Ir ao contido directamente.


Noticias

Morre Eduardo Coma ex-violinista de Luar na Lubre

Xénero: Folk | 10 / 11 / 2022

imaxe non dispoñible

O violinista Eduardo Coma Vega (Camagüey, Cuba, 1967) faleceu este mércores na Coruña polas complicacións derivadas dunha parada cardiorrespiratoria. O músico, que tendía pontes entre a música da súa Cuba de orixe e a música de Galicia, onde residía desde 1996, formou parte da formación folk Luar na Lubre desde 1998 e durante case 20 anos. Con eles gravou 6 discos e obtivo 6 Premios da Música. Actualmente era profesor do Conservatorio Profesional de Música de Carballo. Tanto o Concello de Carballo como Luar na Lubre tiveron palabras de pesar polo falecemento do músico. Desde o consistorio carballés decidiron dedicar a Coma a programación do Novembro Musical que están a desenvolver. Mentres, a través das redes sociais, o grupo folk declarou a súa "fonda tristura" polo pasamento, un desenlace que eles crían evitable pero non puido ser. " Sempre tivemos a esperanza de que saíras desta e te recuperaras axiña. Non puido ser e quedamos desolados coa triste nova de hoxe", dio desde Luar na Lubree engaden :"Compartimos moitas vivencias, concertos e momentos maravillosos que quedarán gravados na nosa memoria.¡Qué inxusto e doloroso!".

LaMontagne & Pico Amperio sacan hoxe o seu primeiro álbum

Xénero: Electrónica | 8 / 11 / 2022

capa_algoquesinalar_lamontagnenepicoamperio.jpg

Tras varios anos de intensa presenza nos escenarios e eventos de toda Galicia o dúo LaMontagne & PicoAmperio sacan hoxe o seu primeiro disco longo autoeditado. "Algo que sinalar" é o título deste traballo de oito temas que hoxe xa está disponible nas plataformas dixitais e que tamén hoxe mesmo, martes 8 de novembro, defenderán en directo nunha actuación no Pub Modus Vivendi en Santiago de Compostela ás 21:00 horas.

Estrea mundial dunha nova sinfonía do Mestre Rogelio Groba

Xénero: Clásica/Lírica | 7 / 11 / 2022

imaxe non dispoñible

A Orquestra Sinfónica de Galicia estreará este mércores, 9 de novembro, en concerto a nova obra do mestre Rogelio Groba (Ponteareas, 1930). O compositor galego escribiu a súa Sinfonía nº 16, "Voces da terra" por encargo para a OSG, como parte da celebración do 30 aniversario da formación que se celebra esta temporada. A estrea mundial desta composición irá acompañada no programa deste mércores da interpretación da peza de Ramón Humet "In The Distance for Orchestra", obra gañadora do XIV Premio Andrés Gaos da Deputación da Coruña, que tamén se estrea nesta velada coa OSG dirixida por José Trigueros. En declaracións ao xornal La Voz de Galicia, o mestre Groba define a súa nova creación sinfónica como "unha sinfonía festiva que utiliza como inspiración os catro elementos clásicos da filosofía presocrática: vento, auga, terra e lume, que tanto influíron na cultura e pensamento europeo". Aos seus 92 anos Rogelio Groba é un dos compositores galegos máis destacados que conta con máis de 600 composicións rexistradas entre cantatas, óperas e lieders, entre outras pezas.

A música tradicional chora o pasamento de Antón Cabaleiro

Xénero: Folk | 31 / 10 / 2022

imaxe non dispoñible

A música tradicional galega magóase estes días pola perda de Antón Cabaleiro Millares, actualmente membro da emblemática formación Treixadura. Cabaleiro, natural de Vigo, falecía o pasado sábado aos 71 anos de idade e desde as redes sociais de Treixadura despedían con fondo sentimento ao seu barítono: "Seguimos o noso camiño longo e ti seguirás nel por sempre, coa túa pandeireta, co teu canto amable, coa túa tenrura e gratitude e sorrindo para todos nós." Ademais de en Treixadura, Antón cabaleiro expresou o seu amor pola cultura tradicional galega tamén como profesor de danza e percusión tradicionais, foi un dos membros fundadores do grupo A Roda a finais dos anos 70 e estivo noutras formación similares como Petapouco e Castaña antes de entrar na que sería a súa "familia musical" dos pasados anos, o grupo Treixadura. A formación, que está a celebrar o seu trinta aniversario, ten na súa axenda unha próxima actuación na Coruña, no marco das Festas do barrio de Monte Alto o vindeiro 12 de novembro. Na súa despedida a Cabaleiro Treixadura avanzan xa a que será a súa homenaxe en forma de música: "Con 'Vento das Cíes' e 'Froles Mareliñas' choramos a túa ausencia e honraremos a túa memoria coa nosa música".

