Ir ao contido directamente.


Noticias

Unha xornada investiga a diversidade sexual na música tradicional

Xénero: Folk | 7 / 6 / 2023

imaxe non dispoñible

A conmemorar o Día das Diversidades Sexuais e co título Correr e cantar a Deputación da Coruña celebra este 17 de xuño unha xornada enfocada na diversidade sexual no campo da música tradicional. Unha serie de faladoiros, presentacións e actuacións musicais abordarán a presenza dos colectivos LGBTIQA+ neste ámbito.

O festival O que non se escribe volta a Compostela os días 9 e 10 de xuño

Xénero: Folk | 5 / 6 / 2023

imaxe non dispoñible

Santiago de Compostela acolle entre os vindeiros 9 e 10 de xuño a terceira xeira do festival O que non se escribe. Este encontro sobre "arquivos sonoros e creación contemporánea" continúa a explorar as novas propostas arredor da música tradicional, coa presentación do novo disco de Caldo na sesión inaugural e concertos dos murcianos Maestro Espada e dos asturianos L-R o día 10, como algunhas das citas máis destacadas.

O novo álbum de Boyanka Kostova amosa a versatilidade rap do dúo

Xénero: Hip-Hop | 2 / 6 / 2023

Portada Boyanka Lp.jpg

O dúo compostelán Boyanka Kostova non quere deixar a ninguén indiferente e co seu estilo trap recoñecible e inimitable veñen de presentar o que é o seu novo traballo longo, o primeiro publicado baixo o selo Ernie Records co que xa traballaba un dos seus compoñentes, Chicho, co seu proxecto en solitario Ortiga. 'Os meus peidos cheiran a pétalos perfumados', unha estrofa do tema 'Magic English', é o vistoso título deste traballo que supón o seu quinto disco nos sete anos de actividade. O álbum está composto por dez pistas; unha intro e nove cancións que tratan de tocar todas as puntas do RAP. Dende G-funk, ata Bum Bap, pasando por rap de baile, temas de (e con) artistas contemporáneos e mesmo un beef cara á formación pontevedresa SondaRúa (Infelicce)… sen saírse nunca do son que lles caracteriza. Bases á antiga, que xorden de sampleos de outras cancións, simples e eficaces, que conseguen que o loop de 3 minutos sexa ata efémero.

A música galega á luz dos X Premios Martín Códax

Xénero: Miscelánea | 2 / 6 / 2023

imaxe non dispoñible

Cando fan dez edicións, os Premios Martín Códax da Música continúan a achegar unha instantánea do panorama sonoro do noso país. O descenso de propostas de Música Electrónica e o incremento de candidaturas nas categorías de Música Clásica, nas Orquestras e na de Música Tradicional, que se pon ao nivel do folk, aparecen como as principais novidades nunha edición caracterizada pola estabilidade nos xéneros maioritarios.

As Xornadas de Música Contemporánea chegan a Compostela con catro estreas absolutas

Xénero: Clásica/Lírica | 1 / 6 / 2023

imaxe non dispoñible

Co lema "A voz a escena" este 1 de xuño botan a andar en Compostela as Xornadas de Música Contemporánea. Unha conferencia da musicóloga Rosa María Fernández sobre "As dramaturxias vocais fóra da ópera" abre o programa nunha xornada que se completa cun concerto de Ópera na Rúa a cargo da Banda de Música Municipal de Santiago, con obras de K. Weill e A. Piazzolla.

Maneiro volve en solitario co álbum "Un Bonito Despertar"

Xénero: Rock | 30 / 5 / 2023

capa_maneiro_despertar.jpg

Javi Maneiro presenta este vindeiro domingo na Sala Capitol de Santiago o seu novo traballo discográfico en solitario. "Un bonito despertar" (Sorte Discos, 2023) é o seu cuarto disco asinado co seu nome propio e chega nun momento moi especial da súa carreira e da súa vida. Tras dun accidente cerebrovascular que obrigouno a afastarse de todas as actividades e frear en seco a xira que estaba a facer coa súa banda Heredeiros da Crus, Maneiro pode agora volver ´actividade con datas xa confirmadas coa súa banda para este verán e subirá ao escenario por vez primeira este domingo para presentarse con este disco, que xa estaba preparado antes do incidente pero cuxa saída tamén tivo que ser adiada ata agora. En "Un bonito despertar" Javi Maneiro ofrécenos 10 temas da súa autoría e por vez primeira en todos eles usa o galego. O ton de pop rock domina o álbum, indo dese as baladas intimistas como "Non quero bicos sen lingua" ata os himnos máis electrizantes como "A morte non me enjaña". Con un son de estudio profesional elegantemente producido por Fran Gude, e que conta co músico ribeirense Rubén Cores, como director musical e encargado dos arranxos. As letras de Maneiro, son sempre profundas, vitalistas, románticas e íntimistas, sentidas sen renunciar a unha linguaxe achegada e sinxela, unha marca do autor no que ten que ver coa súa música asinada en solitario e que reivindica no sinxelo de lanzamento "Son un romántico". O disco xa está en todas as plataformas e este domingo na Sala Capitol da capital galega o artista do "corazón de carballo" subirá ao escenario por vez primeira en todos estes meses para recoller o calor dos seus seguidores e transmitirlles a súa vitalidade.

