Ti estás aquí > Inicio / NOTICIA / A crise aboca o Festival Are More de Vigo á súa desaparición definitiva
A crise aboca o Festival Are More de Vigo á súa desaparición definitiva
xuño 24, 2011
A nova concelleira de Cultura do Concello de Vigo, Isaura Abelairas, dá practicamente por desaparecido o Festival de Música de Vigo Are More. En declaracións ao xornal Faro de Vigo publicadas hoxe Abelairas, malia afirmar que é unha decisión aínda por tomar, fala xa do festival en clave de pasado e recoñece que a día de hoxe non hai programa previsto para este festival que tradicionalmente comezaba a finais de outubro. De ser así o Are More tería morto coa súa décima edición en 2009 xa que o ano pasado tampouco chegou a celebrarse adiándose a este ano, segundo asegurou entón a concellería de Cultura, para coincidir coa apertura do Teatro Fraga e cunha suposta “dinamización” do evento. Daquela os 240.000 euros orzamentados para festival destináronse a outras partidas.
Isaura Abelairas recoñece o “gran prestixio” acadado polo festival nos seus dez anos de existencia pero condiciona a súa celebración no contexto de crise en contraposición á de outras actividades culturais como o Imaxinasons ou a dinamización do Verbum. O Festival de Música de Vigo Are More naceu no ano 2000 como unha aposta pola exploración das fronteiras entre a música clásica e a popular. Polos seus carteis desfilaron figuras de primeira orde como Ute Lemper, Teresa Berganza, Diego el Cigala, Kiri Te Kanawa, Ewa Podles e María Bayo entre moitas así como importantes formacións orquestrais, de jazz e fado. Nestas dez edicións un dos puntos máis fortes foi o traballo de formación de públicos cun ciclo de cine sonoro con música en directo, clases maxistrais, conferencias, óperas para escolares, concertos para bebés, concertos en mercados e centros comerciais, etc. A concelleira tamén veu difícil recuperar o festival de verán Para Vigo me voy.