Unha Arca feita de redes

Xénero: Miscelánea | 28 / 10 / 2022

imaxe non dispoñible

Unha sala de concertos atípica, situada no rural e cun aforo moi limitado pola que pasa unha grande parte dos nomes da escena musical do país. Recoñecida por segunda vez cun Premio Martín Códax da Música á mellor sala este mes de outubro, a Arca da Noe dá un novo paso e introdúcese na edición co vindeiro lanzamento dun libro-CD no que artella colaboracións entre diferentes artistas e amosa a forza das redes que se tecen desde este espazo.

Amigos da Ópera de Vigo leva a escena o Falstaff de Verdi

Xénero: Clásica/Lírica | 28 / 10 / 2022

imaxe non dispoñible

Por vez primeira Vigo acollerá unha representación da ópera Falstaff, de Giuseppe Verdi. O Teatro Afundación presenta este 30 de outubro a posta en escena desta produción orixinal da Asociación de Amigos da Ópera, a máis ambiciosa das que ten desenvolvido esta entidade.

Familia Caamagno saca o seu segundo disco

Xénero: Rock | 26 / 10 / 2022

imaxe non dispoñible

Familia Caamagno ven de ser recoñecido como o mellor proxecto de Rock de Galicia na edición de este ano dos Premios Martín Códax. A banda sacou esta semana á luz o que é seu segundo disco de longa duración "O mundo está derrotado". Desde febreiro co publicación do videoclip coa súa versión do tema de Juan Pardo, "Xuntos", a banda foi presentado varios dos temas que conforman este novo disco, o último xustamente o que dá título ao volume, que segue a aquel álbum de debut "Había que intentalo" (2019). A Sala Capitol de Santiago de Compostela acollerá este sábado a presentación oficial en concerto deste traballo, unha ocasión para que a Familia reúna a moitos dos seus amigos da escena musical galega a compartir escenario, con moitas sorpresas e algúns nomes xa confirmados como Terbutalina, Martín Wu (Granpoder, The Homens), Hevi (Malandrómeda) ou Guadi Galego.

O 32 Festival de Jazz de Lugo trae a grandes figuras internacionais

Xénero: Jazz/Blues | 25 / 10 / 2022

imaxe non dispoñible

Do 4 ao 20 de novembro terá lugar a 32ª edición do Festival de Jazz de Lugo, un dos principais e máis lonxevos fitos culturais da cidade, organizado pola asociación EscobiJazz. A edición deste ano contará con 26 concertos dando cabida, tanto a estrelas do xénero e grandes figuras internacionais como a novos valores do mundo do Jazz e a representantes do mellor jazz estatal e galego. Os concertos celebraranse no Círculo das Artes (Escenario 1906), Casa do Saber da USC e o Club Clavicémbalo.

Ventos do pobo (I)

Xénero: Folk | 21 / 10 / 2022

imaxe non dispoñible

O 23 de xuño de 1981, apenas catro meses despois do falido golpe de Estado do 23-F, unha avioneta de dez prazas aterra no aeroporto de Lavacolla, en Santiago de Compostela para recoller a un grupo de música e levalo a facer unha actuación a Francia; poucos días despois a mesma avioneta os trae de volta unha vez levado a cabo o seu concerto, a tempo de que os músicos (afeccionados) atendan aos seus deberes (profesionais). Non se trataba dunhas estrelas do rock nin do pop, esa banda era Fuxan os Ventos e os lugueses levaban xa daquela nove anos de andadura musical aumentando en éxito dentro e fóra de Galicia, como demostraba o feito de que a organización daquel festival internacional que se celebraba na localidade bretoa de Gwipavaz, no distrito de Brest, alugara esa avioneta ante a imposibilidade de trasladar ao grupo coas combinacións de voos dispoñibles. Non querían renunciar a telos en vivo interpretando, entre outros temas, a "Carolina" que naquel momento era un dos grandes éxitos da formación.

A Coruña acollerá unha nova edición de WOMEX en 2023

Xénero: Folk | 18 / 10 / 2022

imaxe non dispoñible

A 29ª edición de Womex (World Music Expo), o encontro de música folk e de raíz máis importante do circuíto internacional, terá lugar do 25 ao 29 de outubro de 2023 na cidade da Coruña. Así se anunciou onte no Concello herculino, nun acto no que participou o director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, para deixar testemuño do apoio económico da Xunta a unha nova celebración do evento na nosa Comunidade. Será a terceira ocasión na que este encontro -que inclúe unha ampla zona feiral e de networking, concertos en formato showcase, conferencias e proxeccións audiovisuais- teña lugar en Galicia, despois de que Santiago de Compostela o acollera en 2014 e 2016.

<< Inicio / Anterior . 241 a 250 de 3454 . Seguinte \ Fin >>

BUSCADOR