Unha Arca feita de redes
outubro 28, 2022
Unha sala de concertos atípica, situada no rural e cun aforo moi limitado pola que pasa unha grande parte dos nomes da escena musical do país. Recoñecida por segunda vez cun Premio Martín Códax da Música á mellor sala este mes de outubro, a Arca da Noe dá un novo paso e introdúcese na edición co vindeiro lanzamento dun libro-CD no que artella colaboracións entre diferentes artistas e amosa a forza das redes que se tecen desde este espazo.
En 2014 abría as súas portas en Vilar de Santos (A Limia), A Arca da Noe. Este bar, sala de concertos e centro sociocultural está desde entón a amosar as posibilidades de desenvolver unha programación cultural continua e de calidade no medio rural desde o sector privado. Neste tempo o proxecto recibiu múltiples recoñecementos e asentouse como un referente no país. Para Noemi Vázquez, a súa xerente e fundadora, o proxecto nunca foi negocio, senón que supón un paso máis dentro dunha vida de activismo lingüístico e cultural. "Levo máis de vinte anos en diferentes proxectos asociativos ou de defensa da lingua", explica. "Logo de estar en cidades como Ourense ou Santiago decidín que tiña que voltar para a miña terra, a Piñeira de Arcos, onde nunca vivira, e facer algo na comarca sobre estas cuestións". Deste xeito naceu, en colaboración cun socio, A Corte dos Bois, unha taberna con espazo para concertos situada en Sandiás que abría as súas portas en 2012. "Tiñamos ideas diferentes sobre o que debía ser un local así, e a comezos de 2014 saín da proposta". Logo de atopar un local axeitado e dispoñible para alugar en Vilar de Santos, "nese mesmo verán abrín a Arca, con esa mesma idea de dinamizar a zona lingüística e culturalmente". Para Noe este proxecto é "un lugar de encontro interxeracional e de convivio no que crear redes, algo que para min é fundamental. Sempre estou a presentar entre si xente que pode ter algo en común, e penso que é algo que se me dá ben".
Unha programación de altura
A aposta polos concertos apareceu desde un primeiro momento como indispensable no local. "A min encántame a música en galego e en portugués, e consideraba que este era o punto ideal para desenvolver unha programación neste sentido", lembra. "Coa pandemia houbo un baixón, pero o habitual son arredor de cen concertos por ano", en programacións que se concentran nas noites de fin de semana. Un ritmo que non resulta nada sinxelo de manter nun espazo afastado dos circuítos máis habituais, un concello que non chega aos mil habitantes, e sen capacidade para grandes públicos. Isto "conséguese por que son teimuda e constante, nunca quero baixar o ritmo, e iso crea tamén unha dinámica na que unhas cousas levan a outras", explica a responsable. Por pór un exemplo, en outubro o programa estivo composto por oito concertos e a presentación dun libro. Xiz, Skadelos, Yaíma Orozco e Alfred Artigas, Zeca& Euseumatos Instalados em poltronas, Díaz e Santi Bernal fixeron parte das propostas, nun mes que se completa coas actuacións de Valentín Dacova e Sekadra. En setembro foron Two Faces, Ombligo, Moncho Iglesias e Chus Ferrín, Silvia Penide e Leticia Rey, Marta e Benxa, Lidia India e Latexo e mais Susie Q's os que pasaron polo local. Para este mes de novembro están previstas as visitas de Pedro Martin Lucas, Gin Toni's, Alasdair Fraser & Natalie Hass, Comando Curuxás, que amenizarán o magosto da Arca, Diego P. Castro e Mónica de Nut nunha comida-concerto.
A redes dos artistas
Desenvolver unha programación semellante nestas condicións é posible grazas á colaboración dos artistas, que viven en moitos casos o tocar na Arca como unha experiencia. "Na maior parte dos casos fan rebaixas do caché, e é verdade e maioritariamente repiten. O que máis lles gusta é o convivio con xente de aquí. A min que un grupo veña tocar e marche suponme unha decepción. Trátase de que se queden un pouco despois da actuación a falar coa xente que vén, coa de fóra e coa de aquí, como a Rosita ou o señor Xoán. Penso que é a parte que máis lles gusta aos músicos. E logo que a xente é moi respectuosa nos concertos, vén porque quere e estamos sempre atentos e agradecidos polo que vemos". A ligazón fai que "haxa grupos que viñeron xa varias veces e son parte da familia", explica.
