Noticias
Descende un 8 por cento a recadación por dereitos de autor en Galicia, malia o efecto Xacobeo
Xénero: | 28 / 4 / 2011
O Xacobeo deixou unha pegada importante no balance de contas da Sociedade Xeral de Autor e Editores (SGAE) en Galicia. Segundo asegurou Javier Vidal, director da SGAE Noroeste, a crise notouse nesta edición e a recadación por dereitos de autor situouse en 18.46 millóns de euros, que supuxo un descenso do 8% con respecto ao ano anterior. Unha cifra amortiguada polo tirón do Xacobeo que fixo posible, en palabras de Vidal, que “tiveramos un significativo ascenso na música ao vivo, que supuxo un 14.24% máis que no 2009 que, sen ese programa quedaría nun 4% de incremento”. Vidal aproveitou para apuntar que aumentaron os socios en Galicia e que superaron a “barreira dos tres mil autores, concentrados principalmente entre Coruña e Pontevedra”.
Berrogüetto é o único representante galego nos premios da música
Xénero: | 28 / 4 / 2011
A presenza galega entre os gañadores dos XV Premios da Música que restrinxida á categoría de mellor canción en galego. O Alalá da noite de Berrogüetto impúxose aos temas de Mercedes Peón, Cristina Pato e Rosa Cedrón que quedaron finalistas. Siniestro Total, que tamén optaba ao galardón, anunciara no seu web que renunciaba á súa candidatura ao considerar que tiñan máis dereito ao premio músicos que desenvolven a súa carreira integramente na nosa lingua. O tema gañador é da autoría de Manuel Rivas, Quico Comesaña e Xabier Díaz, e fai parte do seu último álbum Kosmogonías.
Lugo reivindica a Xoán Montes cunha semana de actos
Xénero: | 26 / 4 / 2011
Xoán Montes. Sóache? é o título do programa de actividades coas que o Museo de Lugo quere dar a coñecer a figura deste músico entre a cidadanía. O proxecto inclúe actividades como unha exposición no propio centro a explicar a vida e a obra do músico, unha ruta polos lugares da cidade relacionados con el, conferencias sobre a súa época e o seu traballo e mais concertos con algunhas das pezas máis coñecidas do compositor entre outras actividades que se desenvolven ata o vindeiro 29 de abril.
A volta á Idade Media
Xénero: | 26 / 4 / 2011 + VIDEO + IMAXES + AUDIO
A fronda dos cervos, o último disco do veterano grupo DOA recolle cantigas de amor, de amigo e de escarnio e maldicir. O CD inclúe no seu caderno textos explicativos de cada un dos temas e unha introdución á lírica galego-portuguesa da Idade Media asinada por Federico Pérez, tamén hai un limiar da poeta Eva Veiga.
Ampla representación galega no Festival de Lorient, que este ano honra ás diásporas célticas
Xénero: | 19 / 4 / 2011
A organización do Festival Celta de Lorient quixo dedicar este ano a todas esas comunidades que emigraron e levaron a súa influencia musical aos seus novos destinos (Estados Unidos, México, Canadá, Nova Zelanda…). Canda a orientación deste ano, haberá ampla participación galega. No escenario principal (Espace Marine) estarán Luz Casal (martes 9), as galegas afincadas en Bélxica, Ialma (mércores 10) e Carlos Núñez ( xoves 11). Completa a participación galega o grupo de Pablo Seoane, que estará no Palacio de Congresos o martes 9 de agosto. O festival de Lorient desenvólvese nesta 41 edición entre o 5 e o 14 de agosto.
Toxos e Froles recupera o congreso de música tradicional Terra de Trasancos
Xénero: | 18 / 4 / 2011
Levaba varios sen realizarse, pero a asociación Toxos e Froles acaba de anunciar que unha das súas iniciativas destacadas para este 2011 é a celebración do Congreso de Música Tradicional Terra de Trasancos. A cita comezará o vindeiro vernes 29 de abril en Ferrol e desenvolverase ata o sábado. Carlos Núñez será o encargado de abrir o encontro que, será de balde (previa inscrición en info@toxosefroles.com) e que contará con conferencias e concertos.
Xacobe Martínez Antelo Cuarteto lanza Jazz from Galiza!!
Xénero: | 13 / 4 / 2011
Jazz from Galiza!! é o título do novo traballo do Xacobe Martínez Antelo Cuarteto. A obra, publicada por Free Code Jazz Records, é a primeira da formación que compoñen Rosolino Marinello e Fernando Sánchez ós saxos, Max Gómez á batería e o propio Martínez Antelo ao contrabaixo. O proxecto, gravado en parte ao vivo, recolle composicións orixinais que exploran as máis diversas variantes do jazz, desde o free ao melódico. Un concerto do ciclo ST Música Presente no Salón Teatro de Santiago serve hoxe ás 21 horas de presentación ao lanzamento.
Adíase indefinidamente o festival de música electrónica 981
Xénero: | 13 / 4 / 2011
Non é por falta de apoio económico nin de patrocinadores, senón pola proliferación de festivais do mesmo tipo. Por iso, os organizadores do 981, o festival de música electrónica que se desenvolvía na Coruña desde 2005, acaban de anunciar a súa suspensión “indefinida”. O encontro desaparece como festival pero continuarán empregando a marca 981 para outras actividades. Por este festival pasaron figuras como New Orrder, Joy Division, Peter Hook, Chicks on Speed ou Lo Fidelity Allstars.
Agadic impulsa a entrada de seis grupos na área profesional do Primavera Sound
Xénero: | 8 / 4 / 2011
O Primavera Sound non se trata só dun festival lúdico, senón que ten un marcado acento profesional que, segundo o seu director, “comeza cunha copa ou cunha conversa e acaba cun contrato”. A cita, que se desenvolve en Barcelona do 26 ao 28 do vindeiro mes de maio, contará coa presenza de seis formacións galegas (Colectivo Oruga, Disco Las Palmeras!, Eladio y Los Seres Queridos, Igloo, Maryland e Nouvelle Cuisine) que pasaron a dobre peneira de Agadic e da organización do propio festival. O desembarco destes grupos inscríbese no apartado profesional, o PrimaveraPro, que impllica concertos breves de 45 minutos de duración, espazos de encontro entre managares e programadores… Isto é posible grazas a un convenio entre o Primavera Sound e a Agadic, que tivo un conste duns 18.000 euros (á parte gastos de inscrición e desprazamentos das bandas). Insírese na estratexia de internacionalización de Agadic, no interese de promover a presenza das formacións no mercado. No marco do programa de concertos do Primavera Sound, aberto a público xeral estará, canda PJ Harvey ou Interpol, os galegos Triángulo de Amor Bizarro.
A Central Folque leva a cultura á praza de abastos de Pontevedra
Xénero: | 8 / 4 / 2011
Esta mesma mañá, os clientes da praza de abastos de Pontevedra asistirán a unha actuación de novo cirto. A iniciativa enmárcase no proxecto Arte Fresca do Día, que coordina a Central Folque e que levará cada venres ata o vindeiro 20 de maio diversas artes a este espazo comercial. Literatura oral, música tradicional, actividades para nenos e poesía completarán o programa.


