Ti estás aquí > Inicio / / Unha publicación compila partituras e audios de pezas tradicionais para gaita e percusión
Unha publicación compila partituras e audios de pezas tradicionais para gaita e percusión
marzo 30, 2011
Un botón de balance. Esta é toda a tecnoloxía que se precisa dun reprodutor de música para poder sacarlle o máximo partido o segundo volumen de Pel & Madeira. Trátase dun libro que contén partituras (impresas e en pdf) e gravacións (en CD) que permite escoitar separadamente cada un dos instrumentos. Deste xeito cúmprese coa finalidade didáctica que ten esta colección que a editora Dos Acordes creou en 2008 co obxecto de darlle un novo enfoque de estudo dos instrumentos tradicionais. Nesta ocasión, coa colaboración financeira da Agadic, céntrase na gaita e na percusión, con 30 pezas tradicionais. A colección toma o nome dos materiais cos que están construídos a maioría dos instrumentos da tradición musical galega e a colección pretende abrirse, no futuro, a outros como zanfoña, requinta, trompa ou pandeira.