Alén dos concertos
O cargamento da Arca inclúe obxectivos como "promover os produtos locais, a gastronomía, tentar contribuír a que se asente poboación no rural, vender cousas feitas por xente de aquí e que non marchen ou mesmo que veña xente nova", explica a súa responsable. Deste xeito, "ademais de música tamén facemos contacontos, presentacións de libros, exposicións e mesmo cursos". Así, neste outono de 2022 están activos dous grupos de formación en baile tradicional, cun total de 20 persoas, outro de percusión cunha cifra similar, un de pandeireta cunha ducia de asistentes e aínda outro para crianzas, no que se integra o grupo residente de pandeireteiras da sala, as Xingras da Arca. As propostas conseguen unha importante aceptación e "nos últimos tempos está a aumentar o número de persoas que veñen, a maior parte é xente dos arredores. No caso do baile penso que o ambiente distendido e que moita xente vén sen ter idea axuda a que se atrevan máis persoas a dar o paso". No campo das mostras, o outono de 2022 acolle unha de cerámica do xaponés Masa, residente en Ourense, e outra de óleos da portuguesa Tamara Rúa. A estas propostas súmanse aínda cada ano dous mercados de produtos locais e de artesanía que se celebran no exterior do local, a pór en valor o traballo de empresas e profesionais da zona.
As redes do público
E é que a clientela da Arca non se compón exclusivamente de persoas con intereses na cultura máis convencional do país, senón que combina diferentes públicos. "Hai un público local que se integra e participa, e aínda que outros prefiren ver o fútbol no bar tamén se achegan de cando en vez tomar algo. Aos concertos hai un grupo fixo da aldea que vén, aínda que é certo que o comezo viña algo máis de xente a ver como funcionaba". Canda a este, as redes do proxecto atraen a xente de todo o país e chegan tamén ao norte de Portugal, "hai grupos de Montealegre que veñen en fins de semana alternos por sistema", apunta a Noe.
A sustentabilidade
Malia ao tempo que leva activa e aos recoñecementos conseguidos, a Arca aínda non ten garantida a súa sustentabilidade. "É difícil, eu consigo sobrevivir porque teño outros traballos e vaise trampeando". Na procura dunha fórmula que facilite o mantemento do negocio "estamos a probar novas cousas. Coa pandemia dinme conta de que tanto o meu esforzo como o dos músicos debe ser valorado". Cun local pequeno, de cincuenta persoas de capacidade, "polo xeral temos concorrencias de trinta ou corenta persoas, que está ben. Temos un público estable, hai un grupo importante que vén de xeito habitual. Aínda que sempre hai medo a que non veña ninguén, non temos concertos con dez persoas. E cada vez semella que se anima máis xente a vir". Ante as restriccións sanitarias dos últimos anos, A Arca desenvolveu unha colaboración coa empresa Carabuñas, dedicada a elaboración de productos gastronómicos de sabugueiro, para programar nun terreo desta última concertos ao aire libre durante o verán, en sesións que incluían dous recitais nun mesmo día. "Cómpre un mínimo de cen persoas para que compense", advirte Noe. O Magosto, a festa de aniversario do local no verán, a celebración do 25 de abril ou distintos eventos puntuais con varios grupos empregan tamén esta localización
Financiamento
Á hora de se financiar, para alén dos ingresos pola venda de bebidas e comidas, A Arca probou fórmulas como pasar unha cesta entre o público dos concertos para que cadaquén contribuíse como puidese ao caché das bandas. Na actualidade o proxecto basea a súa recadación no sistema de ceas concerto, un lote que se oferta ao prezo de vinte euros. "Temos o problema de que a xente non reserva con antelación, entón ata o último momento non sabemos canta imos ter. Logo temos xente da zona que vén habitualmente e non quere xantar, ten tamén a opción de pagar entrada para estes concertos". De xeito máis concreto recoñece que "este foi o verán que mellor foi. Nun comezo pensei que non ía vir ninguén polo interese que vía cara aos grandes festivais, pero ao final veu máis xente que nunca".
As alimanhas
O carácter de activismo que ten o proxecto facilita en boa medida a creación de redes que caracteriza a iniciativa. Arredor da Noe móvese todo un grupo de persoas, bautizado como As Alimanhas da Arca, que de xeito voluntario axuda a organizar e a desenvolver diferentes propostas, a colaborar na montaxe de postos, dinamizar con música popular as festas ou facer todo tipo de tarefas. Alén de quen chega de fóra de Vilar de Santos atraída pola programación cultural, as redes da arca chegan tamén á veciñanza, asociacións e empresas da zona. "Hai un grupo de xente que está sempre aí, que axudan economicamente ao proxecto ou que veñen aos concertos e fan traballos voluntarios nas actividades. Persoas da aldea, xente nova de Xinzo ou da comarca, e logo do mundo cultural de Ourense e doutros lugares da provincia que participan", explica. A nivel empresarial, canda á Carabuñas, A Arca colabora tamén coa panadaría Faragullas, con produtores de carne da zona ou con casas rurais próximas. "Eu mándolles xente, e eles mandan tamén aquí para cear e aos concertos, e dan a coñecer a programación". A colaboración dáse tamén con outras salas do país "temos falado para coordinar xiras e traer grupos de fóra", apunta Noe.
