Ti estás aquí > Inicio / / Fixar a partitura
Fixar a partitura
xuño 14, 2011
“Non se pode vivir da composición musical en Galicia”, afirma Margarita Viso, presidenta da Asociación Galega de Compositores. Partindo desta afirmación común a todos os integrantes deste colectivo, pódese entrar a facer matizacións, sobre o perfil, o tipo de partituras que se producen anualmente en Galicia e a forma na que chega a público todo ese patrimonio musical. Malia que a composición galega vive un bo momento creativo, hai moitos flecos por perfilar, como crear un arquivo que atesoure todo ese material que se está a producir na actualidade.
Na última década o panorama musical sufriu numerosos cambios en Galicia. Multiplicaronse os intérpretes, aumentaron os locais de exhibición, apareceron novos centros de estudos…. o panorama da música actual está a vivir un dos mellores momentos. Pero toda esa efervescencia creativa non chega ao público moitas veces. No ámbito da composición houbo tímidos achegamentos por parte das orquestras por interpretar música galega contemporánea, así como ciclos organizados ben pola Consellaría de Cultura (o ciclo “En xira” programado no 2010 permitiu vinte e tres estreas de vinte e un compositores galegos) ou da Asociación Galega de Compositores. Con todo, o panorama musical galego “está sen normalizar”, afirma Margarita Viso, presidenta dun colectivo creado en 1987 para promover a interpretación, gravación e publicación do inxente patrimonio.
O colectivo, que non ten sede física, contabiliza arredor dunhas tres mil partituras. “Son cifras aproximadas porque para a Asociación resulta difícil facer un cálculo de todo este traballo que cada autor garda na súa casa” explica a presidenta. “Estamos nunha situación moi precaria, xa que a propia entidade non dispón dun espazo que permita albergar ese material, unha situación que se deberá resolver porque estamos a falar do patrimonio musical contemporáneo de Galicia” afirma. Por iso, desde hai un tempo están en conversas cos responsables do Arquivo de Galicia (con sede na Cidade da Cultura) para crear o Arquivo Musical de Galicia. “Isto permitiría que as obras estiveran catalogadas, ter un espazo físico onde depositar e arquivar todo ese patrimonio vivo que se está a producir e escribir en Galicia” afirma a presidenta. Na súa opinión, o proxecto serviría ademais para ter un repositorio de partituras a disposición dos intérpretes que as queiran tocar. De momento, a idea non pasa de ser unha iniciativa acariñada por parte da Asociación Galega de Compositores, aínda que xa se iniciaron conversas.
¿Como é un compositor?
“Non existe un perfil único” asegura Margarita Viso ao referirse aos músicos galegos que se dedican á composición. Teñen entre vinte e noventa anos, son profesionais das artes musicais e formáronse principalmente nos conservatorios que agromaron en Galicia coa implantación da LOGSE. Forman parte deste colectivo 34 compositores, “principalmente homes” puntualiza Margarita, unha das catro mulleres que fan parte da Asociación. Dedícanse a compor obra sinfónica tanto para orquestra como para banda. E, por suposto, música de cámara. “É o laboratorio de ensaio dos compositores que lles permite traballar sobre instrumentos concretos” explica Margarita ante a proliferación deste tipo de partituras. Pero tamén son os encargados de crear textos para coros e voces con piano. Teñen ritmos desiguais, e hai autores moi prolíficos que superan as 200 partituras ao ano, e outros que realizan entre cinco e dez traballos. “Depende da magnitude da obra porque non é o mesmo crear unha obra sinfónica que un lied” aclara Margarita, ao tempo que explica a motivación do compositor á hora de crear obra é tamén moi variopinta. “Son poucas as obras por encarga, pero tamén as hai”.
A posta en escena
Outra cousa ben diferente é a sorte que corren esas partituras. Algunhas chegan a publicarse dentro das liñas editoriais que manteñen tanto empresas privadas como a propia Agadic. Outras, fican nos arquivos persoais dos propios compositores (algúns como Rogelio Groba, mesmo chegan a crear unha fundación para atesourar este patrimonio); e nalgúns casos chegan a interpretarse. Pero precisamente este último aspecto é o menos coidado de todos cantas posibilidades ten un compositor. “Existen grandes dificultades para que un compositor chegue a ver a súa obra en escena” apunta a presidenta deste colectivo que se creou, entre outros motivos, para promover a interpretación dos seus traballos. “Hai institucións que se sosteñen con fondos públicos que se negan a interpretar obras musicais alegando que non se trata de música contrastada, cando todos os integrantes deste colectivo pasaron por unha comisión que avalía se o seu traballo ten calidade técnica que ha de ter unha partitura”. De feito, para establecer un criterio, a Asociación Galega de Compositores pediu expresamente poder participar nas tomas de decisión das programación das grandes orquestras sinfónica do país sen moito éxito. “Non se pode ningunear o patrimonio musical que se está a producir neste momento no país” reivindica a presidenta deste colectivo. Con todo, recoñece que se deron numerosos avances e sobre todo nos últimos anos. “A sensibilidade musical que ten manifestado publicamente o conselleiro de Cultura Roberto Varela, permitiunos nos últimos tempos gozar de apoios parte da administración para desenvolver as nosas actividades” asegura Margarita Viso. Sen embargo, eles reivindican unha forma estandarizada que normalice este tipo de prácticas, para que o público poida dispor de todo este patrimonio que se está a xestar en Galicia.