Mantense a loita dos músicos por Vigosónico
abril 18, 2022
A plataforma Grupos de Vigo en Loita ven de denunciar de novo a situación das salas de ensaio de Vigosónico. Despois que o goberno municipal respondera ás primeiras protestas anunciando publicamente a reapertura inminente destes servizos municipais para o pasado 25 de febreiro, os músicos vigueses reunidos neste colectivo sinalan que máis de seis semanas despois, esta reapertura aínda non tivo lugar. A plataforma denuncia que o goberno municipal non está respondendo ás súas peticións de información ao respecto, e esixe que se poña unha data real de reapertura e se informe aos grupos sobre o servizo e as condicións do mesmo. En palabras do colectivo, "o desinterese absoluto non só por dar o servizo que demandan as bandas de Vigo, senón simplemente por atender ás súas demandas e ter a máis mínima comunicación con elas, contrasta co triunfalismo trasladado polo alcalde aos medios de comunicación", aseguran. "Os feitos, finalmente, son os que son, e as salas seguen pechadas e sen ningunha perspectiva de abrir", conclúen desde o colectivo.
Dende Grupos de Vigo en Loita denuncian que non houbo ningún avance en ningún sentido, confirmando as súas máis pesimistas previsións. O colectivo afirma que seguirá protestando "ata a recuperación do servizo nas condicións dignas prometidas", anunciando que realizará diversas accións reivindicativas proximamente nesta liña. Mentres tanto, afirman, "as instalacións de Vigosónico están ocupadas por un curso para empresas que ninguén pediu, e que demostra o descoñecemento e o nulo interese por parte do Concello de coñecer o tipo de bandas que empregaban estas instalacións", din no colectivo referíndose á formación para o emprendemento musical Espazo Coworking Go2Work ofertada pola Fundación Paideia e EOI e dirixida a persoas emprendedoras do sector musical que busquen definir o plan de negocio dos seus proxectos artísticos.