Ir ao contido directamente.


Ti estás aquí > Inicio / NOTICIA / O que agochan os sons

AS PROPIEDADES TERAPéUTICAS DA MúSICA ABREN OS III ENCONTROS DE FILOSOFíA DA COSTA DA MORTE

O que agochan os sons

MISCELáNEA | setembro 1, 2011

imaxe non dispoñible

Non son as letras as que dan acubillo ao sentido filosófico que ten a música, senón máis ben os ritmos, os sons ou os silenzos. E precisamente iso, a parte máis esquecida da música, é o que pretenden comentar, falar e mesmo gozar, os asistentes e participantes dos III Encontros de Filosofía da Costa da Morte. Un programa feito para fuxir da aridez, do academicismo e a música que entre por todos os sentidos. E todo isto ao ritmo da Orquestra Fortuíta, formación creada exclusivamente para esta actividade.

Son varias as pecularidades que converten os III Encontros de Filosofía da Costa da Morte nunhas xornadas diferentes do resto. Primeiro porque como o seu propio director recoñece “Non é fácil organizar un congreso na fin do mundo, nun recuncho pequeno”; segundo, porque con 3.000 euros hai case un exercicio de malabarismo ao confeccionar un programa con actividades durante catro fins de semana (máis aínda se entre os asistentes confirmados hai expertos da talla de Ramón Andrés, Montserrat Marino, ou Ignacio Castro). “Todos veñen de balde, porque lles interesa o tema ou porque son coñecidos” afirma Turnes, que xunto con Pablo Seoane son os coordinadores deste encontro.

A música como terapia
Son catro as fins de semana que conforman o programa destes encontros, que se corresponden con outras tantas orientacións para ver o tema da música. Para a primeira fin de semana, o programa pretenderá achegarse ao poder terapéutico da música. “¿A música cura? ¿Cómo axuda na configuración da personalidade? Son algunhas das cuestión que poñeremos enriba da mesa. Para este tema está Montserrat Merino que traballa na Casa Baubo, un proxecto musical que aborda iniciativas como a musicoterapia en Ourense. Ese mesmo día tamén estarán Ana Justo e Francisco Facal.

Como peche da primeira fin de semana haberá un oco destacado para a música, a que proporciona a Real Orquestra Fortuíta da Costa da Morte (ROFCOM). “É unha orquestra creada expresamente para este congreso, con obras compostas exprofeso e que amosan a dimensión máis festiva do programa” explica Javier. Este proxecto musical está composto por Pablo Seoane (bedel, piano), Alejandro Vargas (máquina de escribir, piano), Lar Legido (batería, percusión), José Manuel Díaz (contrabaixo), Ton Risco (vibráfono, percusión), Olivier Cano (frauta traveseira, saxo alto), Manuel Paino (trompeta), Óscar Prieto (tuba), Lúa Gándara (voz) e Rafa Poncela (voz). Tocarán na Terraza do Hórreo onde na vontade dos coordinadores destes encontros é que a xente que asiste (como público ou como relator) tamén achegue o gran de area nas Jam Sessions.

A música como ciencia, arte e parte da realidade
A presenza de Luís Miguel Martínez Otero, neurocientífico que ten estudado as relacións nerviosas do cerebro cando teñen lugar recepcións estéticas, na segunda fin de semana de setembro, evidencia a conexión da música desde o punto de vista científico. “Pretendemos falar de cousas como que é o que lle pasa ao cerebro cando escoita música, que ocorre, cales son as sinapses que se establecen?”. De aí, os encontros dan unha nova volta par falar do que ten que ver da música como arte e da súa relación con outras disciplinas como o a escrita, o graffiti, os debuxos. Joaquín Riera e Anxo Rabuñal son os relatores desta segunda xornada.
E como peche, alá para a última fin de semana de setembro, os coordinadores teñen previsto prato forte: o poeta e ensaísta Ramón Andrés. “Nesta última sesión queremos abordar que é nos di a música da realidade, da relación da música co silencio, en resumidas contas, que hai de musical na realidade”.

E para quen non poida asistir, entre as propostas dos coordinadores está facer un rexistro audiovisual. “Imos gravalo todo, as conferencias, os concertos… con dous obxectivos, asegura Javier, dunha banda facer unha especie de síntese do que se falou a semana pasada e, pola outra, publicar un libro disco que compile o que deu de si estes terceiros encontros”. A súa intención é que a publicación estea lista para final de ano, co que se poñerá fin a uns encontros que foxen do academicismo buscando a parte máis creativa e formativa destas xornadas.