Ir ao contido directamente.


Noticias

Yann Tiersen, Vetusta Morla e Russian Red están confirmados para o Vigo Transforma

Xénero: Pop | 25 / 3 / 2011

imaxe non dispoñible

É outro dos programas que naceu ao abeiro do Xacobeo e que se continúa para este 2011. Ignacio Santos, director da sociedade que xestiona o Xacobeo, e Roberto Varela, conselleiro de Cutura, presentaron onte a programación desta edición. Un encontro que conta coa presenza confirmada do músico bretón Yann TIersen, os norteamericanos Pains of Being Pure at Heart e os portugueses The Gift. Russian Red, Vetusta Morla e Hola a Todo el Mundo pola banda estatal, mentres que Eladio y los Seres Queridos máis Catpeople completan o lado galego do cartel. Tamén estará Xoel López que aproveitará para presentar algunhas cancións do seu vindeiro traballo. Canda isto, haberá unha serie de concertos gratuitos que contará co apoio de Radio 3 e Mondosonoro. A cita, en Vigo, do 30 de xuño ao 2 de xullo.

Os compositores, músicos e cantantes ocupan o posto 47 das profesións máis contratadas

Xénero: Miscelánea | 24 / 3 / 2011

imaxe non dispoñible

Das cen profesións máis contratadas en Galicia en 2010, segundo datos do Instituto Galego de Cualificacións (Consellaría de Traballo) que fai públicos o Observatorio da Cultura Galega, hai que chegar ata o posto número 47 para atopar unha relativa ao ámbito cultural. É a que ten que ver co epígrafe de “compositores, músicos e cantantes”. Por detrás dela, co posto 55, están os “actores e directores de cine, radio, televisión e de teatro e asimilados”, e nos lugares 77 e 93 están a de “músicos, cantantes e bailaríns de espectáculos en cabarés e similares” e “fotógrafos e operadores de equipos de gravación en imaxes e son”. As categorías relacionadas co ámbito de cultura suman 4.801 empregos, o que supón o 1.53% do total de contratados en Galicia en 2010.

Dous galegos participarán na edición do Sónar que se celebra en Xapón

Xénero: Miscelánea | 24 / 3 / 2011

imaxe non dispoñible

Logo de cinco anos da súa última visita e malia a situación que está a pasar Xapón nestas últimas semanas, os organizadores do Sónar decidiron manter a celebración da SonarSound Tokyo para os primeiros días de abril. O festival celebrarase tal e como estaba previsto (do 1 ao 3) no marco da sala ageHa (coñecida como Studio Coast) e contará con máis de vinte artistas entre os que estarán os galegosBFlecha e Mwslee. Ademais, a edición galega do Sónar destinará o 25% dos seus ingresos a Cruz Vermella de Xapón. Precisamente esta entidade, en colaboración con dúas músicas xaponesas (a pianista Haruna Takebe e a violinista Kiyoko Ohashi) que viven en Galicia organizan un concerto benéfico a favor dos damnificados esa fin de semana. Será no Hostal dos Reis Católicos e participarán arroupadas por membros da Real Filharmonía de Galicia.

Aerolíneas Federales reúnense para dar dous concertos

Xénero: Pop | 24 / 3 / 2011

imaxe non dispoñible

O requerimento dun fan e promotor peruano deu en que Aerolíneas Federales, mítico grupo da movida viguesa, volte aos escenarios logo de 15 anos. Será só para dúas actuacións no país andino os vindeiros 18 e 20 de maio. No Perú Aerolíneas federales gozan dunha forte sona ata o punto en que o pasado ano 2005 editouse nese país Alegra la cara - Tributo a Aerolineas Federalesun disco tributo ao grupo no que colaboraron 21 grupos de España, México, Perú, Chile e Arxentina. Os membros da banda, Miguel Costas, Silvino D. Carreras, Luis Santamarina, Coral Alonso e Rosa Costas están actualmente a ensaiar en Vigo o repertorio para a ocasión, pero descartaron a posibilidade de retornar á música de xeito profesional como banda.

Co disco Entretelas Fon Román volve tras un período de investigación musical e estética

Xénero: Pop | 23 / 3 / 2011 + VIDEO

not_18628.jpg

Tres anos despois do seu debú en solitario Fon Román, o que foi guitarrista e compositor do grupo vigués Piratas, presenta o seu segundo disco Entretelas , publicado polo seu propio selo Pequeñas Iluminaciones. Neste disco de once temas Román marca distancia sonora co seu primeiro traballo e reduce o peso da nostalxia sobre as cancións conseguindo unhas composicións máis vitalistas sen renunciar a unha intimidade emocional. O disco preséntase como unha obra que aúna conceptos musicais e estéticos, cousa que traslada aos video clips cos que se presenta mesmo a imaxe gráfica do álbum. Fon Román dará os primeiros concertos de Entretelas en Galicia o vindeiro 31 de marzo en Ferrol dentro do Ciclo "Novas Noites" no Centro Torrente Ballester e posteriormente na Coruña o 1 de abril cun concerto na Fnac.

