Noticias
Carlos Núñez premiado co Casa dos Poetas pola súa promoción da música galega
Xénero: | 22 / 7 / 2011
O Padroado da Fundación Curros Enríquez decidiu onte concederlle a 27ª edición do Premio Celanova Casa dos Poetas ao gaiteiro Carlos Núñez. “A súa contribución á dignificación e á internacionalización da cultura galega a través dun instrumento tan propio da nosa tradición musical como é a gaita”. O gaiteiro recibirá o seu galardón o 4 de setembro cando recibirá unha escultura de Acisclo Manzano e un diploma.
Dios Ke Te Crew saca a rúa o seu agardado segundo disco Humanose
Xénero: | 20 / 7 / 2011
Desde hoxe está a venda o novo disco da formación ordense de hip-hop Dios Ke Te Crew. Humanose está editado por Boa Music, a discográfica máis importante do hip hop da península e que está dirixida polo galego Fernando Luaces. Este é o seu segundo traballo despois do autoeditado Xénese en 2006 do que chegaron a vender máis de 7000 copias. O colectivo, un dos máximos expoñentes do rap en galego desde os seus inicios en 2003, segue a manter en Humanose a súa actitude contestataria e crítica nas rimas, politicamente incorrecta e chea de aceda retranca. O grupo quere ofrecer no novo disco unha mellora na calidade da súa música: non só as bases e os textos dos 13 temas enganchan á primeira, ademais non aforraron en medios, sirva coma mostra a masterización en Masterdisk (NYC) por Tony Dawsey (Nas, Jay-Z, Redman, Gangstarr, Das EFX...). Tamén o formato físico do CD busca sorprender deseñado por dous recoñecidos artistas do street art: Liqen e Sekone, trátase dun dixipack de 3 corpos que inclúe un póster 36x36cm e un libreto con información.
Preséntase en concerto Admirando a condición, o primeiro disco de Sés
Xénero: | 19 / 7 / 2011
O Teatro Rosalía de Castro da Coruña acolle este xoves 21 o concerto de presentación do disco Admirando a condición, primeiro traballo discográfico do proxecto musical Sés liderado por María Xosé Silvar. Acompañada dunha banda de dez músicos profesionais Sés presenta neste traballo producido por Airapro, dez temas propios en galego gravados con toda a banda, metais e coros e ademais un corte extra no formato acústico co que actuaron Silvar e Tito José Calviño nos meses pasados en bares e locais de toda Galicia. Admirando a condición gravouse e mesturouse nos estudos Bruar da Coruña. Formada na música e no baile tradicional María Xosé Silvar é profesora e licenciada en Filoloxía Galega e Antropoloxía Social. No 2007 creou xunto a tres amigos Chámalle Xis!, un dos grupos revelación daquel ano e un dos gañadores do concurso Acoruna Son, apadriñado por Santiago Auserón. Co seu proxecto persoal Sés ofrece a súa enerxía musical a través de rhythm & blues, jazz, rock, ritmos latinos e son big band en galego.
Cultura renova o programa Espazos Sonoros que reduce notablemente o número de concertos
Xénero: | 5 / 7 / 2011
Naceu coa filosofía de por en valor o patrimonio cultural, musical e organístico relevante a ritmo de concerto. A esencia permanece pero das 88 citas que chegou a ter este ciclo, neta cuarta edición só haberá 27. Mosteiros, unha antiga fábrica de conserva, pazos, casas grandes ou unha fortaleza medieval converteranse no escenario de formacións galegas e doutras partes do mundo (La Chimera, o Nova Lux Ensemble, Rolf Lislevand, Quadriga Consort, Malandança, Les Sacqueboutiers de Toulouse…). A cita comezará o vindeiro 15 de agosto e desenvolverase ata o 22 de outubro baixo o lema “Novos camiños para a Música”. Como é habitual, o programa ten un apartado formativo que este ano conta con tres obradoiros.
Aprendendo do público
Xénero: | 4 / 7 / 2011
É habitual nas artes escénicas pero non tanto na música. O mércores 22 de xuño, a cantante Uxía compartiu co seu público o ensaio xeral do seu espectáculo Meu Canto no Salón Teatro de Compostela. Unha sesión para afinar o espectáculo antes dunha xira na que percorrerá Galicia, o norte de Portugal e Madrid, e da que se extraen valiosas ideas para mellorar o espectáculo antes da súa estrea pública. Falamos con Uxía para coñecer máis sobre a experiencia.
