Ir ao contido directamente.


Ti estás aquí > Inicio / NOTICIA / O festival Pórtico do Paraíso volve apostar pola excelencia internacional

CATRO CONCERTOS DE ARTISTAS CHEGADOS DE COREA, PORTUGAL E ESTONIA CONFORMAN UN CARTEL DE LUXO PARA A XVª EDICIóN

O festival Pórtico do Paraíso volve apostar pola excelencia internacional

CLáSICA/LíRICA | abril 20, 2022

imaxe non dispoñible

A décima quinta edición do festival de música clásica e antiga Pórtico do Paraíso, de Ourense, ofrecerá catro actuacións de artistas de Portugal, Corea e Estonia. Música vocal, guitarra, arpas e piano con orquestra conforman o abano da diversidade que ofrecerá esta cita da provincia organizada pola Asociación Pórtico Musical, que levará estes catro concertos entre o 29 de abril e o 8 de maio a catro espazos diferentes e emblemáticos da provincia.

Unha das apostas máis importantes deste programa, a novísima guitarrista coreana Kyuhee Park, e o pianista portugués Raúl da Costa sumarán, ademais dos seus respectivos concertos dentro do programa, a realización de senllos cursos de interpretación dos seus instrumentos no Conservatorio de Ourense. Xustamente a Orquestra Clásica do Conservatorio de Ourense, dirixida por Raquel Carrera, acompañará ao pianista luso no concerto de peche desta edición, o 8 de maio no Mosteiro de Santa María de Montederramo. Antes diso o conxunto vocal e instrumental tamén portugués Americantiga Ensemble inaugurarán este festival o 29 de abril na Igrexa de Santiago das Caldas (Ourense) con concerto dedicado ás vítimas da pandemia. O arpista estonio Andrew Lawrence-King actuará o domingo, 1 de maio, no Mosteiro de Santa Cristina de Ribas de Sil e Kyuhee Park (Corea do Sur, 1985) fará o propio no Liceo de Ourense o 6 de maio.