Noticias
Os Cempés gravarán novo disco este inverno
Xénero: | 22 / 9 / 2011
Logo do seu retorno ao circuíto de concertos cunha nova formación, o coñecido grupo folk Os Cempés anuncian a gravación dun novo disco. Catro anos despois da súa despedida, a banda conta cunha formación na que se manteñen Serxio Ces, Antón Varela e Óscar Fernández e á que se incorporan Pablo Dalama, Ramón Dopico e Fernando Barroso. Cun son máis acústico, no que cobrarán importancia a zanfona e o bouzouki, os músicos están a ensaiar dez novos temas que farán parte do seu vindeiro disco. Está previsto que as sesións de gravación comecen o vindeiro mes de decembro, e os membros do grupo toman como referencia do seu son o disco Circo Montecuruto. A banda pretende financiar este proxecto recorrendo ás contribucións de afeccionados.
O Grove recupera o Centolo Rock como actividade paralela á Festa do Marisco
Xénero: | 16 / 9 / 2011
Foi no 2002 cando se celebrou a última edición do Centolo Rock, que se suprimiu para instaurar a “Gala do Marisco”. Sen embargo este ano, o concello do Grove decidiu recuperar esa cita como “antesala sonora”, segundo declaran no seu propio web, á Festa do Marisco e buscando enganchar a un público máis novo. Igloo, Maryland e CatPeople son tres grupos moi populares da música indie, con fondas raíces galegas e tamén o prato forte dun certame que se desenvolverá nun único día: o vindeiro 24 de setembro. A cita é de balde a partir das 23:00 horas na praza do Corgo.
Quiosco: Música ao vivo, 10
Xénero: | 14 / 9 / 2011
A revista de información e promoción da música galega que se distribúe de balde os locais da Rede Galega de Música ao Vivo chega ao número dez. Unha cifra redonda que leva a portada os vinte e cinco anos de carreira musical de Uxiá, que festexa a súas vodas de prata editando Meu canto. Canda este reportaxe, a publicación repasa a traxectoria de PIti Sanz, o impacto do primeiro disco de Matto Congrio, así como as novidades discográficas para a temporada que asoma, entre outras novidades.
A Real Filharmonía abre a temporada cun espectáculo de produción propia
Xénero: | 12 / 9 / 2011
O primeiro concerto da temporada da Real Filharmonía de Galicia adoitaba desenvolverse na Catedral, pero este ano, a apertura terá lugar no Auditorio de Galicia. Será cunha produción propia que servirá ademais, para festexar o 800 aniversario de programación da Catedral. A primeira desta entidade que poñerá en marcha a comedia bufa en dous actos de O barbeiro de Sevilla. En total, a temporada contará con 29 concertos, nos que se inclúe o Ciclo de Piano Ánge Brage. Ademais, por primeira vez participará na programación a escola de Altos Estudos Musicais, que este ano cedeu a Axencia Galega das Industrias Culturais. Entre os obxetivos desta edición figura o de sumar público e, para iso, contará coas mesmas modalidades de abono que en anos anteriores con descontos para estudantes e asociación culturais.
Oriol Ponsa abandona a Sinfónica de Galicia
Xénero: | 8 / 9 / 2011
Na última xuntanza do padroado da Orquestra Sinfonica de Galicia, Oriol Ponsa comunicou a renuncia do seu cargo de xerente. Tal e como publica hoxe La Voz de Galicia, Ponsa aludiu a motivos persoais, ao tempo que apunta o novo destino deste coñecido xestor, a secretaría técnica da Orquestra da Comunitat Valenciana, no Palau de les Arts de Valencia.
Terbutalina lanza Broncodilatador, o seu segundo disco
Xénero: | 8 / 9 / 2011 + AUDIO
Unha dose de vinte minutos de gastropunk, esta é a proposta que fai o grupo Terbutalina co seu novo LP Broncodilatador. Con temas como Helipuerto, Cartos, R.A.J.O.Y. ou Cheiras ao bravo, o grupo afonda na liña que abriran con Live en Catoira, o seu primeiro disco. O álbum está dispoñible de balde nas plataformas Bandcamp, O Toxo rabudo e Komunikando, e presentarase publicamente cun concerto na Sala Moon de Compostela o vindeiro 15 de setembro. Na cita estarán tamén presentes Desequilibrio Mental e Familia Caamagno.
O ciclo Galicia Importa achegará cinco novos concertos
Xénero: | 6 / 9 / 2011
A Consellaría de Cultura presentaba esta mañá a última xeira do ciclo Galicia Importa, que achegará ata o noso país ao longo do vindeiro outono, cinco concertos. Patrick Wolf (13 de outubro en Vigo), Bonnie ‘Prince’ Billy (22 de outubro na Coruña), Adam Cohen (27 de outubro en Compostela), Aloe Blacc (6 de novembro en Compostela) e Bettye Lavette (8 de novembro na Coruña) son as incorporacións confirmadas no programa. O titular de Cultura, Roberto Varela, sinalou no entanto que haberá máis actuacións antes de que acabe o ano.
O que agochan os sons
Xénero: | 1 / 9 / 2011
Non son as letras as que dan acubillo ao sentido filosófico que ten a música, senón máis ben os ritmos, os sons ou os silenzos. E precisamente iso, a parte máis esquecida da música, é o que pretenden comentar, falar e mesmo gozar, os asistentes e participantes dos III Encontros de Filosofía da Costa da Morte. Un programa feito para fuxir da aridez, do academicismo e a música que entre por todos os sentidos. E todo isto ao ritmo da Orquestra Fortuíta, formación creada exclusivamente para esta actividade.
Pablo Devigo repite como gañador do premio Constantino Bellón
Xénero: | 1 / 9 / 2011
Seis minutos foi o que precisou Pablo Devigo para encandilar ao xurado da XX edición do concurso de gaita solista Constantino Bellón. Devigo converteuse por terceira vez consecutiva, no gañador do premio de composición de gaita por excelencia. Os músicos Pedro Álvarez de Nigrán e Daniel Lumbreras tamén foron destacados polo xurado.
O Concello da Coruña manterá o Noroeste Pop Rock
Xénero: | 1 / 9 / 2011
No balance das Festas de María Pita, a responsable da área de Cultura, Ana Fernández, fixo unha valoración positiva do Noroeste Pop Rock. Ata tal punto, que xa confirmaron que seguirían traballando n aliña de traballo para vindeiras edicións, aínda que matizou a necesidade de abaratar custes da infraestrutura do festival.


