Ir ao contido directamente.


Ti estás aquí > Inicio / NOTICIA / Soa Bonaval amosará as fusións da música tradicional en Compostela

O MUSEO DO POBO ORGANIZA A SEGUNDA XEIRA DO FESTIVAL OS DíAS 30 DE SETEMBRO E 1 DE OUTUBRO

Soa Bonaval amosará as fusións da música tradicional en Compostela

MISCELáNEA | setembro 28, 2022

imaxe non dispoñible

Actuacións de Lucía Aldao, Catuxa Salom, Paraíso Canto, obradoiros e itinerarios sonoros. Estas son as propostas que fai o Museo do Pobo Galego para os vindeiros 30 de setembro e 1 de outubro no marco da segunda edición do festival Soa Bonaval. A cita "pretende rachar xéneros e etiquetas, en busca de músicas que van desde o electrónico ao folk, pasando polo pop, o rock ou o ambient, traballadas sobre sons clásicos e de raíz, e concibidas desde o local e a cultura propias".

O obradoiro "Da foliada ao rave", a cargo de Nacho Muñoz abre o programa na tarde do día 30. A experiencia formativa rematará cunha festa no propio Museo do Pobo cos materiais creados na mesma. Para sábado unha conversa-concerto coa poeta e artista coruñesa Lucía Aldao dará a coñecer os pormenores do seu traballo creativo para interpretar despois os temas de Pava, o seu primeiro proxecto musical en solitario.

A mestura de folclore galego con ritmos tribais de Catuxa Salom protagonizará a sesión vermú da xornada, mentres Paraíso Canto, proxecto de Martiño Malleiro e Gabi Reboredo, fechará o ciclo de concertos coa súa mestura de tradición oral galega con musicalidades ibéricas, lusófonas e doutras culturas do mundo.

Canda a estas propostas, o Museo desenvolverá o itinerario sonoro Son(Em)peza permite redescubrir a colección e os arquivos do Museo, escoitando pezas do patrimonio inmaterial vencelladas a diferentes obxectos.