Ir ao contido directamente.


Ti estás aquí > Inicio / NOTICIA / Tempo de cantautores

A INSTANTáNEA DA MúSICA DE 2022 REVELA UN ACUSADO DESCENSO DOS XéNEROS MáIS SEGUIDOS

Tempo de cantautores

MISCELáNEA | setembro 30, 2022

imaxe non dispoñible

O espectacular crecemento da canción de autor e a continuada emerxencia de Electrónica, Hip-hop e Metal marcan a evolución do panorama musical galego. Cando menos así o relevan os datos das candidaturas aos IX Premios Martín Códax da Música, que se fallan o vindeiro 5 de outubro en Pontevedra. Fronte a estes crecementos, o declive acelerado do Rock e unha inesperada caída do folk, deixan unha escena musical máis variada e complexa.

Un ano máis, a listaxe de candidaturas aos Premios Martín Códax amosan unha sorte de retrato da situación da música no país. A extrapolación das cifras de inscrición por estilos no certame que convoca a asociación Músicas ao Vivo permiten intuír a evolución das preferencias de público e de profesionais do sector, ademais de achegar indicios sobre problemáticas específicas e novas tendencias.

Participación
Malia a ser esta novena xeira dos galardóns a primeira realizada logo da pandemia, diferentes datos semellan indicar que a normalidade aínda non chegou ao sector nin aos galardóns. Logo da suba no número total de propostas que se detectou nesa edición, un total de 578, poida que impulsada pola pandemia e o confinamento, en 2021 e 2022 os niveis de participación retornaron á habitual media que rolda as 445 candidaturas por ano. No entanto, neste 2022 a cifra descendeu lixeiramente ata aos 379 proxectos, a contar como é habitual os premios Organistrum a sala, festivais e medios de comunicación. Desde a organización consideran que aínda non se pode falar de normalidade nesta convocatoria dos premios, e sinalan un prazo reducido para a presentación de candidaturas como causa posible da mingua. Segundo explica Manu Alonso, xerente de Músicas ao Vivo, "este ano houbo menos tempo. Quixemos facer a gala a comezos de outubro, entón a inscrición comezou en pleno verán, precisamente cando se deu unha explosión de actividade na música ao vivo. Iso prexudicounos, tanto á hora de facer a comunicación da convocatoria como no tempo dos propios músicos para se apuntar". De cara a vindeiras edicións "a nosa intención é recuperar a gala para maio e xuño, que é un tempo moito máis axeitado para este tipo de certames". Ante esta situación fica pendente de verificar o impacto real na participación que pode ter mudanza nas bases do certame que se abordou en 2020.

Ampliar gráfico

Tempo de proxectos en solitario
A abordar a cifra de inscrición por estilos musicais, a Canción de Autor/a recupera terreo na música galega e álzase como a categoría con máis peso neste 2022. A rachar dous anos de descenso, o xénero pasa do cuarto posto a ser o máis numeroso desta xeira, con 47 proxectos que supoñen o 14,2% das candidaturas, a porcentaxe máis alta que obtivo na historia dos galardóns. A cifra actual amosa de novo a variabilidade do estilo, que sufriu xa tres recuperacións destacadas, con índices cada vez maiores, desde a primeira xeira dos premios, en 2013. Segundo Lago, "hai un movemento nese sentido. Non sei se é efecto da pandemia, pero a xente comezou a facer proxectos en solitario ou máis pequenos", explica. "Entendo tamén que a precariedade endémica do sector fai menos viables proxectos con moitas persoas e anima a abordar propostas máis persoais". Sobre a volatilidade que adoita amosar o xénero nestas candidaturas, Xabier Mera, vicepresidente de Músicas ao Vivo, lembraba en 2021 que "hai artistas que se ven máis ou menos cómodos neste epígrafe a depender do traballo que saquen cada ano", sinalaba, "hai xente que se adscribe a el nunha edición, e noutra pasan a outra categoría".

A caída dos clásicos
Acompaña este crecemento o declive do Pop-Indie e do Rock. No primeiro destes casos, a perda de dous puntos porcentuais, ata o 12,39%, semella manter a habitual alternancia da categoría, que sofre descensos de participación acusados nos anos pares desde 2016 acompañados de recuperacións nos impares. Aceleraríase no entanto a caída do Rock no noso panorama sonoro, co seu maior descenso da historia dos premios e a seguir unha tendencia que se mantén desde 2017, cando supuña o 18% dos proxectos musicais galegos. A perda é tamén máis importante entre todos os xéneros deste ano, e fai pasar o estilo do 13,1 ao 10,57%. O folk é a outra categoría que máis peso perde nesta xeira dos galardóns. A rachar unha presenza moi estable, que roldou o 7,5% desde as primeiras edicións do certame (agás nas dúas edicións en que o estilo incluíu tamén os proxectos de música tradicional), a perda de 1,76 puntos reduce a súa presenza a só un 5,74% das candidaturas, e relégao do quinto ao noveno posto por presenza no certame. Para Alonso, o descenso de candidaturas nestes dous últimos grupos non se corresponde coa realidade dos estilos. "Pensamos que o prazo de inscricións colleu a xente con moito traballo. Internamente non detectamos que se estea a dar unha baixada estrepitosa de proxectos de Rock. Si percibimos que vai perdendo un pouco de peso ano tras ano, en particular nos escenarios máis potentes. E logo hai tamén unha dificultade crecente de acceso dos grupos emerxentes para se dar a coñecer que tamén pode influír".

