Ir ao contido directamente.


Noticias

O segundo álbum de Caldo xurde da intimidade do fogar

Xénero: Folk | 12 / 5 / 2023

Capa_LugarAPonte-caldo.jpg

'Lugar A Ponte' é o nome do segundo álbum de Caldo, o trío conformado por María Jorge (violín), Anaïs Barbier (voz e pandeireta) e Pedro Fariñas (guitarra e gaita). O novo traballo discográfico do grupo, que sae hoxe en plataformas, é unha proposta moderna, íntima e potente, ateigada de honestidade e de responsabilidade tanto coa tradición coma con elas mesmas. Un disco profundo e persoal no que comezaron a traballar desde o confinamento e que foron perfilando ata acadar, tres anos despois, un álbum que leva por nome o fogar onde o propio Caldo agromou: o Lugar A Ponte, na comarca do Val Miñor. O proxecto de Caldo foi premiado co galardón ao Mellor proxecto de música folk nos Premios Martín Códax da Música (2020) e resultou gañador do concurso Fran Pérez 'Narf' da Deputación da Coruña (2020).

Pakolas presenta o seu terceiro traballo en solitario

Xénero: Infantil | 9 / 5 / 2023

pakolas_ramona_lua.jpg

Paco Cerdeira, ou Pakolas, nome co que se presenta ante o público infantil, é músico e compositor, antiguo componente da formación Mamá Cabra e parte de A Gramola Gominola, agora está a presentar en xira o espectáculo baseado no seu máis recente traballo en solitario, o libro-QR "A Ramona Pequena vai á lúa" (Ed. Galaxia). Este é o terceiro traballo que Pakolas saca en solitario e supón unha nova entrega das historias da súa labrega inventora favorita, Ramona Órbita, personaxe inspirada na súa bisavoa Ramona, que xa protagonizara o anterior "Ramona Órbita a dona do tempo" en 2020. Pakolas, que se auto define como rockeiro e guitarreiro, ofrece neste novo traballo e espectáculo dez novas cancións de composición propia e tamén un conto ilustrado por Laura Romero Nos seus espectáculos en formato individual, ou acompañado pola ilustradora Laura Romero, seguen a xirar por toda Galicia, cunha montaxe escénica e musical baseada no novo álbum, contando cunha renovada escenografía tamén deseñada por Laura e apoiada no libro. Paco Cerdeira interpreta en directo unha escolla dos seus temas infantís, xuntando música, historias e moita participación co público a xeito de aprendizaxe pero tamén de divertimento.

Budiño navega libre e ben acompañado en "Branca Vela"

Xénero: Folk | 5 / 5 / 2023

branca_vela_budino.jpg

Houbo que agardar ao oitavo disco de Xosé Manuel Budiño, "Fulgor" (2019) para escoitalo cantar coa súa voz ademais de escoitar a súa gaita, e o de Moaña xa non está disposto calar, ao contrario querer cantar máis. Budiño ven de lanzar o pasado día 28 de abril o seu novo traballo longo, "Branca vela" (Arredor edicións, 2023) un disco con dez cancións incluíndo a que lle dá nome que xa foi presentada como un dos adiantos e mostra do que se ía atopar no álbum, unha sorte de importantes colaboracións chea de cores sonoras sen complexos, incluíndo bases electrónicas, recursos de produción e, como sempre, a raíz tradicional e a gaita. Todos os temas son de composición do de Moaña, que abre o traballo cun dedicado á súa orixe local, Donón. O músico contou para este disco coas achegas de Leilía (no tema Branca Vela) pero tamén están aí Guadi Galego, Manuel Rivas, De Vacas, Antía Otero ou o coro Aires da Terra. Con eses vimbios Budiño xa ten o disco en todas as plataformas dixitais e está a presentalo en concertos, os seguintes en Tomiño (13 de maio),Redondela (14 de maio) e Sanxenxo (24 de xullo).

