Ir ao contido directamente.


Ti estás aquí > Inicio / NOTICIA / As fusións coa música tradicional triunfan nos Premios MIN

BAIUCA E TANXUGUEIRAS ACADAN TRES GALARDóNS DA ESCENA INDEPENDENTE ESTATAL

As fusións coa música tradicional triunfan nos Premios MIN

FUSIóN | abril 28, 2022

imaxe non dispoñible

A XIVª edición dos Premios MIN da música independente en España desvelou onte os seus premiados e a música galega sae desa cita con tres galardóns. A revisión da nosa música tradicional que se está a facer cun cada vez maior éxito de público e crítica viuse referendada por estes galardóns. O fenómeno do ano, as Tanxugueiras, recibiron nesta ocasión o Premio AIE a Mellor Artista Emerxente do Ano en España polas cancións como 'Terra' coa que foron finalistas de Eurovisión. O premio foi un dos catro aos que eran finalistas. As tres cantareiras conseguen así o seu segundo premio MIN, xa que gañaron outro co seu traballo de debut en 2018 como mellor disco en galego do ano. Pola súa banda, outro dos representantes da reinterpretación da tradición, xa desde o enfoque da música electrónica que devén en folktrónica, Baiuca, alzouse con dous importantes premios polo seu recente traballo 'Embruxo' (Raso estudio) co que xa conseguira antes ser finalista do Premio Ruído da Asociación de Periodistas Musicales conseguiu neste certame da música independente ser recoñecido como a Mellor Gravación de Música Electrónica. Ademais o álbum venceu na categoría de producións en idioma galego. O artista acada así dúas das oito candidaturas finalistas nas que chegou a estra presente nesta edición dos galardóns. Baiuca foi ademais o encargado de clausurar a gala dos premios en Pamplona coa súa actuación.