Ir ao contido directamente.


Noticias

Javier Martínez Campos gaña o premio Gaos de composición

Xénero: Clásica/Lírica | 6 / 4 / 2011

imaxe non dispoñible

O premio de composición Andrés Gaos, que convoca a Deputación da Coruña, foi na súa IX Edición para Javier Martínez Campos. O creador valenciano impúxose entre as once obras presentadas ao certame coa composición Cliffs of Moher para oboe e orquestra sinfónica. Segundo anunciou Oriol Ponsa, comisario do certame, a obra gañadora da anterior edición Wellspring, do norteamericano David Vayo, estrearase o vindeiro outono da man da Orquestra Sinfónica de Galicia, mentres a gañadora deste ano será estreada o ano que vén pola mesma formación. Martínez Campos leva ademais 6.500 euros de premio en metálico.

25 anos de Luar na Lubre nunha lista de reprodución

Xénero: Folk | 5 / 4 / 2011

imaxe non dispoñible

É un dos poucos grupos galegos máis prestixiosos, canda a Siniestro Total, Los Suaves e Milladoiro, que conseguiu superar a barreira do cuarto do século. Luar na Lubre celebra nestes 2011 o seu 25 aniversario, e para acompañalos Bieito Romero, compositor e líder do proxecto, selecciona para nós os temas máis representativos da carreira do conxunto, nunha lista que podes escoitar en Spotify.

Cultura edita un disco de temas tradicionais interpretados por unha soprano

Xénero: Melódica | 4 / 4 / 2011

imaxe non dispoñible

O conselleiro de Cultura, Roberto Varela, presentaba esta mañá no Gaiás Lela, un disco no que a soprano chilena Cristina Gallardo-Domás interpreta 14 temas tradicionais galegos. O proxecto, desenvolvido en colaboración coa Fundación Paideia e a Orquestra Gaos, inclúe versións de temas populares adaptados por compositores como Juan Montes, Pascual Veiga, Juan José Castro (Chané), Marcial del Adalid, Andrés Gaos o Luis Taibo. Segundo sinala a Consellaría de Cultura, con esta iniciativa temas da nosa tradición "pasarán a formar parte do repertorio dunha das mellores sopranos do noso tempo, habitual de todos os grandes teatros e festivais internacionais". A edición deste disco inclúese nas actividades do Ano da Música.

Os coruñeses Combo Dinamo presentan hoxe o seu segundo disco Quieto, muere, resucita!!!

Xénero: Indie | 1 / 4 / 2011 + IMAXES

not_18691.jpg

Cunha densa axenda por diante a banda Combo Dinamo presentará esta fin de semana o seu segundo disco Quieto, muere, resucita!!!, título inspirado nunha película rusa homónima de 1989. Hoxe venres haberá unha presentación ás 19:30 horas na tenda Meriendacena (San Andrés ,84); o sábado será o escenario da FNAC o que acolla un concerto de inicio da xira nun formato acorde ao sitio e xa o domingo día 3, no marco da feira cultura Achegarte (Palexco) ás 17:30 horas farán un concerto de presentación do disco. Todo con entrada libre. Quieto, muere, resucita!!! inclúe once composicións propias da banda e unha versión de Brian Eno adaptada ao castelán que pecha o álbum. Foi gravado nos estudios Abrigueiro de Friol, contando coa produción de Arturo Vaquero e Combo dinamo. Ademais de en formato dixital en CD o disco sairá máis adiante nunha edición en vinilo branco, edición numerada e limitada, co CD de agasallo. A xira comezará a mediados de maio e ata entón a banda centrarase na promoción do disco e na gravación do videoclip do tema que dá nome ao disco baixo a dirección de Héctor Diéguez.

A Real Filharmonía estrea unha peza inédita do pianista e compositor ferrolá José Arriola

Xénero: Clásica/Lírica | 31 / 3 / 2011

imaxe non dispoñible

A cita inaugural foi onte en Ferrol, cidade na que naceu José Arriola, pero hoxe haberá unha nova oportunidade para escoitalo no Auditorio de Galicia (Santiago de Compostela, 21:00 horas).

