Notas recicladas
marzo 29, 2011
O Conselleiro de Cultura presentaba onte o proxecto do Ano da Música, grande aposta do seu departamento para este ano. Nun momento no que a crise marca unha austeridade sen precedentes na actividade cultural pública, pode sorprender o investimento de seis millóns de euros da Xunta neste programa. No entanto, a maior parte das propostas que se poderán ver este ano xa se estaban a desenvolver en anos anteriores, e só dous festivais aparecen como novidades.
Anunciábase como eixe fundamental das políticas culturais para este 2011. E se comparamos co investimento anunciado para o Ano do Libro, 2.850.000 euros, os seis millóns que Roberto Varela anunciou onte para o Ano da Música, pode facer pensar que os fastos nesta ocasión serán verdadeiramente espectaculares. Máis de mil eventos, segundo Cultura cubrirán o noso país de música ao longo dos vindeiros meses. No entanto, a analizar o programa, semella que proxecto ficará unicamente como unha marca que vai englobar as máis variadas actividades que xa viñan desenvolvendo no país. En xeral a efeméride centrarase nas actuacións de música ao vivo nos máis variados estilos. A contrastar coas propostas do Ano do Libro, non haberá xornadas de reflexión ou congresos, actividades de animacións nin edición de discos, cando menos segundo o plano que se presentou onte.
Novidades: Concellos
De entre as escasas novidades que esta celebración vai deixar na axenda cultural do país, destaca con peso propio o ciclo que se desenvolverá nos concellos. Cun investimento dun millón de euros, desenvolveranse cen concertos distribuídos pola nosa xeografía entre xuño e setembro. A Axencia Galega das Industrias Culturais abrirá un proceso de selección do que sairá un máximo dun centenar de grupos entre os cales os diferentes concellos seleccionarán aqueles que teñen interese en programar. Segundo anuncia Cultura, as actuacións poderán desenvolverse no interior ou en exteriores e ser dun só conxunto ou de varios.
Novidades: Nenos e patrimonio
Peque Classics, unha proposta que quere achegar os máis novos á musica clásica é unha das escasas novidades que o programa do Ano da música achega á axenda. Concertos didácticos acompañados por actividades procurarán difundir este estilo. Canda a este, o Festival de Música Activa achegará un cartel maioritario de músicos galegos. A peculiaridade da cita é que a recadación do mesmo irá destinada á recuperación de espazos patrimoniais, e será o público quen seleccionará a través de Internet o destino destes fondos.
Novidades: Premios
Con vocación anual, nacen os Premios da Música Galega, que terán neste 2011 a súa primeira edición. En decembro, e cunha sede que será itinerante, esta convocatoria busca recoñecer as mellores iniciativas no campo sonoro atendendo ás categorías de artistas, traballos discográficos, cancións ou directos, sen divisións por estilos. Segundo anunciou a Consellaría, un xurado independente con representación dos diferentes axentes do sector, será o encargado de facer a selección. Cada un dos galardóns levará o nome dun trobador medieval da tradición galego-portuguesa.
Promoción exterior e apoio
Chama a atención no programa anunciado pola Consellaría a ausencia de anuncios de apoio á industria de cara á promoción exterior ou a participación en feiras. Fronte a isto, Cultura apostou pola creación da figura dos “Embaixadores de Galicia”. O patrocinio das xiras internacionais de Berrogüetto, Luar na Lubre, Mercedes Peón e Xoel López, que integrarán as marcas Galicia e Ano da Música nas súas actuacións e promocións, supón a principal aposta pola proxección exterior dos nosos creadores neste campo dentro da celebración. Malia a que se fala de xeito xenérico do apoio á música de base coa continuación de convenios de colaboración coa Federación Galega de Bandas de Música ou a Federación Coral Galega. Chama a atención no dosier que se presentou onte a mención específica da Asociación de Gaiteiros Galegos, que o ano pasado non celebrou as súas xornadas de formación por falta de apoio da Xunta ou do premio Constantino Bellón, que segundo denunciar ao Ateneo de Ferrol, tampouco se realizou polo mesmo motivo.
Circuítos integrados
Manteñen tamén a súa actividade este ano as actuacións da Rede Galega de Música e Vivo, con arredor de 520 concertos en 23 salas de todo o país, unha cifra que resulta mesmo inferior ás 601 que se desenvolveron en 2009 (últimas cifras dun ano completo proporcionadas por AGADIC) e que confirman á tendencia descendente deste programa nos últimos anos. Como novidade, a música entrará tamén na oferta da Rede Galega de Salas, o que sumado ás xa habituais actuacións de música de cámara da Rede Galega de Teatros e auditorios sumarán 40 actuacións á oferta sonora do ano. Camiños da Cultura durante o verán é outra das citas que se retoman para a ocasión, levando concertos aínda sen concretar a diferentes localidades do país. Tamén se integra na programación do ano a posta en escena por parte do Centro Dramático Galego da Ópera dos Tres Reás, que terá a Luís Tosar como protagonista.
Replay Xacobeo
Do mesmo xeito que no 2010 doce festivais xa consolidados se integraron na programación do Xacobeo, este ano repítese o esquema, e citas como o Festival do Norte, Imaxinasón, o Festival de Ortigueira, Cultura Quente, Reperkusión, MicroFest ou o Festival de Jazz de Lugo, entre outros e ata un total de 20, levarán o marchamo do ano da música. O Sónar Galicia e o Vigo Transforma intégranse tamén na efeméride, ao igual a herdanzas directas do Xacobeo como é o ciclo Galicia Classics e mais o Galicia Importa, xa anunciado. Canda a estes, o Festival Sinsal, coas súas extensións e mais Espazos Sonoros, que aproveita áreas monumentais do noso país como escenarios para festivais, completan o groso da programación de música ao vivo que poderemos ver en 2011 dentro desta iniciativa.
Coa catedral
Dentro do aproveitamento de sinerxias da programación, atopamos tamén a celebración do Vía Stellae, xa na súa sexta edición, que se presentou tamén como parte das propostas do 800 aniversario da Catedral de Santiago. Tamén deste programa atopamos no Ano da Música actuacións especiais dentro do xa mentado Galicia Classics e mais o Escenario Gaiás, unha aposta por levar a música á Cidade da Cultura na que as formacións vangardistas Taller Atlántico Contemporáneo e mais a Orquestra de Música Espontánea de Galicia, desenvolverán diversas actuacións que se complementarán con concertos puntuais.
Malia á aparente falta de novidades do programa, Cultura advirte no propio dosier promocional que de cara aos concertos programados “as sorpresas, que serán numerosas, iranse desvelando pouco a pouco”, e adianta a celebración de eventos relacionados coa celebración do centenario de Cunqueiro e mais do 75 cabodano de Valle-Inclán. É de agardar que segundo vaia avanzando o ano, se comprobe se a inxección económica permite unha mellora destacada nos carteis dos festivais que veremos este ano.