Ir ao contido directamente.


Noticias

Magín Blanco publica "Caderno de cores e cancións"

Xénero: Infantil | 17 / 4 / 2023

Caderno de cores e cancions.jpg

O músico Magín Blanco (A Rúa, 1960) volve á actualidade editorial co seu novo libro-disco, publicado na colección Sonárbore de Galaxia, "Caderno de cores e cancións", ilustrado por Sonia García. Este libro supón o regreso do músico ourensán ás tendas de discos e librarías de Galicia logo duns anos de silencio. Este novo traballo veu precedido por un espectáculo co mesmo título que Blanco, acompañado de Pablo Vidal, presentou o pasado ano como proposta de dinamización en formato concerto-obradoiro como un espazo de interacción e intercambio co público para que, de forma colectiva, se creasen novas pezas, que agora se recollen na publicación. Todas as cancións que se inclúen neste libro-disco, accesibles a través dun QR que contén no interior, foron compostas por Magín Blanco e gravadas e mesturadas por Segundo Grandío en Casa de tolos. Os textos que preceden a cada canción foron escritos polos alumnos de primaria do CEIP da Carrasqueira, en Coruxo, Vigo agás o primeiro, que fixeron os usuarios de APMP ao remate dun obradoiro de cancións que con eles se realizou.

Filloas xa vai polo seu segundo traballo en menos dun ano

Xénero: Pop | 14 / 4 / 2023

imaxe non dispoñible

Aínda non fai un ano que saía o seu primeiro disco longo como FILLOAS, e xa temos aquí o novo traballo do artista vigués Iago Galego Ferreiro, co explícito nome de "O Segundo Disco xd" e de novo distribuído pola plataforma A Regueifa 2.0. Malia a escasa marxe entrambos lanzamentos a comunicación do novo disco asegura que con el o proxecto de Galego "chega á súa maioría de idade", presentando estes dez novos temas gravados nos estudos composteláns Garaxeland. O certo é que hai diferenzas nas sonoridades deste novo disco e o anterior, no sentido dunha sofisticación respecto ao que xa se amosaba no primeiro álbum, un paso máis que dá consistencia ao seu estilo. As melodías electro-pop e synth-pop bailables conforman o núcleo duro do disco incluíndo ritmos urbanos e querencia guitarreira, sobre un libreto de letras de ton existencialista e desencantado que, segundo comunican, "provoca ter medrado entre crises económicas, pandemias, a abafante presión das redes sociais e a precariedade laboral", contando situación cotiás relacionadas con sentido do humor co desamor, as inquedanzas sociais, a cultura pop e, por riba de todo, unha sensación de frustración persoal provocada, segundo din polo "día a día da vertixe capitalista". O primeiro tema de lanzamento, "Cando estás durmida", chega acompañado dun videoclip que reivindica a amizade coma perfecto remedio contra a ansiedade existencial.

A Coruña acolle as vangardas do Festival RESIS

Xénero: Alternativa | 13 / 4 / 2023

imaxe non dispoñible

Hoxe dá comezo na Coruña a sexta edición do Festival RESIS de Música Contemporánea e Artes Vivas, que ata o vindeiro 6 de maio ofrece un programa que inclúe artista de vangarda, gastronomía e diversas expresións artísticas. O concerto inaugural celebrarase hoxe no restaurante Árbore da Veira, a cargo da formación Arxis Ensemble, que interpretará obras de Rebecca Saunders, Sara Glojanaric e Yoko Ono. O vindeiro sábado, 15 de abril, o festival ofrece a estrea mundial da peza "Libro delle Immagini V", do coruñés Hugo Gómez-Chao, compositor residente en la Real Academia de España en Roma. Nacho de Paz dirixirá a Arxis Ensemble para est concerto que tamén incluirá a interpretación de obras de Beat Furrer, Alberto Posadas e Claudia Cañamero.

Marcos Teira e Ton Risco conflúen flamenco e jazz en CIRCUM

Xénero: Fusión | 12 / 4 / 2023

imaxe non dispoñible

O dúo formado polo vibrafonista Ton Risco e o guitarrista Marcos Teira presenta este mes, CIRCUM, o primeiro disco común destes músicos de calidade contrastada e longa experiencia na que é unha das escasas apostas musicais galegas polo xénero flamenco. Estes dous músicos acaban de gravar o seu primeiro disco xuntos despois de anos entrecruzándose e coqueteando a ámbolos dous lados dos escenarios e as partituras. Este disco recolle o traballo que a formación veu desenvolvendo ao longo de mais de 10 anos nos cales afondaron na procura dun son e unha linguaxe , así como dun xeito de facer propios. Músicas propias e tamén de outros autores, arranxos orixinais, estilos diferentes e unha linguaxe común. Aínda que as influencias son tan variadas como as súas traxectorias, pode dicirse que as linguaxes do flamenco e do jazz son fundamentais no discurso en CIRCUM.

