Ti estás aquí > Inicio / NOTICIA / Unha xornada investiga a diversidade sexual na música tradicional
Unha xornada investiga a diversidade sexual na música tradicional
xuño 7, 2023
A conmemorar o Día das Diversidades Sexuais e co título Correr e cantar a Deputación da Coruña celebra este 17 de xuño unha xornada enfocada na diversidade sexual no campo da música tradicional. Unha serie de faladoiros, presentacións e actuacións musicais abordarán a presenza dos colectivos LGBTIQA+ neste ámbito.
O programa, comisariado por Sergio Marey, fai parte do proxecto "Rural e tradición, un fogar en igualdade" que desenvolve a institución provincial. A xornada abre cunha presentación a cargo do propio Marey e de Atenea García do estudo que realizaron na comarca de Bergatiños para coñecer a realidade do colectivo LGBTIQA+ no campo da música tradicional. A mesa redonda Creación contemporánea dende a tradición, moderada por Mercedes Peón reunirá a Berto, Meiga-i, Eva Outeiro de Toma a Terra, Gabi Reboredo, O Rabelo e Olalla Liñares de Oîma a falar das súas experiencias neste sentido.
Na sesión de tarde, Diego Salgueiro moderará a mesa A muiñeira, unha bandeira LGBTIQA+, na que Ana Canabal, Miguel Carballo, Pedro García Louzao, Rosalía Portos e Xela Montero falarán da súa experiencia e realidade como persoas LGBTIQA+ nestes ámbitos. Unha sesión de narración oral para adultos a cargo de Atenea García co título de Vicio houbo sempre, e unha conferencia Noemi Basanta, integrante das Adufeiras de Salitre e Doutora en Filoloxía Galega, sobre "ideoloxías e posicionamentos de xénero no baile e a música tradicionais galegas" continuarán a xornada.
Como feche, unha actuación das Tocadoras da A.C. Raigañas de Cerqueda, con coplas de temática LGBTIQA+ abrirá unha foliada aberta a todas a persoas que queiran participar. Todas as actividades desenvolveranse na Praza de Azcárraga, na Coruña.