Ir ao contido directamente.


Noticias

O Are More podería non celebrarse en 2011 ao non concretarse a axuda do concello

Xénero: Clásica/Lírica | 31 / 8 / 2011

imaxe non dispoñible

Ute Lemper, Teresa Berganza, Diego el Cigala, María Bayo… son só algún dos artistas que desfilaron polo cartel do Are More. O festival de música culta que chegou a figurar entre a revistas especializadas entre os tres mellores do Estado. No 2010 desapareceu da programación anual olívica e no 2011 parece correr a mesma sorte. A prensa viguesa publicaba estes días que o concello non ten ningunha resposta cando é preguntado por ese tema e que a dirección do festival non ten recibido ningunha comunicación ao respecto.

O Ateneo Ferrolán entrega a Xosé Manuel Seivane a Gaita de Ouro

Xénero: Folk | 30 / 8 / 2011

imaxe non dispoñible

O seu traballo como artesán que, ademais, continúa un legado familiar a prol da música tradicional galega valeulle a Xosé Manuel Seivame Magide a Gaita de Ouro“Constantino Bellón 2011” . É un galardón que concede o Ateneo de Ferrol nun certame que tamén premia a composición para este instrumento. A súa XX edición, que permitirá coñecer ao galardón deste ano, desenvolverase ao longo da xornada de hoxe e de mañá. Sen embargo, nesta ocasión on se poderá interpretar a obra vencedora na última edición, As cousas de Sarabela de José María López Rodríguez xa que a complexidade das partituras e a falta de orzamento (precísase dunha formación sinfónica maior e con máis ensaios) obrigou a adiar esta cita.

Un filme abre a décimocuarta edición do festival de Cangas de Jazz

Xénero: Jazz/Blues | 23 / 8 / 2011

imaxe non dispoñible

Jazz en Liberdade é un documental que respasa o arraigo deste xénero musical na localidade de Cangas a través de dúas xeracións de músicos e veciños. Dirixido por Xes Chapela e gravado na localidade o ano pasado pódese ver hoxe en Cangas (Eirado do Costal, 22:30 horas) como o acto de apetura da décimocuarta edición do Festival Internacional de Jazz Canjazz. O festival contará con dúas noites máis de jazz ao vivo de balde, que se complementa coa organización dun obradoiro, entre o martes 23 e o sábado 27, impartido polo compositor de Nova Iorque, Matt Vorzimer, quen tamén actuará en directo.

Un recital lembra a importancia de Pucho Boedo revisitando o repertorio dos Tamara

Xénero: Melódica | 23 / 8 / 2011

imaxe non dispoñible

Unha lectura superficial diría que Pucho Boedo foi o cantante dos Tamara, a quen a Coruña lembra con dúas estatuas (unha praza de Azárraga e outra no Ventorillo). Outra moito máis profunda evidenciaría que foi a banda sonora do país, que cantou en galego e que liderou unha banda que chegou a ser formación residente no Olympia de París. Por iso hoxe, os cantantes Sito Sedes, Miguel Ladrón de Guevara e Paco Lodeiro, xunto coa Banda Municipal de Música e co escritor Xurxo Souto como presentador ofrecerán a súa particular homenaxe a Boedo. Esta noite (21:30 horas), a praza de María Pita soará ao ritmo de clásicos como Galicia terra nosa ou A Santiago voy .

Santiago exhibe o seu potencial para acoller a organización do WOMEX

Xénero: Nova era | 23 / 8 / 2011

imaxe non dispoñible

A Cidade da Cultura e os principais recintos culturais de Santiago (Auditorio de Galicia, Multiusos Fontes do Sar, Pazo de Congresos e Exposicións…) pasan estes días por un peculiar exame. Ese que lle pasará os organizadores do WOMEX, a prestixiosa feira internacional de “world music” de todos os estilos, para a que a cidade é candidata. A proposta foi coordinada pola produtora Nordesía quen, co apoio de Agadic, será a encargada de presentar e defender ante os responsables da feira, a proposta para que Santiago acolla este encontro a partir do 2014.