Baleira homenaxea a Florencio O Cego dos Vilares

Xénero: Folk | 12 / 4 / 2023

imaxe non dispoñible

A coincidir cos 109 anos do seu nacemento, este 12 de abril Baleira lembra a Florencio López Fernández O Cego dos Vilares. Unha placa sobre a súa tumba no cemiterio da aldea da Fontaneira lembrará a quen "foi transmisor oral da nosa cultura e lingua, nos escenarios naturais das feiras e romaxes. Xograr popular de memoria imperecedeira".

O Ciclo Metropolitano "Elas son artistas" presenta a súa sexta edición

Xénero: Miscelánea | 11 / 4 / 2023

imaxe non dispoñible

A sexta edición do interdisciplinar Ciclo Metropolitano pola Igualdade na Música e nas Artes, "Elas son artistas" dará o seu comezo este vindeiro sábado 15 de abril no Centro Cultural A Fábrica en Oleiros coa violinista, cantante e compositora, María de la Flor. Esta actuación, xunto coas primeiras confirmacións, presentáronse esta mañá en rolda de prensa no Teatro Colón coa benvida por parte de Diana Sobral, Concelleira de Comercio, Mercados e Barrios da Coruña, representantes dos Concellos de Arteixo, Betanzos, Carral e Culleredo, responsables das empresas patrocinadoras (Gadis) e colaboradoras (Coca-Cola e Alma Atlántica) e artistas que formarán parte da programación deste ano. O día 21 no Centro Cívico Cultural do Concello de Arteixo será a quenda da segunda actuación con Eva McBel que presentará o seu primeiro elepé, "I'm glad you happened". Estas dúas primeiras actuacións suporán o inicio dunha nova edición que este ano volverá abarcar espazos públicos e privados de oito dos concellos da área metropolitana da Coruña con citas nas que destacan a participación de bandas e artistas galegas, outras cuxos nomes empezan a resoar en todo o panorama nacional e xiras de grandes bandas internacionais.

O VI Ciclo Clube achega 60 actuacións

Xénero: Miscelánea | 5 / 4 / 2023

imaxe non dispoñible

Un recital conxunto de Nastasia Zürcher e Belém Tajes en Laxe abre este 5 de abril a sexta xeira do Ciclo Clube. Esta iniciativa que organiza a asociación de salas Clubtura co apoio de Estrella Galicia achegará sesenta actuacións a máis de vinte salas das catro provincias galegas.

Un certame para mergullarse na lírica galega e poñerlle música

Xénero: Miscelánea | 4 / 4 / 2023

imaxe non dispoñible

Co gallo da celebración do Día das Letras Galegas (17 de maio), que este ano homenaxean a Francisco Fernández del Riego, e co obxectivo e de incentivar o uso da lingua galega na música creada e interpretada no municipio, o Concello de Pontevedra convoca un novo certame musical aberto baixo o nome de "Música nas Letras 2023". Para participar nel, as bandas ou artistas deberán musicar, con composicións orixinais, un poema ou mestura libre de versos da autoría de calquera das figuras homenaxeadas nas Letras Galegas desde o inicio desta celebración no ano 1963 até este 2023. As bases permiten a presentación de composicións musicais de calquera xénero ou estilo e para entrar resulta preciso que, canda menos unha persoa poida acreditar ser de Pontevedra.

De lugares e Órganos volta a Compostela pola Semana Santa

Xénero: Clásica/Lírica | 28 / 3 / 2023

imaxe non dispoñible

O ciclo de concertos De Lugares e Órganos retorna a pór en valor o patrimonio organístico da capital galega. A oitava edición deste evento desenvólvese entre o 31 de marzo e o 8 de abril baixo a dirección artística de Belén Bermejo, e achegará catro concertos e diferentes actividades paralelas a distintos espazos da cidade.

Boroa presenta un traballo de experimentación arredor da gaita

Xénero: Folk | 27 / 3 / 2023

portada-boroa.jpg

Boroa é un grupo de Ribeira (A Coruña) conformado por Sabela Olivares (gaita, piano, pandeireta e voz), Suso Bello (guitarra) e Alberto Millán (baixo) que veñen de presentar o seu primeiro traballo longo autoeditado "O´Clásico Fol". O disco de 9 cortes amosa un proxecto que xira ao redor da funcionalidade e a versatilidade da gaita, ademais da súa adaptación ás novas tecnoloxías do século XXI. Boroa crea un mundo sonoro coa gaita como protagonista alén de fronteiras para achegarnos harmonías de diferentes xéneros musicais pasados polo filtro acústico: folk tradicional galego, swing, jazz manouche, ragtime… etc. Composicións propias de Olivares e Bello conforman o disco, presentado este mesmo mes.

<< Inicio / Anterior . 171 a 180 de 3425 . Seguinte \ Fin >>

BUSCADOR