"Unhas xornadas de aprendizaxe e experimentación sobre o noso patrimonio sonoro, unha posta en común dos proxectos máis actuais arredor da música tradicional desde unha óptica tan propia como global. Un proxecto único que pon no foco o proceso desde o máis antigo ao máis contemporáneo". Así se presenta a segunda edición de O que non se escribe, o encontro sobre arquivos sonoros e creación contemporánea que desenvolve o groso da súa actividade en Compostela entre o 12 e o 15 de maio.
As fusións coa música tradicional triunfan nos Premios MIN
Xénero:
| 28 / 4 / 2022A XIVª edición dos Premios MIN da música independente en España desvelou onte os seus premiados e a música galega sae desa cita con tres galardóns. A revisión da nosa música tradicional que se está a facer cun cada vez maior éxito de público e crítica viuse referendada por estes galardóns. O fenómeno do ano, as Tanxugueiras, recibiron nesta ocasión o Premio AIE a Mellor Artista Emerxente do Ano en España polas cancións como 'Terra' coa que foron finalistas de Eurovisión. O premio foi un dos catro aos que eran finalistas. As tres cantareiras conseguen así o seu segundo premio MIN, xa que gañaron outro co seu traballo de debut en 2018 como mellor disco en galego do ano. Pola súa banda, outro dos representantes da reinterpretación da tradición, xa desde o enfoque da música electrónica que devén en folktrónica, Baiuca, alzouse con dous importantes premios polo seu recente traballo 'Embruxo' (Raso estudio) co que xa conseguira antes ser finalista do Premio Ruído da Asociación de Periodistas Musicales conseguiu neste certame da música independente ser recoñecido como a Mellor Gravación de Música Electrónica. Ademais o álbum venceu na categoría de producións en idioma galego. O artista acada así dúas das oito candidaturas finalistas nas que chegou a estra presente nesta edición dos galardóns. Baiuca foi ademais o encargado de clausurar a gala dos premios en Pamplona coa súa actuación.
O VIº Jazz de Ría chega ata Cedeira
Xénero:
| 27 / 4 / 2022Será de novo en agosto, do xoves 11 ao domingo 14, cando chegará unha VIª edición desta cita co jazz xa consolidada. Ademais das actuacións previstas nos concellos de Neda e Naron o evento exténdese pola costa Ártabra chegando nesta ocasión ata o concello de Cedeira. O festival ofrecerá unha programación que se achega ás marxes do jazz a través de propostas que xogan con outros estilos como o soul, o flamenco ou as músicas populares.
O festival Pórtico do Paraíso volve apostar pola excelencia internacional
Xénero:
| 20 / 4 / 2022A décima quinta edición do festival de música clásica e antiga Pórtico do Paraíso, de Ourense, ofrecerá catro actuacións de artistas de Portugal, Corea e Estonia. Música vocal, guitarra, arpas e piano con orquestra conforman o abano da diversidade que ofrecerá esta cita da provincia organizada pola Asociación Pórtico Musical, que levará estes catro concertos entre o 29 de abril e o 8 de maio a catro espazos diferentes e emblemáticos da provincia.
Mantense a loita dos músicos por Vigosónico
Xénero:
| 18 / 4 / 2022A plataforma Grupos de Vigo en Loita ven de denunciar de novo a situación das salas de ensaio de Vigosónico. Despois que o goberno municipal respondera ás primeiras protestas anunciando publicamente a reapertura inminente destes servizos municipais para o pasado 25 de febreiro, os músicos vigueses reunidos neste colectivo sinalan que máis de seis semanas despois, esta reapertura aínda non tivo lugar. A plataforma denuncia que o goberno municipal non está respondendo ás súas peticións de información ao respecto, e esixe que se poña unha data real de reapertura e se informe aos grupos sobre o servizo e as condicións do mesmo. En palabras do colectivo, "o desinterese absoluto non só por dar o servizo que demandan as bandas de Vigo, senón simplemente por atender ás súas demandas e ter a máis mínima comunicación con elas, contrasta co triunfalismo trasladado polo alcalde aos medios de comunicación", aseguran. "Os feitos, finalmente, son os que son, e as salas seguen pechadas e sen ningunha perspectiva de abrir", conclúen desde o colectivo.
Galegote Rock volta á normalidade no Xº aniversario
Xénero:
| 12 / 4 / 2022A aposta pola música moderna en galego celebra o seu décimo aniversario en Pontevedra ao chegar a esa edición o Galegote Rock. Este festival de música en directo está promovido pola Concellaría de Normalización Lingüística do Concello de Pontevedra para dar a coñecer a intérpretes e grupos de distintos estilos musicais co denominador común de usar o idioma galega nas súas cancións. Nesta nova edición que terá lugar entre o 28 e o 29 de abril o Galegote Rock volve aos locais de Pontevedra recuperando a súa esencia, logo de dous anos de pandemia. En total serán doce concertos a celebrar de novo en pé e tanto en espazos ao aire libre como dentro das salas pontevedresas habituais deste circuíto.