O disco Meu Canto de Uxía entra no número 7 das listaxes europeas da World Music

Xénero: Folk | 12 / 8 / 2011

imaxe non dispoñible

É un disco composto por 15 cancións, gravadas no Brasil xunto con Jaime Alem e co que Uxía celebrou os 25 anos de carreira artística. Meu canto, título do traballo, acaba de entrar nas listaxes europeas de World Music. Os 44 xornalistas que compoñen o xurado votaron este proxecto que figura no número sete dese listado. Pero non é a única nova positiva para a cantante galega, xa que a revista británica SONGLINES incluirá o tema Os teus ollos na compilación que incluirá a revista no seu número de outubro.

Víctor Carou será o novo director do Auditorio de Galicia

Xénero: Clásica/Lírica | 10 / 8 / 2011

imaxe non dispoñible

Coa remuda do goberno municipal en Compostela, muda tamén a dirección do Auditorio de Galicia. Segundo adianta hoxe El Correo Gallego, Víctor Carou, ata o de agora responsable do festival Via Stellae, será o novo encargado deste espazo. O nomeamento no será efectivo ata o vindeiro mes de setembro, pretende, segundo recolle o xornal, relanzar a actividade do auditorio e incrementar o vencello da cidadanía coa entidade. Entre outras cuestións, preténdese incrementar o número de aboados, así como ampliar a axenda musical vencellada ao recinto.

Pedro Álvarez Fariña faise co premio Mac Crimmon de gaita

Xénero: Folk | 9 / 8 / 2011

imaxe non dispoñible

Se a edición desde ano do Festival de Lorient non tiña abonda presenza galega, catro galegos coparon os primeiros postos no prestixioso trofeo Mac Crimmon de gaita, na categoría de gaita galega e asturiana. O gaiteiro Pedro Álvarez Fariña foi o gañador desta edición do premio, antes coñecido como Mc Callan. Jesús Sánchez, Raúl Lacilla e Pablo Dalama completan o palmarés do país. Canda a eles, o noso país conta cun posto de 200 metros cadrados no evento, no que se celebrarán concertos de Ophiusa, Cantata Vernácula e Suso Ascariz. O concerto de Luz Casal, hoxe, canda ao de Carlos Núñez e Ialma, entre outros, completan a presenza galega no evento.

As redes de AGADIC programarán 629 espectáculos ata fin de Ano

Xénero: Miscelánea | 4 / 8 / 2011

imaxe non dispoñible

Seiscentos vinte e nove espectáculos a cargo de 170 compañías percorrerán o país no marco da Rede Galega de Teatros e Auditorios, da Rede Galega de Salas e mais da Rede Galega de Música ao Vivo. AGADIC anunciaba onte a programación do segundo semestre de 2011, na que investiu 665.000 euros. Das actuacións, 85 corresponden á Rede Galega de Teatros e Auditorios, 233 á Rede Galega de Música ao Vivo e 111 á Rede Galega de Salas. Esta é a primeira vez que as redes se desenvolven co novo modelo de xestión que organiza o apoio aos espectáculos segundo a poboación das localidades.

A Escola de Altos Estudos Musicais integra os seus estudos na USC

Xénero: Clásica/Lírica | 29 / 7 / 2011

imaxe non dispoñible

Os títulos de posgrado da Escola de Altos Estudos Musicais pasarán a facer parte da oferta da Universidade de Santiago. O convenio que asinaron onte estas entidades permitirá asimesmo que a USC emita un diploma específico de especialización orquestral. Dentro do acordo contémplase tamén a creación dun Consello Académico para coordinar os plans de estudos. Canda a isto, un segundo acordo reservará prazas para os estudantes deste centro no sistema de residencias da Universidade.

<< Inicio / Anterior . 2431 a 2440 de 3580 . Seguinte \ Fin >>

BUSCADOR