Ampliar gráfico

As novas músicas do mundo
As músicas do mundo non conseguen recuperar postos nin sequera logo de absorber, com novidade nesta edición, a etiqueta de Reggae, Ska e Mestizaxe, que a organización decidiu eliminar ante a decrecente participación. Aínda que a porcentaxe de proxectos deste tipo, un 9%, mantense practicamente igual a 2021, o feito de que a fusión de categorías non dese nun incremento pode revelar a ruptura ha histórica estabilidade da categoría nos galardóns. Outra opción é que iniciativas que antes se incorporaban á Reggae, Ska e Mestizaxe optasen por non se presentar ao non se atopar cómodas coa nova etiqueta. "Nos últimos anos observamos que Músicas do mundo era un caixón de xastre. A existencia específica de Reggae, Ska e Mestizaxe facía que se repetisen moitos nomes ano tras ano na etiqueta, ou que fose a mesma xente en diferentes proxectos. Entón optamos por unha grande categoría de músicas de mundo e mestizaxe, que nos parece un estilo que está moi en voga e que pode acoller moitos proxectos. A ver se para a vindeira edición se asenta", apunta Alonso.

Ampliar gráfico

As promesas
As dúas categorías que agrupan Hip-hop e Músicas Urbanas por unha banda, e a Electrónica outra, continúan a se demostrar como xéneros ascendentes do panorama musical galego, e conseguen incrementos significativos nesta xeira. No caso da electrónica, o novo ascenso permítelle bater a súa propia marca e acadar un 7,6% das propostas e o quinto posto como categoría máis seguida, a rachar dous anos de relativo estancamento. Pola súa banda o Hip-hop, que chegou a ser unha das propostas con menor participación do certame, supera o nivel máximo que acadara en 2018. Deste xeito, se en 2019, cun 3,6% das propostas, se situaba como cuarta categoría con menos apoio, na actualidade sitúase como a sexta cun maior seguimento, a sumar o 6,3% das candidaturas. O Metal, pola contra, estabiliza o seu crecemento continuo desde 2018, e mantense como sétima categoría na listaxe, cun 6,1% dos proxectos en competición. "É indiscutible que as músicas urbanas son un xénero en auxe, sobre todo entre a mocidade, e é normal que vaian subindo as inscricións", recoñece Alonso, mentres "no metal vemos desde hai tempo que existe unha escena moi potente", apunta.

Tímidas recuperacións
O Jazz semella consolidar a meteórica recuperación de 2021 que o levara do posto 13 ao oitavo e fica co 6% das candidaturas, unha cifra máis acorde á súa media histórica nos galardóns e que semella deixar o acusado descenso de 2020 nunha anomalía. Con menos variacións, tamén a Música Clásica mantén a estabilidade que vén amosando nos ultimos catro anos, con entre o 5,2% e o 4,8% das propostas presentadas. A categoría que agrupa Blues, Funk e Soul pausa lixeiramente a mingua continua que observa practicamente desde a posta en marcha dos galardóns e ponse nun 3,93% das propostas. Queda por ver se o 0,4% de incremento supón un troco da tendencia que estas músicas manteñen desde o comezo dos premios ou se unicamente é unha pausa no declive. De xeito similar, a Música Infantil frea a súa baixada dos últimos tres anos, cun pequeno incremento de participación (0,4%) que cifra os seus proxectos nun 3,9% do total, aínda lonxe do 6,5% que acadaba en 2018, cando era o sétimo xénero máis tocado. Na actualidade, a súa aceptación sitúa o estilo no undécimo lugar. Como un punto interesante, entre a escena orientada a este público "observamos que hai algúns proxectos novos, o que é importante. Nestes anos viamos que existía unha escena importante pero que se repetían bastantes nomes. Agora estamos a ver que hai zume novo". Do mesmo xeito sinala que "tamén é un xénero que tivo moito traballo durante o verán e isto tamén lle puido afectar ás inscricións".

