Ir ao contido directamente.


Noticias

Cultura dá continuidade ao ciclo Xacobeo Importa para música experimental e transgresora

Xénero: Miscelánea | 14 / 3 / 2011

imaxe non dispoñible

Xa non se chama Xacobeo Importa senón Galicia Importa, pero mantén a mesma filosofía e obxectivos. Cultura acaba de dar a coñecer a programación deste ciclo que programa música máis actual, experimental e transgresora. Pete Doherty, Jay Jay Johanson e Matthew Stephen Ward son algúns dos participantes deste proxecto que, segundo afirma unha nota de prensa da Consellaría, pretende “conseguir que a nosa Comunidade sigua a ser un dos centros de referencia das manifestacións artísticas máis actuais”. O ciclo comezará o vindeiro 16 de abril na sala Capitol de Santiago da man de Pete Doherty.

O ciclo En Xira estreará 23 obras de compositores galegos

Xénero: Clásica/Lírica | 14 / 3 / 2011

imaxe non dispoñible

Vinte e tres estreas de vinte e un compositores galegos compoñen o programa do ciclo En xira, que presentou o pasado sábado o conselleiro de Cultura Roberto Varela. O evento, que comeza o vindeiro 22 de marzo, levará catro concertos a outras tantas cidades galegas e arrincará no conservatorio Xan Viaño de Ferrol, co quinteto de metales Santa Cecilia acompañado polos solistas Antonio Queija Uz, piano, e Irantzu Aguirre, á harpa. Varela anunciou tamén que a música será a grande protagonista da programación da Cidade da Cultura para este ano.

Ler, ouvir e cantar... con Mamá Cabra

Xénero: Infantil | 14 / 3 / 2011

not_18565.jpg

Un disco que é tamén un conto ilustrado e que ademais ten versión en karaoke. Esta é a última aposta que fai o grupo Mamá cabra para os máis novos. Ola, ola, la! chega da man de Galaxia cun texto de Gloria Sánchez que enfía as letras das cancións nunha única historia, mentres as ilustracións deste traballo corren por conta de Kristina Sabaite. Os interesados en contemplar en directo o espectáculo correspondente a este lanzamento, teñen a ocasión nos concerto que o grupo está a realizar no marco do programa de dinamización lingüística Bocaberta.

Galicia convértese por uns días no epicentro do jazz con dúas programacións deste xénero

Xénero: Jazz/Blues | 11 / 3 / 2011

imaxe non dispoñible

Existe desde hai un tempo en Galicia numerosas iniciativas arredor do jazz, por iso non é de estrañar que algunhas delas coincidan no tempo. É o caso do programa Jazz no Principal que desenvolve o Seminario Permanente de Jazz da capital pontevedresa e a cuarta edición do Ciclo 1906. No caso pontevedrés o ciclo terá lugar nas fins de semana deste mes de marzo e nel participarán intérpretes da talla de Logan Richardson, Albert Sanz e Chris Kase. Por outra banda, o Ciclo 1906 conta en Galicia (Santiago, Lugo, A Coruña, Ferrol e Ourense) con 9 das 13 sedes oficiais. Iso dá pé a que Roy Hargrove, Arthur Kell e Tineke Postma toquen en Galicia a partir do 18 de marzo.

Estréase a Orquestra Xovigo interpretando obras do compositor galego Fernando Buide

Xénero: Clásica/Lírica | 11 / 3 / 2011

imaxe non dispoñible

Rhapsody in blue é o titulo da composición do galego Fernando Buide coa que se estrea a orquestra xuvenil de Vigo, Xovigo. Con este concerto inaugural (na que tamén se interpetarán unha selección de danzas de Brahms e Dvorak) preséntase ao público esta orquestra xuvenil que se comezou a xestar hai dous anos. A tenencia da Alcaldía do Concello de Vigo e a Asociación Galega de Música Atlantik Musik (AGMAM) son os encargados desta formación que ten finalidade educativa. O concertó será este sábado no auditorio Martín Códax do Conservatorio Superior de Música de Vigo.

