Ir ao contido directamente.


Noticias

Unha webserie explora o folclore no Camiño de Inverno

Xénero: Folk | 11 / 10 / 2022

imaxe non dispoñible

Ao abeiro do Fondo de proxectos culturais en lingua galega Xacobeo 2021-2022 Javier Blanco Carballal acaba de presentar a webserie A paso de muiñeira polo Camiño de Inverno. O proxecto, que se pode ver no web da Secretaría Xeral de Política Lingüística repasa en oito capítulos a saúde da cultura e do folclore nas diferentes etapas desta ruta xacobea.

As axudas á promoción e difusión de proxectos musicais apoiarán 29 artistas e grupos

Xénero: Miscelánea | 10 / 10 / 2022

imaxe non dispoñible

A Axencia Galega das Industrias Culturais daba a coñecer este 9 de outubro a resolución da primeira convocatoria de Axudas para promoción e difusión de proxectos musicais profesionais. Un total de 1.036.000 euros apoiarán un total de 29 solistas e grupos a través de once empresas promotoras, a contribuír á "promoción dos artistas en diferentes fases, que van desde a análise e implementación de ferramentas para o desenvolvemento do talento musical ata a internacionalización, pasando pola súa introdución e consolidación no seo da industria".

Rueda sitúa a achega da Xunta á OSG nos tres millóns de euros

Xénero: Clásica/Lírica | 5 / 10 / 2022

imaxe non dispoñible

O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, asegurou en reunión coa alcaldesa da Coruña, Inés Rey, o apoio económico do goberno autonómico á Orquestra Sinfónica de Galicia nos vindeiros orzamentos autonómicos. Rueda comprometeu a inclusión dunha partida de tres millóns de euros nesta anualidade e manifestou a intención de que ese apoio manteña o nivel "nos vindeiros anos". No pasado o goberno municipal denunciou repetidamente a incumprimento do compromiso da Xunta coa OSG, que era achegar anualmente un mínimo de tres millóns de euros, como o agora confirmado. Esa cantidade mantívose sen abonar íntegra desde 2011, achegando en cada anualidade 2,7 millóns consignados para gastos correntes da formación, e non foi ata o pasado ano, 2021, que a Xunta fixo unha achega extraordinaria de chagando ata os 3,5 millóns de euros vencellada ao Xacobeo 2021-2022. Desde a perspectiva municipal, a diferenza neses anos entre o comprometido co efectivamente achegado supera xa os 5 millóns de euros de débeda por parte do Goberno Autonómico.

O rapeiro Big Meu gaña a Liga CeibaRimas

Xénero: Hip-Hop | 5 / 10 / 2022

imaxe non dispoñible

A liga CeibaRimas, un encontro con formato de competición que busca fomentar o uso do idioma galego na arte do rap de improvisación ( freestyle), ven de levar a cabo a súa primeira edición presencial en Santiago, resultando o rapeiro local, Big Meu campión deste 2022. As actuacións dos participantes dividíanse en dous minutos de improvisación libre e un intercambio de pregunta-resposta entre dous participantes durante outro minuto. Big Meu acadou o favor do xurado grazas ao seu enxeño e ao flow amosado, levando os 300 euros que se engadían ao título de vencedor deste encontro de cultura urbana organizado pola asociación Merenda Creativa sen ánimo de lucro.

Premios da Cultura Galega 2022

Xénero: Miscelánea | 5 / 10 / 2022

imaxe non dispoñible

A Xunta de Galicia facía públicos este 4 de outubro os Premios da Cultura Galega de 2022. Os galardóns que recoñecen a "excelencia creativa, a capacidade de intercambio, a experimentación e a proxección cultural de Galicia" foron seleccionados por un xurado entre as propostas remitidas ao Goberno. Os gañadores recibirán un diploma conmemorativo e unha figura realizada por un artista galego.

Tempo de cantautores

Xénero: Miscelánea | 30 / 9 / 2022

imaxe non dispoñible

O espectacular crecemento da canción de autor e a continuada emerxencia de Electrónica, Hip-hop e Metal marcan a evolución do panorama musical galego. Cando menos así o relevan os datos das candidaturas aos IX Premios Martín Códax da Música, que se fallan o vindeiro 5 de outubro en Pontevedra. Fronte a estes crecementos, o declive acelerado do Rock e unha inesperada caída do folk, deixan unha escena musical máis variada e complexa.

Soa Bonaval amosará as fusións da música tradicional en Compostela

Xénero: Miscelánea | 28 / 9 / 2022

imaxe non dispoñible

Actuacións de Lucía Aldao, Catuxa Salom, Paraíso Canto, obradoiros e itinerarios sonoros. Estas son as propostas que fai o Museo do Pobo Galego para os vindeiros 30 de setembro e 1 de outubro no marco da segunda edición do festival Soa Bonaval. A cita "pretende rachar xéneros e etiquetas, en busca de músicas que van desde o electrónico ao folk, pasando polo pop, o rock ou o ambient, traballadas sobre sons clásicos e de raíz, e concibidas desde o local e a cultura propias".

O compositor Sergio Moure creará unha sinfonía sobre Bergantiños

Xénero: Clásica/Lírica | 28 / 9 / 2022

imaxe non dispoñible

Unha grande sinfonía sobre Bergantiños e Carballo. Este é o proxecto no que se embarca o compositor Sergio Moure de Oteyza e que presentaba este 27 de setembro no Concello de Carballo. O municipio apoiará o proceso de creación da obra que, segundo adiantou o músico, está "dedicada a esta terra, lugar da miña infancia e dos meus recordos" e xorde como unha aposta persoal, ademais de responder a unha vella demanda do seu propio pai.

As Xornadas arredor da Música Tradicional celebran dez anos

Xénero: Folk | 27 / 9 / 2022

imaxe non dispoñible

As Xornadas arredor da Música Tradicional, organizadas pola Asociación de Gaiteiros Galegos (AGG) chega á súa décima edición. O encontro anual para afondar nas raíces musicais do país terá lugar nesta ocasión na Casa da Gaita, de Viascón (Pontevedra), durante toda a xornada do vindeiro sábado 1 de outubro. O programa, aberto a calquera persoa interesada, inclúe a posta en común de catro traballos de investigación vencellados á música tradicional e cinco presentacións de novas publicacións.

Fuxan os Ventos recibirán o Premio Martín Códax de honra

Xénero: Folk | 23 / 9 / 2022

imaxe non dispoñible

A histórica formación musical Fuxan os Ventos celebra o seu 50 aniversario na música neste ano 2022 e os Premios Martín Códax da Música súmanse á conmemoración entregándolle ao grupo o galardón honorífico da súa novena edición. Desde Músicas ao Vivo, entidade organizadora dos premios, consideran que este recoñecemento pon de relevo o significado que a música de Fuxan os Ventos tivo para a sociedade galega cun repertorio que foi camiñando do folk á música popular coa prevalencia dunhas letras "ben propias ou de poetas, que abrangueron temáticas moi amplas, en ocasións reivindicativas con temas como a emigración, a autonomía, a ecoloxía e a pobreza, ou recolledoras dunha tradición oral coa que tivo intenso contacto o grupo". O galardón entregarase na gala dos 9º Premios Martín Códax da Música o vindeiro 5 de outubro no Pazo da Cultura de Pontevedra, onde tamén se proxectará un vídeo con entrevista e homenaxe á banda.

<< Inicio / Anterior . 251 a 260 de 3454 . Seguinte \ Fin >>

BUSCADOR