Ir ao contido directamente.


Noticias

Fixar a partitura

Xénero: Clásica/Lírica | 14 / 6 / 2011

imaxe non dispoñible

“Non se pode vivir da composición musical en Galicia”, afirma Margarita Viso, presidenta da Asociación Galega de Compositores. Partindo desta afirmación común a todos os integrantes deste colectivo, pódese entrar a facer matizacións, sobre o perfil, o tipo de partituras que se producen anualmente en Galicia e a forma na que chega a público todo ese patrimonio musical. Malia que a composición galega vive un bo momento creativo, hai moitos flecos por perfilar, como crear un arquivo que atesoure todo ese material que se está a producir na actualidade.

Oito grupos galegos participarán nos Veráns da Vila en Madrid

Xénero: Miscelánea | 14 / 6 / 2011

imaxe non dispoñible

O programa dos tradicionais Veráns da Vila, que enchen cada verán Madrid de propostas escénicas, conta este ano cunha nutrida presenza galega. Un total de oito solistas e formacións do noso país actuarán entre o final deste mes e ao longo do seguinte no Auditorio Conde Duque, un dos principais escenarios deste programa. Uxía (30 de xuño), Fon Román (5 de xullo), Baldo Martínez e Mayte Dono (6 de xullo), Cristina Pato e Rosa Cedrón (7 de xullo), Banda Crebinsky (14 de xullo), Ialma (16 de xullo), Iván Ferreiro (20 de xullo) e Mercedes Peón (21 de xullo) som os artistas que achegarán a música galega ao evento.

O Sónar 2011 converte a Galicia na capital da vangarda musical por dous días

Xénero: Electrónica | 13 / 6 / 2011

imaxe non dispoñible

M.I.A., Magnetic Man, James Murphy, Four Tet, Cut Copy, Richie Hawtin, Martyn, James Holden, Shackleton, Buraka Som Sistema, Underworld, Boys Noize son algún dos destacados artistas do panorama internacional da actualidade. E tamén algún dos participantes da conexión galega do Sónar 2011, que se desenvolverá na Coruña os días 17 e 18 de xuño. A cita tamén amosará a vitalidade e amplitude xenérica da vangarda musical galega da mand do proxecto de pop electrónico Colectivo Oruga, a proposta audiovisual de Caino & Zinqin, o funk orgánico de DJ Ino & La Keise Band e a sabedoría e versatilidade dos djs Judah, Galis 115, Dj Sith, Mr. Fishman aka Dr. Think, Wasilkoski e Ningunos Djs.

Manu Clavijo publica o seu disco sobre poemas de Lois Pereiro

Xénero: Melódica | 10 / 6 / 2011 + AUDIO

not_19086.jpg

Dezaseis textos de Poesía última de amor e enfermidade musicados. Esta é a proposta que Manu Clavijo está a levar nos últimos meses por escenarios de todo o país e que agora ve a luz no disco Lois Pereiro. Canción Última.... Temas adaptados a formato acústico que abordan a parte máis intimista das creacións do poeta homenaxeado no Día das Letras. O disco sae da man de Edicións do Cumio e sae en formato digipack con 20 páxinas de textos.

Un curso ensinará a estandarizar as formas de preservar a memoria sonora

Xénero: Miscelánea | 9 / 6 / 2011

imaxe non dispoñible

A dixitalización supuxo unha revolución no mundo sonoro. Multiplicáronse os formatos, popularizouse o sistema e dificultou o almacenamento e arquivo. Para buscar unha forma de preservar a memoria sonora dun xeito unificado, o Consello da Cultura Galega (a través do Arquivo Sonoro de Galicia) desenvolve estes días un curso. A cita comeza hoxe explicando as últimas técnicas de conservación de audio, seguindo as recentes normas da IASA (International Association of Sound and Audiovisual Archives), mentres que a sesión de mañá se dedica á xestión e á organización dos arquivos de audio. As xornadas teñen lugar na sede do Consello (Pazo de Raxoi, s/n, Santiago).