O Festival Mozart ábrese ao ballet nunha edición marcada polo recorte orzamentario

Xénero: Clásica/Lírica | 21 / 3 / 2011

imaxe non dispoñible

A coñecida obra Carmina Burana de Carl Orff abrirá o vindeiro 7 de maio unha nova edición do Festival Mozart. Será un concerto especial porque a Orquestra Sinfónica de Galicia dirixirá a máis dun cento de coralistas populares que levan ensaiando desde o pasado mes de xaneiro. O Festival Mozart está este ano está marcado polo recorte orzamentario e a crise económica, aínda que o xerente da Orquestra Sinfónica de Galicia, Oriol Ponsa, non quixo ofrecer cifras exactas. Con todo, o programa mantense fiel á súa orixe operística e mantén programación deste xénero, entre as que destaca O Superbarbeiro de Sevilla, unha versión infantil feita por El Tricicle. Ademais, haberá seis ciclos que sosteñen o resto da programación: Grandes Concertos, En escena, Múica de Cámara , o Festival na Academia (en colaboración coa, o Festival no Mar e o Festival Exprés. Entre as novidades, destaca a incorporación dun ballet á programación. Será un clásico, O lago dos cisnes de Chaikovski, da man do ballet de Ángel Corella. O encontro desenvolverase ata o 25 de xuño.

Trece agrupacións participan na VI edición do Festival de Músicas Contemplativas

Xénero: Antiga | 21 / 3 / 2011

imaxe non dispoñible

Franquear camiños, abrir diálogos e acabar coas barreiras de descoñecemento entre pobos as culturas. Esta é a filosofía dunha nova edición do Festival de Músicas Contemplativas. Un evento que cumpre a súa sexta edición abrindo o patrimonio eclesiástico rehabilitado polo Consorcio de Santiago ao publico. Nesta ocasión participarán 13 agrupacións representativas de tradicións musicais de Oriente e Occidente e das súas espiritualidades. The New London Consort, Il Complesso Barocco, The King´s Consort a Vishwa Mohan Bhatt&Divana son algúns dos grupos que estarán en Santiago entre o 18 e o 23 de abril que se desenvolve este programa.

Eladio y los seres queridos presentan o seu segundo disco

Xénero: Pop | 18 / 3 / 2011 + VIDEO

not_18604.jpg

A partir do vindeiro 22 de marzo chegará ás tendas Están ustedes unidos, o segundo disco de Eladio y los seres queridos. O proxecto, que sae baixo o selo Esmerarte/Altafonte, presentarase ao público o vindeiro día 24 ás 21h cun concerto gratuíto no "Nuevo Tinglado del Puerto" en Vigo. Os 12 temas do disco, canda ao videoclip do primeiro single están xa dispoñibles no MySpace do grupo. Unha das cancións é Non quero perderte unha versión en galego dun tema que xa anteriormente gravaron en castelán no seu anterior disco Esto que tienes delante (2007).

O Padroado da Fundación Cidade da Cultura adía a 2013 a creación do Centro da Música

Xénero: Miscelánea | 18 / 3 / 2011

imaxe non dispoñible

Xa estaba anunciado polo conselleiro de Cultura, Roberto Varela, pero non se fixo efectivo ata onte, no marco dunha xuntanza do padroado da Fundación Cidade da Cultura. O edificio central do complexo do monte Gaiás, o que estaba previsto que fose Centro da Música, non se construirá ata 2013, como mínimo. A situación económica é a causa esgrimida polo padroado para ese adiamento que afecta ao edificio máis caro e polémico de todo o conxunto. Este centro foi concibido inicialmente como un Teatro da Ópera, logo o bipartito transformou nun auditorio chamado Escenario Obradoiro, e hoxe defínese como Centro da Música. Na xuntanza tamén se acordou a creación dun departamento que xestione a programación do complexo.

A asociación cultural Leña Verde de Pol presenta o seu terceiro disco

Xénero: Folk | 15 / 3 / 2011

not_18578.jpg

Con máis de 15 anos de traballo detrás a asociación cultura Leña Verde de Pol ven de presentar no Pazo de San Marcos da Deputación de Lugo o que é o seu terceiro disco A contratempo. Leña Verde está dedicada á promoción e recuperación do patrimonio inmaterial cultural galego, nomeadamente o musical e o seu grupo de folk mestura a música tradicional con arranxos propios e influencias de outras músicas do mundo, neste terceiro traballo o grupo gravou temas tradicionais así como composicións propias e é a primeira vez que contan con pezas cantadas, na voz de Noemi Basanta e Begoña Coya. Ademais, o disco ten a colaboración de moitas persoas como Naír García, membro do grupo de baile, ou o cantautor Dani Flaco, e os músicos Xaneco Tubío e Bruno Villamor e a gravación do disco, que se realizou nos estudos de Óscar Trigo. No acto de presentación o vicepresidente da Deputación de Lugo, Antón Bao, comprometeu a actuación de Leña Verde nos Xardíns da Deputación dentro do ciclo de actuacións de verán “Cultura Aberta nos Xardíns da Deputación”. O disco pode mercarse na tenda virtual da asociación.

<< Inicio / Anterior . 2511 a 2520 de 3580 . Seguinte \ Fin >>

BUSCADOR