Ir ao contido directamente.


Ti estás aquí > Inicio / NOTICIA / O VIº Jazz de Ría chega ata Cedeira

QUICO CADAVAL E PABLO CASTAñO FARáN UN ESPECTáCULO DE HOMENAXE AO 'ORNITHOLOGY' DE CHARLIE PARKER

O VIº Jazz de Ría chega ata Cedeira

JAZZ/BLUES | abril 27, 2022

imaxe non dispoñible

Será de novo en agosto, do xoves 11 ao domingo 14, cando chegará unha VIª edición desta cita co jazz xa consolidada. Ademais das actuacións previstas nos concellos de Neda e Naron o evento exténdese pola costa Ártabra chegando nesta ocasión ata o concello de Cedeira. O festival ofrecerá unha programación que se achega ás marxes do jazz a través de propostas que xogan con outros estilos como o soul, o flamenco ou as músicas populares.

O músico galego David Regueiro abrirá o programa en Cedeira co seu gypsy jazz, incorporando ademais como artista convidado ao violinista Alexandre Cavaliere, unha das figuras máis importantes do jazz manouche actual. O grupo de flamenco jazz de Barcelona, Los Aurora compartirán xornada en Narón coa formación galega Sumrrá. O programa inclúe tamén á Brigada Bravo & Díaz, o dúo formado polo zanfonista Germán Díaz e o guitarrista Antonio Bravo, especializados nas músicas compostas durante conflitos bélicos. Os canarios Nicotine Swing presentan un espectáculo onde o swing e o gipsy jazz crúzanse coa sensibilidade de Billie Holiday, a intensidade de Mon Laferte ou as paisaxes de Morricone. The Sey Sisters é un espectacular trío de voces que, a través do soul, o gospel e un estilo pop impregnado de sonoridades africanas.

O festival pecharase cunha actividade no entorno natural do Río Belelle, un roteiro coa Sociedade Galega de Historia Natural seguido dunha actuación que baixo o nome 'Ornithology' servirá de homenaxe ao clásico Ornithology de Charlie Parker e Benny Harris, favorecendo unha escoita activa dos cantos dos paxaros e convocando a dúas das personalidades galegas máis relevantes nos seus ámbitos: o narrador Quico Cadaval e o saxofonista de jazz Pablo Castaño.

Partindo dun dos standard de jazz máis populares e tocados até o día de hoxe, Quico Cadaval dá forma a un relato libre no que transparenta vivencias e curiosidades da vida, mito e personalidade sonora de Bird, sobrenome de Parker, á vez que as coloca en diálogo coa historia musical local. Pablo Castaño completa as progresións de Cadaval co seu saxo alto, reinterpretando pasaxes musicais tanto de Ornithology como doutros clásicos do be-bop; en suma, moldean unha experiencia na que se suceden a improvisación oral e musical con aderezos humorísticos, poéticos, irónicos e virtuosísticos.