Liorna presenta Sarahyba

Xénero: Folk | 9 / 6 / 2011

not_19081.jpg

Unha reescritura outorgándolle novos sons ás estruturas e temas dos seus comezos. Esta é a proposta que fai o grupo Liorna en Sarahyba, o disco que acaba de lanzar da man de Edicións do Cumio. O proxecto, que segue na liña folk habitual do grupo, presenta dez cancións nas que unha coidada instrumentación deixa espazo a xogos vocais, sempre partindo da tradición. Entre os temas inclúense dous que fixeron parte de Gallaecia, musical da Orquestra Sinfónica de Melide. Un concerto na Festa da Xuventude, o vindeiro 25 de xuño en Ardán é a primeira cita da xira de presentación, segundo anuncia o grupo no seu MySpace.

Moondogs Blues Party presenta o seu segundo disco

Xénero: Jazz/Blues | 8 / 6 / 2011

not_19072.jpg

Da man do selo vasco Gaztelupeko Hotsak chega ás tendas Thirty Roads, o segundo disco da banda galega Moondogs Blues Party. Cunha aposta polo blues máis achegado ao son do sur dos Estados Unidos, a banda que lidera Javier Prado presenta dez novos temas que se moven polo imaxinario das estradas, falando sobre o amor, a frustración ou o pasado. O disco conta con colaboracións como a de Víctor Aneiros e foi gravado nos estudios Abrigueiro. Logo do debut o pasado sábado 4 na sala LeClub da Coruña, a banda continúa a xira de presentación continúa polo Roi Xordo, de Allariz, o vindeiro 23 de xullo. Na actualidade o grupo prepara o videoclip do tema The devil is on the roof, que dirixe Cristina Becerra

O Festival Cultura Quente deixa de ser de balde

Xénero: Miscelánea | 8 / 6 / 2011

imaxe non dispoñible

En ningunha das trece edicións anteriores se cobrou por asistir aos concertos do Festival Cultura Quente, que se celebra cada mes de xuño en Caldas. Pero este ano será diferente, o concello de Caldas aprobou esta medida que implica que a entrada diaria custará 15 euros e o abono completo para os dous días 25. Os grupos confirmados ata o momento son Klaxons, Standstill, Delorean e El Columpio asesino para venres 22; mentres que Kim Jones Revue, Ok Go!, David Fonseca e FM Belfast para o sábado 23. Hai grupos como The Undertones, Deer Tick e Dawes que teñen confirmada a súa presenza pero sen data. A festa de presentación do festival, o vindeiro mércores 15 na Fábrica de Chocolate (Vigo) sí que será de balde.

Uxía fai 25 anos na música con Meu canto

Xénero: Melódica | 7 / 6 / 2011

not_19060.jpg

Quince temas que percorren o repertorio de Uxía en directo, dos cales só un fora gravado previamente. Esta é a proposta que fai esta intérprete en Meu canto, o disco co que conmemora os seus 25 anos no mundo da música. Da man do selo Fol, o proxecto achega temas xa clásicos como O verdegaio, A rianxeira, O ramo verde ou o Alalá das mariñas. O disco foi gravado en Rio de Janeiro con produción de Jaime Além e conta con colaboracións de Sérgio Tannus e a voz de Lenine en Os teus ollos.

Ugía Pedreira e Fred Martins funden os seus repertorios en Acrobata

Xénero: Melódica | 3 / 6 / 2011

not_19046.jpg

Desde que se coñeceron en 2008 en Río de Janeiro, Ugía Pedreira e Fred Martins iniciaron unha frutífera colaboración que se acaba de concretar en Acrobata. Trátase do primeiro traballo discográfico común que revisa a conexión galego-portuguesa-brasileira, e para o que contaron coa achega de numerosos colaboradores como Pedro Pascual. O disco chámase Acrobata, en homenaxe á ave do litoral de Baía que está en perigo de extinción. O Centro de Interpretación Ambiental do Parque de Belvís en Santiago acolleu onte o primeiro dos concertos de presentación e que repiten esta tarde. “Acrobata” foi gravado nos Estudios Beograd, o Auditorio de Galicia e o Conservatorio de Ourense. As gravacións adicionais foron feitas por Quim Farinha, Luis Peixoto, Germán Díaz, Marcelo Martins e Marcos Suzano. Este traballo está producido e dirixido musicalmente por Pedro Pascual, misturado e masterizado en Savik Sound (Caritel-Ponte Caldelas).

<< Inicio / Anterior . 2461 a 2470 de 3580 . Seguinte \ Fin >>

BUSCADOR