Unha publicación compila partituras e audios de pezas tradicionais para gaita e percusión

Xénero: Folk | 30 / 3 / 2011

imaxe non dispoñible

Un botón de balance. Esta é toda a tecnoloxía que se precisa dun reprodutor de música para poder sacarlle o máximo partido o segundo volumen de Pel & Madeira. Trátase dun libro que contén partituras (impresas e en pdf) e gravacións (en CD) que permite escoitar separadamente cada un dos instrumentos. Deste xeito cúmprese coa finalidade didáctica que ten esta colección que a editora Dos Acordes creou en 2008 co obxecto de darlle un novo enfoque de estudo dos instrumentos tradicionais. Nesta ocasión, coa colaboración financeira da Agadic, céntrase na gaita e na percusión, con 30 pezas tradicionais. A colección toma o nome dos materiais cos que están construídos a maioría dos instrumentos da tradición musical galega e a colección pretende abrirse, no futuro, a outros como zanfoña, requinta, trompa ou pandeira.

Unha exposición lembrará o vencello de Lois Pereiro con Monforte

Xénero: Rock | 30 / 3 / 2011

imaxe non dispoñible

O vindeiro venres a Casa da Cultura de Monforte inaugura Camiño do futuro libremente, unha exposición de paneis que lembra a rleación de Lois Pereiro coa cidade do Cabe. Fotografías de álbums familiares, textos do autor e un lugar onde os visitantes poden deixar post-its con mensaxes fan parte da iniciativa. Pola súa banda, a compostelá Sala Nasa programa para a noite de mañá unha noite de homenaxe a este autor. A banda Onda Martenot, composta por membros de diferentes conxuntos, interpretará temas que lle gustaban a Pereiro, acompañados de Manu Clavijo e de Das Capital. Será a partir das 21.30 horas.

Luís Tosar grava con Di Elas o seu primeiro disco

Xénero: Rock | 29 / 3 / 2011 + VIDEO

not_18665.jpg

Logo de varios anos de actuacións ao vivo, Di Elas, o grupo liderado por Luís Tosar e Piti Sanz, lanzan o seu primeiro disco. Co mesmo nome do grupo, o CD, producido por Warner, está integramente en castelán agás un tema cantado en galego. O grupo interpreta neste lanzamento temas propios compostos por Tosar e Sanz nos que canda aos propios do rock destaca o emprego da guitarra acústica. O vídeo do primeiro single, Volver está xa dispoñible na rede.

Notas recicladas

Xénero: Miscelánea | 29 / 3 / 2011

imaxe non dispoñible

O Conselleiro de Cultura presentaba onte o proxecto do Ano da Música, grande aposta do seu departamento para este ano. Nun momento no que a crise marca unha austeridade sen precedentes na actividade cultural pública, pode sorprender o investimento de seis millóns de euros da Xunta neste programa. No entanto, a maior parte das propostas que se poderán ver este ano xa se estaban a desenvolver en anos anteriores, e só dous festivais aparecen como novidades.

Musiqueoh! busca reunir as diferentes iniciativas sobre música galega da rede

Xénero: Miscelánea | 25 / 3 / 2011

imaxe non dispoñible

A música galega ten un novo valedor virtual en Internet coa aparición de Musiqueoh, un agregador de páxinas que falan de música e que nutren a través dos seus fluxos RSS este contedor. En Musiqueoh! podemos acceder aos contidos de páxinas como Malmequer, Komunikando, MeGA (de Culturagalega.org), Galiza Electrónica, Temazo, e-Trad e moitas outras. O obxectivo é presentar de xeito cómodo e compacto as novas que se xeran nas moitas webs en galego sobre música que existen. Musiqueoh actualízase cada hora coas últimas novas. Ademais das novas máis recentes dispón de vídeos e imaxes relacionados coa música, tamén un buscador especializado na música en galego e reúne dous reprodutores dos podcast da Radio Galega Música e dos podcast musicais máis destacados de Podgalego, e por último Verme TV, o xermolo dunha canle de videoclips de música galega.

<< Inicio / Anterior . 2501 a 2510 de 3580 . Seguinte \ Fin >>

BUSCADOR