Ir ao contido directamente.


Ti estás aquí > Inicio / NOTICIA / Observación: O peso dos clásicos

A PRESENZA DA MúSICA CLáSICA NA NOSA CULTURA AFIáNZASE NOS úLTIMOS ANOS

Observación: O peso dos clásicos

CLáSICA/LíRICA | marzo 10, 2011

imaxe non dispoñible

Malia a que non deixa a súa etiqueta de xénero minoritario, a música clásica mantén un peso relativamente importante, e mesmo crecente, no noso panorama cultural. Os 1.431 concertos deste tipo que se programaron no país en 2009 dan boa mostra disto. Malia aos efectos da crise, que provocaron un certo parón na tendencia ascendente, estamos a falar dun sector que recadou case un millón de euros nese ano.

De atendermos a teatros e auditorios con aforos superiores ás 100 persoas, no noso país existen nada menos que 84 salas que son axeitadas para acoller concertos de música clásica. Das mesmas, algo máis da metade (43) están na provincia da Coruña, 22 en Pontevedra e 11 en Lugo, dándose unha especial concentración nas grandes cidades. Este condicionante xeográfico provoca, obviamente, tamén haxa máis concertos deste tipo nas provincias máis preparadas para os albergar.

Público urbano
A nivel de público, asistiron a estes eventos 340.023 espectadores, un 6,1% do público estatal. É certo que o interese por este tipo de música continúa a ser minoritario, xa que as tres cuartas partes dos galegos declaran non ir nunca ou case nunca a espectáculos ao vivo deste tipo. Só unhas 27.500 persoas aseguran acudir cando menos unha vez ao mes a un concerto de música clásica, e delas, 20.000 viven en cidades, e especialmente en Compostela e na Coruña, onde se sitúan as sedes da Filharmónica e mais da Sinfónica de Galicia, respectivamente, o que ratifica a concentración xeográfica da afección. De feito, a ausencia de programación nas proximidades é esgrimida como a principal razón para non acudir a espectáculos deste tipo polo 30,7% dos galegos.

Evolución do número de espectadores de concertos de música clásica.
Anos 2001-2009




Unha programación potente
As 1.431 actuacións deste tipo que houbo no país en 2009, segundo os datos da SGAE (Sociedade Xeral de Autores), sitúanos como a quinta comunidade con máis concertos no estado. En xeral, a tendencia na presenza deste tipo de espectáculos no noso panorama cultural está a se incrementar nos últimos anos. Segundo os datos que manexa o Observatorio da Cultura, detéctase un importante bache na no programación nos anos 2007 e 2008 logo de varios anos ascendentes, e xa se albisca unha recuperación no ano 2009, o que fai pensar en que a pegada a música clásica continuará a ascender, especialmente se temos en conta as programacións específicas que se desenvolveron neste sentido ao longo do Xacobeo.

Evolución do número de concertos de música clásica por tipo de concerto. Anos 2001-2009



A partir dos datos analizados, compróbase que existe unha forte relación entre o número de actos programados e mais a cantidade de público que asiste aos mesmos. É dicir, canto máis concertos, máis espectadores. Deste xeito, o incremento dun 35% no número de concertos que se deu entre 2003 e 2004 (de 1317 a 1778) deu nun 36,1% máis espectadores nestes eventos. Deste xeito, a curva do número de eventos programados e mais a de público van parellas. A nivel de gustos, no período estudado detéctase un forte incremento dos afeccionados á música sinfónica, nada menos que un 58,8% máis de público, así como da música de bandas, que tivo un 43,3% máis asistencia. Foi a música de cámara a que rexistrou un descenso destacado nestes anos, cun 24,8% menos afeccionados, aínda que mantén o seu liderado como o estilo máis seguido.

Música económica
A nivel económico, esta actividade supuxo unha recadación en 2009 de 940,826 euros, o que supón un 2,1% da estatal neste campo. Se comparamos esta porcentaxe co número de espectadores, atopamos un desfase que se explica ata certo punto porque o prezo medio por entrada é sensiblemente inferior á medida estatal, 8,9 euros fronte a 15,2, o que nos sitúa como a quinta comunidade máis barata para estes eventos. Ademais, o noso país é líder no estado a nivel de concertos de balde neste estilo, xa que só un 14,3% dos que se programaron esixían pasar previamente pola billeteira.

Evolución do prezo medio da entrada a concertos de música clásica, anos 2001-2009


Malia a que o seguimento por estilo faría pensar na música de cámara como líder da recadación, é a sinfónica a que achega con diferenza os principais ingresos deste sector, con nada menos que un 71,4% do total.

Porcentaxe de recadación de concertos de música clásica por tipo de concertos en 2009




Fonte: Elaboración propia a partir de datos da SGAE
* Nos anos 2006 e 2007 non dispoñemos dos datos para poder calcular o prezo medio da entrada en Galicia.