Noticias
Triángulo de Amor Bizarro lidera as candidaturas aos III Premios da Música Independente
Xénero: | 1 / 6 / 2011 + VIDEO
Álbum do Ano, Canción do Ano, Mellor Artista Español, Mellor Álbum de Rock, Mellor Directo, Mellor Produción Musical, Mellor Videoclip, Mellor Deseño Gráfico e Mellor Fotografía Promocional. A banda galega Triángulo de Amor Bizarro é a que acumula máis candidaturas nos III Premios da Música Independente, que teñen aberto desde hoxe e ata o vindeiro 15 de xuño o prazo de votación a través do seu web. Canda a eles, o grupo Dakidarría opta ao premio ao Mellor álbum de Música Urbana, con Realidades Alienantes, mentres Too many knobs de Colectivo Oruga pode levar o premio ao Mellor álbum de Música Electrónica. No Mellor álbum de Jazz, dúas das cinco candidaturas xorden do noso país. É o caso do Sons-Nús de Maite Dono & Baldo Martínez e mais Zigurat de Abe Rábade.
Aprender a tocar coa tradición
Xénero: | 31 / 5 / 2011
Cinco volumes que recollen partituras para aprender a tocar o violonchelo, a percusión, o clarinete, o violín e a trompeta. Esta é a proposta de Paseniño un sistema de aprendizaxe musical que aproveita os nosos temas tradicionais para facilitar a introducións aos intrumentos musicais. Antonio Cerviño Loira é o autor deste método que ve agora a luz da man do Consello da Cultura Galega. O proxecto vai dirixido a alumnos de grao elemental das respectivas especialidades instrumentais. Agora, podes descargar de balde a versión electrónica destas publicacións.
O Consello da Cultura presenta Paseniño, un método de aprendizaxe musical
Xénero: | 27 / 5 / 2011
Aproveitar as melodías tradicionais galegas para aprender a tocar o violonchelo, a percusión, o clarinete, o violín ou a trompeta. Esta é a proposta que fai Antonio Cerviño Loira co seu método Paseniño, que agora ve a luz da man do Consello da Cultura. A sede da institución en Compostela acolle ás 19 horas de hoxe o acto de presentación dos cincos libros que, polo momento, conforman esta iniciativa. Logo da intervención do autor e de Maximino Zumalave, coordinador da Sección de Música do Consello, desenvolverase un concerto de pezas populares a cargo de Rosalía Vázquez (violonchelo), Luís Lugo (trompeta), Lourdes Sánchez-Décima, Antonio Cerviño (piano) e a Escolanía da Catedral de Santiago de Compostela baixo a dirección de José Luis Vázquez.
Malvela gravará un disco en directo en Mos
Xénero: | 26 / 5 / 2011
O Multiusos de Mos acollerá o vindeiro 31 de marzo un especial concerto de Malvela. O grupo gravará nesta xornada o seu cuarto disco, un directo no que contará con convidados como Uxía, Carlos Blanco, Nuria Freiría, Oli Xiráldez e mais a poeta local María Magdalena. Co título de Raianas, o espectáculo percorrerá as tradicións orais e musicais das dúas bandas do Miño, e incluirá contos tradicionais desta área, así como algúns dos temas máis coñecidos do conxunto. O concerto celebrarase ás 21 horas, con entrada de balde.
Miguel Costas bota a ollada atrás no seu novo disco
Xénero: | 25 / 5 / 2011
Temas clásicos da autoría de Miguel Costas, con formacións como Los Feliz ou Siniestro Total cantados a dúo con músicos como Def con Dos, Rosendo, David Summers, Marea, Bimba Bosé ou Areolíneas Federales. Está é a proposta de Costas is back, que recupera 15 cancións como Bailaré sobre tu tumba, No me beses en los labios, Asumpta ou Tipi dulce tipi, que o músico revisa dándolle un son máis homoxéneo. O disco, editado por Warner Music, coincide coa reunión do músico con Aerolíneas Federales que o levou este mesmo mes a dar varios concertos en Sudamérica.
Quiosco: Ao Vivo 9
Xénero: | 24 / 5 / 2011
“Premio de la Música” á mellor canción en galego por Alalá da noite, grupo embaixador da música de Galicia (figura creada pola Consellería de Cultura e Turismo con motivo da declaración de 2011 como Ano da Música de Galicia) e celebrando 15 anos. Este é un bo momento para Berrogüetto, que protagoniza o último número dee Ao vivo Música. Esta publicación da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) distribúese a través das salas asociadas á Rede Galega de Música ao Vivo co obxectivo de difundir a actividade deste circuíto, así como de promover os grupos e intérpretes galegos de diferentes estilos. A participación de músicos galegos no Primavera Sound de Barcelona son outros dos contidos desta publicación.
O II Festival Vibracional TPS leva a música improvisada ao Gaiás
Xénero: | 23 / 5 / 2011
Dous anos despois da súa primeira edición, o Festival Vibraciona TPS, dedicado á música improvisada, volta ao noso país. A Cidade da Cultura acollerá o vindeiro 4 de xuño as actuacións de Llorenç Barber, Paolo Angeli e Germán Díaz, rt2dV, Montserrat Palacios ou a Orquestra de Música Espontánea de Galicia entre outras. Ademais, proxectaranse pezas videocreación experimental de creadores galegos, e o ciclo minúsculo de "concertos para auriculares". A iniciativa xorde da colaboración entre a Cidade da Cultura e mais o Centro de Novas Tecnoloxias do Pico Sagro.
O Imaxina Sons chega á sétima edición o vindeiro mes de xuño
Xénero: | 19 / 5 / 2011
O festival de jazz de Vigo, Imaxina Sons, celebrará entre o 15 e o 27 de xuño a súa VII edición. Avishai Cohen, Nils Petter Molvaer, Sidsel Endresen, Neil Cowley e John Taylor son os nomes máis destacados no evento que coordina o músico Nani García. Canda a eles, poderanser ver nas rúas da cidade as actuacións da Orquestra A Tempo de Pontevedra e mais dos alumnos da Escola Municipal de Música da Coruña.
Desaparece o festival compostelán Rock en Costa
Xénero: | 16 / 5 / 2011
Os organizadores do Festival Rock en Costa, que celebra este ano a súa X Edición, adiantaron que non haberá novas entregas do evento logo. Segundo explicou Martín Wu, un dos coordinadores desde a Asociación Xurásica, "sentimos que se esgotou un ciclo e necesitamos descansar un pouco". Aínda que recoñecen recortes orzamentarios no proxecto, os responsables non culpan a crise da fin do proxecto. A derradeira edición do evento celebrarase na rúa do Castiñeiriño de Compostela o vindeiro 11 de xuño coa presenza de Samesugas, Royalties, L'Uomo di Goma, The Homens e Redullos.
Riobó presenta o seu primeiro disco
Xénero: | 13 / 5 / 2011 + VIDEO + IMAXES
O apelido de Begoña Riobó, recoñecida violinista do panorama folk galego, sérvelle de nome á formación que lidera e mais ao primeiro disco da mesma. Riobó chega ás tendas da man de Zouma Records, e recupera melodías tradicionais con arranxos actuais dentro do estilo presentando 10 temas neste traballo. Para alén de Begoña, o grupo conta con Fernando Barroso (guitarra), Marcos Campos (gaita, acordeón e flautas), Xosé Liz (bouzouki), e Fernando Pérez (flautas e requinta). Begoña Riobó ten acompañado cos seus violíns de xeito habitual músicos como Carlos Núñez, Susana Seivane ou Anxo Lorenzo entre outros.


