Noticias
Unha semaniña de catro discos
Xénero: | 23 / 6 / 2011
O último álbum de Treixadura fecha un ciclo que coincide con vinte anos dos grupo e cunha tetraloxía discográfica, un proxecto pouco común no noso país. A seguir a liña de recuperación de cantos tradicionais e de taberna, o grupo combina agora o seu son co das bandas de música e outras corais nunha ambiciosa aposta que estará de xira polo país esta verán.
O festival Rock in Way abre o seu cartel con The Offspring
Xénero: | 22 / 6 / 2011
The Offspring, Toy Dolls e Rinôçerôse son as tres grandes aposta de Rock in Way, o festival patrocinado por Estrella Galicia que presentaba esta mañá o conselleiro de Cultura, Roberto Varela. O evento, que se celebrará no Monte do Gozo de Compostela os vindeiros 9 e 10 de setembro, incluirá tamén actuacións de Muchachito Bombo Infierno, Sôber, Delorean, Tote King, Las Pelotas ou Triángulo de Amor Bizarro entre outras formacións. Destaca unha selección de grupos galegos que inclúe a Niño Y Pistola, The Blows, Igloo ou Novedades Carminha entre outros, ata un total aproximado de 20 bandas que se distribuirán en dous escenarios. As entradas sairán á venda o vindeiro 28 de xuño cun prezo especial de 29 euros por abono para as primeiras 5.000 vendas.
Roger de Flor canta á loucura cotiá no seu novo disco
Xénero: | 22 / 6 / 2011
O cantautor fenés Roger de Flor presenta estes días o seu novo traballo discográfico El mundo esta loco, loco, loco… (PAI Música), un traballo con doce novas cancións en galego ou castelán, a maioría de composición propia. O disco foi gravado nos estudios “Anca” en Neda e mesturado nos estudios de “Casa de Tolos” (Gondomar), coa produción de Segundo Grandío. O seus temas -cargados de melancolía, amor, esperanza e vitalidade- están impregnados co estilo irónico-emotivo do artista fenés, que comezou a súa andaina en 2007 con Canciones de amor y retranca, traballo ao que seguiu en 2009 Naturalidad Silvestre. Unha das novidades deste disco está na incorporación da sección de metais o que lle dá certo carácter soul a algunhas das cancións. En “El mundo esta loco…” volven participar moitos dos seus colaboradores habituais, músicos como Cabe García, Fran Rey, Víctor Gacio e Sergei Izmailov, entre outros.
Instrumentos para as aulas
Xénero: | 22 / 6 / 2011
Dar a coñecer a grande variedade de instrumentos que existen no noso país aos máis novos. Esta é a proposta da Guía didáctica de instrumentos galegos que acaba de publicar Ouvirmos. O seu autor, Moisés Quintas fai un percorrido polos tipos e historia dos aparellos para facer música, achegando ademais exemplos do seu son.
O TAC revisará na Cidade da Cultura a renovación da música das últimas décadas
Xénero: | 21 / 6 / 2011
Espectáculo, música e gastronomía fúndense na última iniciativa da Cidade da Cultura, presentada onte. Trátanse dos "Seráns do TAC", un ciclo de catro concertos-espectáculo-degustación que levarán á Cidade da Cultura a música de Mahler, John Cage, Diego Masson ou Terence Mitchell, entre moitos outros, presentados por Carlos Blanco, Quico Cadaval ou Julián Hernández. Os concertos finalizarán cunhas tapas servidas polos cociñeiros do Abastos 2.0, o Eirado da Leña ou Pepe Solla. O Taller Atlántico Contemporáneo é un grupo estable, de formación aberta, que ten como director artístico a Diego García Rodríguez. Segundo a Xunta, "desde a súa creación, o seu obxectivo foi explorar novas vías para achegar a música contemporánea a diferentes públicos".
Triángulo de Amor Bizarro acapara os Premios da Música Independente
Xénero: | 21 / 6 / 2011
As nove candidaturas coas que Triángulo de Amor Bizarro chegaba á gala dos III Premios da Música Independente xa permitían sentenciar que a súa proposta musical era todo un éxito antes da entrega de premios e as votacións confirmaron esa sentencia. Mellores artistas de 2011, mellor álbum, mellor álbum de rock e mellor directo foron as catro categorías nas que TAB conseguiron levarse os premios convocados pola Unión Fonográfica Independente. O seu disco Año Santo (Mushroom Pillow, 2010) xa foi anteriormente gabado pola gran maioría dos críticos da música independente e saía destacado en todas as listas do 2010. O grupo actuou en directo durante a gala dos premios celebrada onte na Casa de América de Madrid. Cabe destacar tamén no palmarés dos premios a presenza de Abe Rábade recoñecido co premio ao mellor álbum de jazz polo seu disco Zigurat. O premios decidíronse por votación popular previa selección dos finalistas por un xurado profesional.
Avishai Cohen deu comezo ao Imaxina Sons
Xénero: | 17 / 6 / 2011
O contrabaixista Avishai Cohen daba onte comezo á sétima edición do festival de jazz de Vigo, Imaxina Sons. Ata o vindeiro 25 de xuño continúa a programación deste evento, que contará coa presenza de figuras como Nils Petter Molvaer, Sidsel Endresen, Neil Cowley e John Taylor. Malia a que o orzamento do festival descendeu este ano un 30%, o seu director, Nani García, salienta o nivel acadado nesta xeira e apunta que o evento se abre a novas latitudes. En canto a músicos galegos, cóntase coa presenza de Xan Campos e Pablo Seoane.
Talabarte presenta o seu primeiro disco de música tradicional contemporánea
Xénero: | 16 / 6 / 2011
Música acústica que parte da tradición contemporánea, esta é a aposta de Talabarte, unha formación que presenta agora o seu primeiro disco. Tangos, folk, jazz ou a música popular galega e europea mestúranse nun proxecto que conta con tres pesos pesados do actual panorama folk no país: O violín de Quim Farinha (Berrogüetto) , o acordeón diatónico de Pedro Pascual (Marful) e o contrabaixo de Kin García (Susana Seivane). O disco, que achega catorce temas, estará dispoñible tanto en formato físico como de xeito electrónico, a partir do vindeiro 20 de xuño.
Varios compositores galegos figuran na programación da vindeira temporada da OSG
Xénero: | 16 / 6 / 2011
Na temporada 2011/2012 a Orquestra Sinfónica de Galicia cumpre vinte anos. Unha celebración que contará con. Entre as primeiras destaca a interptación de Lingua de escuma para coro infantil e orquestra do compositor galego Fernando Buide (Santiago de Compostela, 1980). Canda ela, estrearase a obra gañadora do Premio de Composición Andrés Gaos 2009 que convoca a Deputación da Coruña e que gañou David Vayo Wellspring,. Fernando Alonso, outro autor gallego habitual na OSG, Fernando Alonso, presentará Diálogos na penumbra, inicialmente escrita para piano e instrumentada para gran orquesta.
Debuta na Coruña a Orquestra de Mulleres da Sinfónica de Galicia
Xénero: | 14 / 6 / 2011
No marco da programación do Festival Mozart o teatro Colón acolle hoxe o debú da Orquestra de Mulleres da Orquestra Sinfónica de Galicia. Creado para facer valer a presenza feminina na formación coruñesa, equipárse a outras formacións musicais do resto de Europa que conta con proxectos artísticos deste tipo. O grupo está liderado pola violinista rumana Lucica Trita e debutará cun programa que inclúe obras de Corelli, Mozart, Rossini e Mendelsson.