Apoio público
A falar do apoio público ao proxecto destaca que desde o Concello de Vilar de Santos "axudaron a que se desen as circunstancias para botar a andar a Arca, e non poñen problemas, pero o mesmo nos tiñan que mimar algo máis, apoiar o proxecto ou xuntarse. Semella que hai certa deixadez, deberían ser máis conscientes de que non somos só un local". Integrada na Rede de Música ao Vivo da Agadic, a iniciativa conta este ano con seis concertos anuais subvencionados por este programa da Agadic. A responsable recoñece, no entanto, que non adoita petar nas portas das institucións para conseguir apoios. "Nunca fun pedir á Deputación, por exemplo. Si que estiven a falar cos concellos para conseguir fondos para lanzar o libro-CD, pero teño un punto de autoxestión que me leva a explorar outras vías".
O libro CD
No medio da pandemia, en novembro de 2020, con limitacións para as actuacións en vivo, "vin que estaba todo parado e metinme a sacar un libro-CD para celebrar os sete anos do proxecto". Oceanoe: Travessia polo mar das Antelas conseguiu 20.200 euros fronte aos 15.000 que solicitaba para se publicar e ten prevista a súa publicación, logo de varios atrasos circunstanciais para o primeiro semestre de 2023. O resultado desta recadación "sorprendeume, a verdade é que o proxecto precisa deses cartos e mesmo de máis, pero que quiñentas persoas e empresas colaborasen está moi ben", lembra Noe. En total serán dezanove temas nos que participan medio cento de artistas a artellar colaboracións inéditas, na súa maior parte cancións orixinais agás dúas versións e dous temas tradicionais. O proxecto inclúe ademais dezaoito videoclips canda a varios textos sobre a Arca e un conto. En canto a estilos "hai un pouco de todo, aínda que a música tradicional ten bastante peso", e tirouse maioritariamente deses grupos que xa se consideran familia. Neste álbum foi o equipo organizador o que propuxo os encontros. "Escollemos aquí a maridaxe, vimos quen podía empatar". Belém Tajes, Leo de Matamá e Xiao Berlai; Javier Álvarez con Xoán Curiel; Xabier Díaz con Faia; Uxía con Luís Pastor e Lourdes Guerra; Eliseo Parra, Davide Salvado, Fergus & Cibrán Seixo; Habelas Hainas con Xurxo Souto ou A Banda da Loba e Brais Morán son algúns dos combos inéditos que se poden atopar nesta produción.
Modelo
A tentar explicar o éxito do proxecto, a capitá da nave apunta que, "para que un proxecto como este vaia para a fronte hai que o querer, e iso ten unha parte emocional importante. Hai xente que vén onda min e me pregunta como se houbese fórmulas máxicas para facer cousas semellantes. Non é fácil e supón moitas horas fins de semana e, no meu caso, ter aínda outro traballo". Dun xeito ou doutro, o modelo está a servir de inspiración para outras propostas que xorden por todo o país. "Viñeron por aquí falar con nós as persoas que promoveron A Sacabeira en Sargadelos, o Bar Pancho de Tui ou a xente da editorial Uruatu, que durante un tempo tiveron tamén un bar cultural. Cada vez están a xurdir máis propostas deste estilo, e iniciativas como a Rede Aldear están tamén a facilitar a coordinación e a visibilidade deste tipo de proxectos. Como consello para as persoas interesadas en crear espazos similares, advirte "que non agarden que vaia ser sinxelo, ás veces a xente só ve o bonito, e eu pásoo en grande, pero é unha traballeira na que podes botar 16 ou 18 horas de traballo nun día. É un soño moi bonito pero tes que ter os pés na terra e contar cunha seguridade económica. Antes de se lanzar a grandes investimentos hai que ir ao pequeno. Eu por exemplo pago un alugueiro polo local, e se marcho non teño débedas, non me tería metido se tivese que arranxar unha casa ou facer unha hipoteca".
Premio e futuro
O segundo Premio Organistrum á mellor sala, que o proxecto recibiu este mesmo mes de outubro nos Premios Martín Códax da Música, colleu á Noe de sorpresa. "Non o agardaba. Fomos á gala por ir á festa, con veciños de Vilar de Santos. Sempre se agradece ser escolleita nun galardón que vota a propia xente da música. Vese que están contentos, aínda que o lugar non sexa o mellor espazo nin teñan as mellores condicións técnicas. A verdade é que eu contaba que fose para outros, que o merecían moito. Agora penso que non me vou presentar máis, a verdade". E é que esta é a única sala que recibiu dúas veces o recoñecemento na historia dos Premios. Alén dos galardóns e do libro-CD, a Arca continúa a evolucionar. "Agora abrín un cuarto para que os músicos poidan ficar a durmir no mesmo local. De feito, unha das recompensas do crowdfunding era pasar a noite na Arca". E, mesmo con todo o esforzo que implica o proxecto, a Noe non para de argallar cousas. "Se nalgún momento me sinto tranquila de máis, métome nunha historia nova, non sei moi ben por que o fago", recoñece.