Galician Army sae ao asalto das pistas de baile

Xénero: Electrónica | 24 / 5 / 2023

NOS-Galician-Army.jpg

Xosé Lois Romero e Aliboria, Fillas de Cassandra, Eladio y Los Seres Queridos, Xoel López, Iván Ferreiro, Luar Na Lubre, The Rapants e Grande Amore ou Mariagrep son os artistas orixinais dos que o dúo Galician Army colle os temas sobre os que os Dj's fan a súa labor de produción electrónica e mestura no seu novo traballo NÓS (Esmerarte Industrias Creativas) que xa está dispoñible en varias plataformas desde o pasado Día das Letras Galegas. Galician Army son Alberto Prada e Sergio Vallejo dous picadiscos especialistas en música electrónica de baile, moi influenciados polos sons dos anos 80, nomeadamente por Vangelis, Daft Punk, Pet Shop Boys ou Hans Zimmer como referencias recoñecidas. O dúo leva seis anos de traxectoria e recentemente foron os primeiros e facer un 'remix' da canción 'Terra' de Tanxugueiras que tivo entrada inmediata nas pistas de baile do país. Agora seleccionan un feixe de oito temas que van desde o pop ao tradicional, de outros artistas galegos e varios deles en lingua galega, achegándolles o seu traballo de produción e mestura para conseguir o efecto de introducir as cancións no circuíto dos clubs. O repertorio é variado, incluíndo pezas moi coñecidas como Turnedo, de Iván Ferreiro, 'Tu gitana' de Luar na Lubre ou 'Non quero perderte' de Eladio y Los Seres Queirdos. O primeiro lanzamento foi a remestura de "La espina de la flor en tu costado - III", de Xoel López. Galician Army ofrecerá xa estas novas producións en directo nos seus espectáculos, respaldadas por un novo concepto de posta en escena co que xa estiveron presentes no festival O Son do Camiño 2022. O dúo xa ten confirmadas varias datas, a primeira o vindeiro 26 deste mes, maio, dentro do Ourensound Fest; tras diso repetirán en O Son do Camiño o 16 de xuño e teñen previsto pasar polo Portamérica, Nachiños Fest de Ferrol e Caudal Fest de Lugo.

O disco 'Ferro e Pedra: Homenaxe aos precursores' reivindica os legados do rock galego

Xénero: Rock | 23 / 5 / 2023

pedraeferro.jpg

Saíu o mesmo Día das Letras Galegas, o pasado 17 de maio, en principio só dispoñible para a súa escoita en formatos dixitais a través de YouTube e algunha outra plataforma, pero xa está prepararse a dispoñibilidade no resto das plataformas dixitais e unha edición física con algunhas outras sorpresas engadidas. "Ferro e Pedra: Homenaxe ós Precursores" é unha recompilación na que 10 bandas galegas actuais de rock renden tributo a outras tantas formacións históricas, a maioría de rock duro, metal e hardcore (aínda que hai excepcións) xa extintas pero que consideran que foron clave na escena musical das nosas cidades e vilas. As formacións que asinan as versións son Aquelarre, Amenaza de Muerte, Barbarian Prophecies, Dioivo, Mileth, Pneura, Schwarzenegger, Somos Nos, Xerión e Xhamain. Mentres os grupos cuxas cancións son obxecto de versións son Desvirgheitors, Mutant Squad, Épsilon, Nordés, Consumatum Est, Mol, Detestor, Nowhere, unha versión do famosos "Esta vida me va a matar" de Los Suaves e inclúese ademais unha revisión do clásico "Años 80" de Los Piratas. A maioría dos temas está en galego e, no reparto, as bandas foron escollendo para homenaxear a algunha formación da súa propia zona. A portada do mesmo foi realizada por Trönner Graphics.

Sete nomes galegos no cartel do 52º Festival Interceltique de Lorient

Xénero: Folk | 23 / 5 / 2023

imaxe non dispoñible

A 52ª edición do Festival Interceltique de Lorient, unha cita de referencia no mundo da música folk dos países celtas e punto de encontro das culturas, contará un ano máis coa presenza das sonoridades galegas en distintas formas. Nesta ocasión a cita está dedicada á música irlandesa, pero desde Galicia se desprazarán á localidade bretoa sete propostas da nosa música para levar a cabo varios espectáculos dentro da programación que se desenvolverá entre o 4 e o 13 de agosto.

Tanxugueiras volven triunfar nos Premios MIN

Xénero: Folk | 22 / 5 / 2023

imaxe non dispoñible

A gala do XV Aniversario dos Premios MIN en Palma de Mallorca, que reuniu e premiou aos artistas máis destacados da escena independente de España no último ano trouxo un recoñecemento ao traballo realizado o pasado ano polo trío Tanxugueiras. As cantareiras, finalistas en sete categorías, conseguiron gañar dous importantes premios: "Mellor álbum de música de raíz" e "Mellor álbum en galego" por "Diluvio", o seu último disco, editado no verán de 2022 por Calaverita Records. Este dobre recoñecemento para Sabela Maneiro, Aida Tarrío e Olaia Maneiro chega xusto despois de recoller o mes pasado o premio "Artista Revelación Alternativa 2023" dos Premios Odeón e apenas dúas semanas despois da estrea do seu novo tema "Aire", producido por Lowlight (C. Tangana, Israel B, Yung Beef, Albany e un longo etcétera de músicos da escena urbana) e na que demostran unha vez máis a súa continua exploración de novos retos e posibilidades sonoras. Non é primeira vez que o trío sae galardoado destes premios, xa co seu primeiro disco, "Tanxugueiras" (2018) acadaron o de Mellor Álbum en lingua galega e o pasado 2022 recibiron o Premio AIE a Mellor Artista Emerxente do Ano en España.

<< Inicio / Anterior . 151 a 160 de 3425 . Seguinte \ Fin >>

BUSCADOR