Astarot celebra o seu 40 aniversario rodeados de amigos en Cangas

Xénero: Rock | 5 / 5 / 2023

imaxe non dispoñible

Comezaron en 1983 a facer rock en Cangas de Morrazo, converténdose nun referente pioneiro do heavy metal en Galicia durante a efervescencia das grandes capitais da "movida". Uns anos despois, co seu terceiro disco "Apuesta y gana" (1996), a banda incorporou a lingua e a cultura galega con letras de autores da nosa literatura ás súas gravacións, dende entón sempre foron xa un referente do rock en galego, con temas novos ou incorporando cancións populares ás sonoridades do rock metal. Agora chegan ao seu 40 aniversario, unha cifra impoñente, e queren celebralo na súa localidade cun concerto moi especial que incluirá as achegas de 15 artistas invitados que, segundo comunican, "forman parte da do panorama musical galego de agora e de sempre". Así, este sábado, 6 de maio, no Auditorio Xose M. Pazos aso Astarot estarán dando un concerto moi especial de celebracións, no que subirán aos escenario amigos e amigas, como Rosa Cedrón, Xosé Luís Rivas "Mini", Lucia Pérez, Vituco Neira, Tonhito de Poi, Bieito Romero xunto a outros membros de Luar Na Lubre, dous dos membros de Los Suaves ou Josito Porto entre outros.

Furious Monkey House escurece o seu son con Oneiric

Xénero: Rock | 28 / 4 / 2023

FMH_Oneiric_Portada.jpg

A banda pontevedresa Furious Monkey House está en plena xira de presentación do seu novo álbum Oneiric. Neste seu terceiro traballo, o grupo evolúe cun son no que combina o rock dos 90 con propostas que se achegan ao synth pop sen abandonar o peso das guitarras e achegando texturas máis densas e escuras ás súas propostas, a incorporar reverbs e sons atmosféricos.

As Tanxugueiras reciben o Premio Odeón da AGEDI

Xénero: Folk | 27 / 4 / 2023

imaxe non dispoñible

Apenas uns días despois de coñecer como o trío Tanxugueiras amosaban unha importante presenza entre os finalistas as Premios MIN, as galegas engaden un novo recoñecemento ao seu gran ano 2022 coa súa designación como gañadoras do galardón a Artista Revelación Alternativo de 2022, na cuarta edición dos Premios Odeón. Estes galardóns outorgados desde a Asociación de Gestión de Derechos Intelectuales (AGEDI) premian en 24 categorías a música gravada o pasado ano, co cal o premio ás Tanxugueiras chega polo seu álbum "Diluvio" (Calaverita records). As galegas xa recibiron a escultura que se outorga co premio e que amosaron en redes sociais. O vindeiro 17 de maio coñeceranse os premios Min, nos que son finalistas en sete categorías.

CARLANGAS sube aos escenarios co seu primeiro disco en solitario

Xénero: Pop | 27 / 4 / 2023

CARLANGAS_COVER_RGB_1080x1080.jpg

O FIV de Vilalba acollerá esta fin de semana a actuación de Carlos Pereiro presentando o seu proxecto en solitario como CARLANGAS tras a disolución de Novedades Carminha. O músico santiagués sacou o pasado día 20 de abril o seu primeiro disco longo co nome do seu proxecto CARLANGAS e na discográfica coa que xa traballaba coa súa anterior formación, Ernie Records. Nove temas pop, de curta duración bailables e lixeiros, con retrousos doados, conforman este traballo de Carlos Pereiro que mantén liñas de conexión coas derradeiras gravacións de Novedades Carmiha, moi vencelladas ao baile e mesmo á verbena, pero explorando agora miras aínda máis amplas e relaxadas que as do grupo co que acadou grande sona. O disco conta ademais con tres colaboracións especiais, remarcando a establecida con Manu Chao no tema "Cae la noche", que pecha o álbum. Ademais tamén están Grande Amore e a banda viguesa Mundo Prestigio dando presenza ao hip hop galego na canción "O día que volvín nacer", a única en galego do disco. Nos concertos de CARLANGAS serán Mundo prestigio quen acompañe a Carlos sobre o escenario.