A formación Deseqilibrio Mental presenta o seu primeiro disco de estudio

Xénero: Rock | 11 / 3 / 2011

not_18557.jpg

Practicamente nove anos despois de comezar a súa andadura musical a banda de rock Deseqilibrio Mental ven editar o seu primeiro traballo de longa duración Con Q sin U no selo Lobicán Records, doce pezas con letra en galego gravadas nos estudios Pousada Son. Anteriormente o grupo resultara gañador do 3º Certame Música Xove 2010 e participara no compilatorio de bandas de rock compostelás Come on Pelegrín (2010) e publicara un EP , Adianto (2009). O grupo parte do rock metal para tratar nos seus temas diversas cousas que acontecen a miúdo na sociedade actual, en ton de protesta social. Actualmente Deseqilibrio Mental están presentando en directo o seu novo traballoCon Q sin U ó longo de todo o territorio galego comezando por hoxe mesmo en Santiago na Sala Nasa onde compartirán escenario coa banda Kertuler.

Sae á venda a banda sonora de Secuestrados

Xénero: BSO | 10 / 3 / 2011

not_18554.jpg

Vintecinco minutos de música ambiental que pretende xerar desasosego. Esta é a proposta que fai Sergio Moure coa banda sonora orixinal do filme Secuestrados producido por Vaca Films, coa que foi candidato ao Goya nesta categoría. O disco, que acaba de saír á luz da man de Karonte distribucións, consolida a carreira de Moure na música para filmes, un xénero no que xa realizara o acompañamento de Retornos ou Un buen hombre.

Observación: O peso dos clásicos

Xénero: Clásica/Lírica | 10 / 3 / 2011

imaxe non dispoñible

Malia a que non deixa a súa etiqueta de xénero minoritario, a música clásica mantén un peso relativamente importante, e mesmo crecente, no noso panorama cultural. Os 1.431 concertos deste tipo que se programaron no país en 2009 dan boa mostra disto. Malia aos efectos da crise, que provocaron un certo parón na tendencia ascendente, estamos a falar dun sector que recadou case un millón de euros nese ano.

Sinsal organiza o primeiro encontro de enxeñaría cultural

Xénero: Alternativa | 9 / 3 / 2011

imaxe non dispoñible

AP-9. Enxeñaría cultural é o título do encontro que organiza o Festival Sinsal na Coruña os vindeiros 8 e 9 de abril. A proposta pretende explorar as últimas tendencias en xestión cultural atendendo a cuestións como a busca de financiamento para proxectos, as posibilidades das novas tecnoloxías ou o traballo en rede. De xeito paralelo, o Festival organiza unha extensión no garaxe de Expocoruña centrada en propostas musicais de carácter experimental. Diva Dompé, Fm Eiheit e Massimo Pupillo, Live Footage ou Raime son algunhas das propostas que se poderán contemplar ao vivo no evento.

O concello da Coruña esíxelle a Xunta que manteña a axuda á Orquestra Sinfónica de Galicia

Xénero: Clásica/Lírica | 8 / 3 / 2011

imaxe non dispoñible

É a formación máis exitosa de todas cantas hai en Galicia, ademais de ter un público fiel consegue colgar o cartel de “non hai entradas” en numerosas ocasións. A Xunta acaba de anunciar que reducirá a súa axuda a este proxecto en 600.000 euros, o que acaba de enfadar ao concello da Coruña. No último pleno os diferentes partidos políticos (coa excepción do PP) aprobaron unha moción esixindolle á administración autonómica que “rectifique”. Mentres tanto, a OSG continúa coa súa programación e esta fin de semana ofrecerá unha homenaxe ao compositor galego Manuel Balboa.

<< Inicio / Anterior . 2521 a 2530 de 3580 . Seguinte \ Fin >>

BUSCADOR