Sons da Lameira mestura música tradicional con grupos actuais
Xénero: | 29 / 6 / 2011
Bandas de música tradicional mesturadas con grupos de actualidade. Esta é a proposta que fai o festival Sons da Lameira de Matamá, que chega os vindeiros 1 e 2 de xullo á súa quinta edición. O proxecto conta desta volta coa presenza dos grupos Irmandiños de Vincios, os Terribles de Donas e A Requinta da Laxeira pola banda máis folclórica. Comparten cartel coas bandas Skunk DF, Ruxe Ruxe, Medomedá, Os Podridos ou Deggo, entre outras formacións. Entre concerto e concerto, amenizará o evento o homem orquestra Cé Orquestra Pantasma.
O Festival de Ortigueira 2011 contará con 15 concertos
Xénero: | 28 / 6 / 2011
Cinco concertos cada noite entre os días 7 e 9 de xullo. Esta é a proposta do Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira, que integra na súa programación figuras de peso internacional como The Elders, Skerryvore, Searson, Brian Finnegan big band ou David Pasquet. Canda a eles, poderán verse nomes coñecidos do noso panorama folk como son Berrogüetto ou Luar na Lubre, que acoden ao abeiro da programación do Ano da Música da Consellaría de Cultura. Canda a eles, o escenario da vila acollerá as actuacións do Proxecto Runas para grupos emerxentes, con Riveira, Stolen Notes e Ulträqäns a compeetir por se facer co premio desta edición, así como con The Crass, gañadores do ano pasado.
O galego campa achegará a música en galego aos campamentos de verán
Xénero: | 28 / 6 / 2011
Achegar o galego aos campamentos de verán que organiza a Xunta este verán. Esta é a proposta de O galego campa, a iniciativa que a Dirección Xeral de Política Lingüística presentaba esta mañá. A proposta, destinada a rapaces e rapazas de entre 9 e 12 anos artéllase a partir do disco Desaparafusador de gominola, no que participan artistas como Pedro e Pablo Pascual, Guadi Galego, Najla Shami, Ramón Bermejo, Germán Díaz ou Quim Farinha interpretando temas de diferentes estilos. A partir do CD a campaña propón unha serie de actividades lúdicas que pretenden favorecer a expresión oral e escrita na nosa lingua dentro de dinámicas colectivas. O disco está dispoñible integramente e coas súas letras no web de Política Lingüística.
Preséntase o programa do LIX Festival da Ópera da Coruña
Xénero: | 24 / 6 / 2011
Representantes da Asociación de Amigos da Ópera da Coruña, a Consellería de Cultura e Turismo e a concellería de Cultura da cidade herculina presentaron hoxe o programa do Festival da Ópera da Coruña que se celebrará en setembro. Nesta nova edición que fai o número 59 está composto por dúas óperas, Rigoletto e L’Elisir d’Amore, un concerto lírico, o ciclo Novas voces galegas e a estrea na cidade da Ópera dos tres reás do Centro Dramático Galego (CDG). Ademais, están previstas conferencias, encontros e películas que serven para informar aos socios e ao público das actividades do festival.
A crise aboca o Festival Are More de Vigo á súa desaparición definitiva
Xénero: | 24 / 6 / 2011
A nova concelleira de Cultura do Concello de Vigo, Isaura Abelairas, dá practicamente por desaparecido o Festival de Música de Vigo Are More. En declaracións ao xornal Faro de Vigo publicadas hoxe Abelairas, malia afirmar que é unha decisión aínda por tomar, fala xa do festival en clave de pasado e recoñece que a día de hoxe non hai programa previsto para este festival que tradicionalmente comezaba a finais de outubro. De ser así o Are More tería morto coa súa décima edición en 2009 xa que o ano pasado tampouco chegou a celebrarse adiándose a este ano, segundo asegurou entón a concellería de Cultura, para coincidir coa apertura do Teatro Fraga e cunha suposta “dinamización” do evento. Daquela os 240.000 euros orzamentados para festival destináronse a outras partidas.


