Ir ao contido directamente.


Ti estás aquí > Inicio / NOTICIA / De lugares e Órganos volta a Compostela pola Semana Santa

O CICLO DESENVOLVE CATRO CONCERTOS ENTRE OS DíAS 31 DE MARZO E 8 DE ABRIL

De lugares e Órganos volta a Compostela pola Semana Santa

CLáSICA/LíRICA | marzo 28, 2023

imaxe non dispoñible

O ciclo de concertos De Lugares e Órganos retorna a pór en valor o patrimonio organístico da capital galega. A oitava edición deste evento desenvólvese entre o 31 de marzo e o 8 de abril baixo a dirección artística de Belén Bermejo, e achegará catro concertos e diferentes actividades paralelas a distintos espazos da cidade.

Enrique López-Cortón, coruñés afincado en Ámsterdam, abre a programación a dirixir a Capella Sancta Maria, cun programa de música de mosteiros femininos en San Paio de Antealtares. O grupo la Tasteggiata, formado por Tobie Miller, Marco Ambrosini e Eva-Maria Rusche, que interpretará un programa de música barroca cunha combinación de zanfona, nyckelharpa, órgano portativo e espineta, continúan o programa o día 2 na igrexa do Pazo de San Lourenzo.

Para o 3 escoitarase o órgano de Santa Clara da man da organista Eva-María Rusche, cun programa pezas compostas arredor do himno do Page Lingua, xunto a sonatas da chiesa de coñecidos autores. Como feche dos concertos, a Igrexa da Universidade acollerá o día 8 o recital da galega Alejandra Escolante canda a membros do Quinteto InVento a mesturar a sonoridades do órgano coa doutros instrumentos de vento.

Como actividades paralelas, o ciclo acolle tamén a Matinés 20' que na mañá do xoves 6, permitirá coñecer a compostelá Marta López, que interpretara varias pezas ao órgano da Igrexa da Universidade e falará sobre a súa experiencia como organista. No día 4 a sala NUMAX acollerá a proxección do filme de cinema mudo Shoes, da directora Lois Weber, acompañada da música ao vivo interpretada do guitarrista Rafa Fernández e de Alex Salgueiro, ao órgano Hammond, mentres o día 5 un roteiro dará a coñecer a pegadado organeiro Mariano Tafall. Ademais, diferentes establecementos comerciais da cidade participarán dunha exposición fotográfica sobre o patrimonio organístico local.