O Cabos Soltos volve colocar Pontevedra como nó do sector musical

Xénero: Miscelánea | 21 / 4 / 2023

imaxe non dispoñible

Cabos Soltos volve a Pontevedra os vindeiros 28 e 29 de abril celebrando as terceiras xornadas técnicas e dúas xornadas de música e creatividade nos locais, cafeterías, salas e nos espazos públicos da cidade. O programa foi presentado onte pola concelleira pontevedresa Anabel Gulías, xunto con Marcos Rivas, da Sala Karma, e Patricia Hermida, coordinadora da xornada técnica. Esta iniciativa xurdiu no ano 2019 como unha resposta local ás restricións que causaba a nova Lei de Espectáculos Públicos de Galicia, creando unha fórmula na que o propio Concello actuase como organizador dos eventos nos locais de hostalaría e ao mesmo tempo visibilizar a cultura de base, e a creación emerxente así como fortalecer o tecido económico local a través tamén da hostaleira. O desenvolvemento destas actividades, que se levarán a cabo os vindeiros días 28 e 29 de abril, pretenden favorecer o tecido creativo e emerxente da cidade a través de programacións e de xornadas de formación. No relativo ás actuacións musicais, haberá case un cento de artistas espallando as actividades en máis de 30 locais hostaleiros da cidade., comezando este mesmo venres 21 de abril.

O Buril reúne en Sarria aos 'punkis de aldea'

Xénero: Rock | 20 / 4 / 2023

imaxe non dispoñible

A A.C. O Buril de Sarria organiza este sábado 22 de abril o 'Encontro de Punkis de Aldea', un festival que reunirá ata 21 grupos musicais que teñen en común dúas cousas: unha posición musical e ideolóxica punk e un vencello claro co mundo rural. Nun horario continuo desde as 13.00 horas ata as 3 da madrugada non parará a música no local desta entidade. A banda residente de O Buril, Sudor do tractorista, abrirá a xornada como formación anfitrioa para despois seguir co resto das bandas, chegadas desde diversos puntos de toda Galicia e algunhas de fóra, desde Barcelona, Asturias, Murcia ou Valladolid.

Ataque Escampe volven de a cabalo do pasado en Cabalgata

Xénero: Pop | 18 / 4 / 2023

Portada_Cabalgata_David Silva.jpg

Cabalgata, o oitavo disco de Ataque Escampe, que xa está dispoñible nas principais plataformas dixitais. Trátase do primeiro LP que publica a banda compostelá tras da dupla saída en 2018 de "Ídolos adolescentes (2007-2011)" e "A vida dos animais (2012-2018)" e de varias mudanzas na formación. O fío principal do novo disco é o diálogo co pasado, non como obxecto de nostalxia senón, en palabras do grupo, "como espazo inesgotable que nos interpela". De aí sae o intento de explorar estilos musicais doutras épocas claramente perceptibles con sonoridades dos anos 80 e 90, pero tamén temáticas que atravesan o álbum, como a infancia, os amores diferentes ou as amizades conservadas ou perdidas, simbolizadas nas letras polas diferentes imaxes de cabalos ás que fai referencia o título: a tenrura dos cabaliños de carrusel das festas, a ameaza dos policías montados, a emotividade da relación cos animais á que podería apuntar "Cabaliño lento", o terceiro adianto do LP -estreado o 31 de marzo- e tema que pecha o álbum. Ataque Escampe presentará Cabalgata na Sala Capitol o sábado 29 de abril, nun evento que abrirá un combinado de membros da Banda de Lalín. Así, péchase en certa maneira o círculo aberto pola mención á Banda dentro do disco ou a presenza de parte da súa formación no videoclip do adianto Lamborghini. As entradas xa están á venda.

<< Inicio / Anterior . 161 a 170 de 3425 . Seguinte \ Fin >>

BUSCADOR