A categoría deserta
Nas propostas con menor peso, malia ás anunciadas tentativas por dinamizar a categoría, a exigua participación acadada entre Coros e Grupos Vocais levou a que non se declarasen finalistas neste apartado. Só tres propostas se inscribiron no certame, por baixo das cinco consideradas mínimas para declarar finalistas. Relegada a un 0,91% das propostas e cun descenso continuado desde a primeira xeira da convocatoria, a supervivencia do xénero nos galardóns semella comprometida de cara a vindeiras edicións. "É a primeira vez que queda unha categoría deserta nos premios", recoñece Alonso. "Tentamos darlle un pulo aos coros logo da pandemia, a falar con asociacións do sector e con responsables de grupos para animar a participación. Polo que estamos a ver existe unha escena numerosa, aínda que atomizada. Neste tempo viñéronse abaixo algúns proxectos, e segue a haber moitos aos que non chegamos. Temos darlle unha volta á estratexia que seguimos con esta categoría para que non quede de deserta de novo", adianta o xerente de Músicas ao Vivo.

As máis cativas
Outra conta pendente do certame, as Orquestras e músicas de verbena, racha a súa tímida tendencia ascendente de catro anos e volta a cifras de 2019 en canto ao seu peso relativo, cun 1,8% dos proxectos fronte ao 2,8 do pasado ano. Tampouco conseguen despegar as propostas de Música Tradicional, que por sexto ano roldan o 3% dos proxectos e semellan estabilizadas no seo da convocatoria. O incremento de participación das Bandas de Música, que rachan a barreira do 3% e sitúanse por diante doutros tres estilos supón o outro grande movemento dentros das categorías minoritarias.


Ampliar gráfico


Ampliar gráfico


Vigo, capital musical
Por distribución xeográfica, as provincias atlánticas continúan a ser as que achegan máis proxectos aos premios, con Pontevedra a superar á Coruña por catro puntos e contar o 44% das propostas. Increméntase, no entanto en algo máis de dous puntos, os proxectos de Lugo, ata 7,8% e de Ourense, que supoñen unicamente o 5,3% dos presentados. Por localidades, detéctase un maior reparto da orixe das propostas. Desta volta Vigo supera a Compostela e recupera a súa posición como cidade máis musical do país, con 72 propostas nesta edición. A capital galega achega 57 e A Coruña 50. Como é habitual, os tres grandes centros musicais do país son seguidos por Pontevedra, que desta volta suma 21 proxectos. Cae a participación ferrolá a só 6 candidaturas fronte às 15 da anterior xeira, superada polas iniciativas chegadas de Lugo (15) e Ourense (13). Cangas volta á listaxe de localidades con maior representación do galardón, en oitava posición con 4 proxectos.




Ampliar gráfico


Internet manda na comunicación musical
Logo da pausa do pasado ano, os Premios Organistrum recuperan a súa presenza nos galardóns con convocatoria para salas, festivais e proxectos comunicativos dedicados á música. No caso dos medios de comunicación, Internet consolida o seu predominio como principal vía de comunicación sobre a música galega en comparación coa edición de 2020. Quince candidaturas deste tipo, un 75% do total, compiten nesta xeira, mentres a prensa escrita só conta 3 (un 15%) e radio e televisión fican só con unha proposta cada unha.



Ampliar gráfico


Pontevedra, provincia de festivais
En canto a festivais, as 18 propostas presentadas continúan a amosar a ausencia dos grandes nomes do panorama da música ao vivo do país, con excepción do Festival de Ortigueira, que se postula ao galardón. Ao igual que en 2020, Pontevedra continúa á cabeza en número de citas a concurso, con 8, e incrementa a súa distancia coa Coruña, desta volta empatada con Lugo en 4 propostas. Tal e como apunta Alonso, "nós facemos o chamamento a participar a todo o mundo. Hai algúns proxectos grandes que participan pero outros historicamente non veñen aos premios, e a verdade non sabemos como abordalo, aínda que todos os anos facemos o esforzo por comunicar os galardóns".

Salas en transición
Nas salas, a pouca participación, con só nove nomes a concurso, semella responder á propia situación deste sector. Tal e como apunta o xerente de Músicas ao Vivo, "as salas veñen dunha situación moi difícil, e estase a ver tamén noutros ámbitos, como a Rede de Música ao Vivo da Agadic, que tamén conta só con oito ou nove, que é moi pouco comparado con outros anos. Non sabemos moi ben como explicar esta baixada, pode ser pola pandemia e pola explosión de festivais que vimos nestes últimos meses que a programación das salas quedou algo abandonada. Entendemos que debería recuperarse". Das nove propostas a competición, catro son da provincia e Pontevedra e tres da Coruña. Vigo aparece como a cidade máis representada no apartado con dúas candidaturas, e ao igual que outros anos destaca a importante porcentaxe de propostas de fóra das cidades, con candidatura de Vilar de Santos, Mos, Melide e Escairón. De novo, en xeral nas propostas áchanse en falta espazos consagrados da escena musical, tanto a nivel de peso da súa programación como de capacidade ou veteranía.