Ir ao contido directamente.


Noticias

Bota a andar o programa Mariña Inmaterial

Xénero: Miscelánea | 23 / 6 / 2023

imaxe non dispoñible

Unha combinación de recuperación de memoria, conferencias e actuacións musicais e escénicas compoñen a proposta de Mariña Inmaterial. O novo programa cultural da produtora Ouvirmos, que se desenvolve co apoio da liña de axudas Territorio Cultura, desenvólvese entre o 28 de xuño e o 28 de xullo en espazos patrimoniais de Trabada, Barreiros, Cervo, Xove e mais Alfoz e o Valadouro. Cervo acollía na mañá deste 23 de xuño a presentación desta iniciativa que aproveita o orzamento do Mecanismo europeo de recuperación e resiliencia dos fondos NextGeneration.

A Deputación de Pontevedra pon na rede o documental Acorda

Xénero: Miscelánea | 23 / 6 / 2023

imaxe non dispoñible

Logo da estrea, o pasado 20 de xuño, de Acordamos, o seu segundo documental sobre os lugares da memoria histórica na provincia, a Deputación de Pontevedra publicou na rede Acorda, a primeira produción desta serie audiovisual. O proxecto, que botou a andar en 2021, achega unha serie de actuacións musicais en espazos vencellados á represión franquista combinadas con memorias daqueles feitos.

A Real Filharmonía dedica a súa nova temporada ás Migracións

Xénero: Clásica/Lírica | 22 / 6 / 2023

imaxe non dispoñible

A se estrear como responsable artístico da formación, Baldur Brönnimann daba a coñecer este 21 de xuño a nova temporada da Real Filharmonía de Galicia en Santiago de Compostela. Migracións é o título deste programa e o fío que integra todas as propostas que a orquestra desenvolverá nos vindeiros meses.

O Día Europeo da Música celébrase con artistas galegos na SGAE

Xénero: Miscelánea | 21 / 6 / 2023

imaxe non dispoñible

Hoxe celébrase o Día Europeo da Música e na sede galega da Fundación SGAE en Santiago ese é o motivo sobre o que se funda o Festival Acento. Este evento de libre acceso chega este ano á súa cuarta edición buscando a posta en valor de artistas galegos no marco da celebración. A terraza traseira do edificio, aberta ao público no parque Vista Alegre , será o escenario no que soarán un conxunto de variado de artistas da escena musical galega.

Grupos en Loita denuncia o incumprimento de Caballero co festival Rock in Vigo

Xénero: Rock | 16 / 6 / 2023

imaxe non dispoñible

No marco do arrevesado conflito polo patrocinio público frustrado do concerto da banda californiana Guns N' Roses en Vigo engádese desde a escena musical viguesa outro motivo de controversia en dirección ao responsable do consistorio olívico. A plataforma de artistas musicais Grupos de Vigo en Loita denuncia que o Concello de Vigo incumpriu a súa promesa de organizar e celebrar o festival Rock in Vigo de bandas viguesas e galegas que o propio alcalde, Abel Caballero, anunciou para facerse na Porta do Sol os días 9, 10, 11 e 12 de xuño, coincidindo cos días previos ao concerto de Guns N' Roses en Balaídos. Porén desde a plataforma lembran que o evento non se celebrou, sen que se dese ningunha información ao respecto e sen que se tivese contactado con ningunha banda viguesa ou galega para participar en dito festival. Grupos de Vigo en Loita anuncia que levará a cabo accións nas próximas semanas para continuar a reivindicar a celebración do festival Rock in Vigo e en xeral a participación de bandas locais na programación musical do Concello. Anuncian que seguirán "esixindo ao Concello que celebre o evento tal e como o prometeu ante todas as viguesas e vigueses en Televigo", xa que "só mantendo a loita e a protesta de xeito continuado é como se conseguen as cousas con este Goberno municipal, como xa demostramos co tema das salas de ensaio".

Os Premios Opinión pechan un círculo entre pandeireteiras

Xénero: Folk | 15 / 6 / 2023

imaxe non dispoñible

A vixésimo segunda gala dos Premios Opinión da Música de Raíz, que se celebrou onte no Teatro Rosalía de Castro serviu para recoñecer e valorar a excelencia da música tradicional galega e tamén para pechar un círculo simbólico de fluxo entre dúas xeracións de mulleres. Co cambio de formato de premios que comezou este ano, os galardóns que entrega o xornal La Opinión, pasaron de cinco a dous premios: o Andaina Senlleira, un recoñecemento a unha traxectoria; e o de Acontecemento Musical do ano, enfocado no sucedido no pasado máis recente. Neste caso o xurado destinou ambos recoñecementos a dúas formacións que coinciden en estar formadas por mulleres e que teñen a pandeireta e o cantar como sinal distintiva, pero que están en momentos moi diferentes. Leilía, que xa anunciaron a súa despedida, foron a as recoñecidas co primeiro destes premios e as Tanxugueiras recibiron o galardón polo éxito acadado no ano 2022. Péchase entrambas un círculo coa súa reunión nestes Premios que recoñece a influenza das máis veteranas no éxito das máis novas e a capacidade destas últimas para recoller o facho e levalo máis alá do imaxinado.

Cultura no Camiño bota a andar en 88 concellos

Xénero: Miscelánea | 15 / 6 / 2023

imaxe non dispoñible

Unha actuación de Vella Escola en Vilagarcía e outra de Silvia Penide en Culleredo abren este 15 de xuño a edición 2023 do programa Cultura no Camiño. A Axencia Galega das Industrias Culturais presentou o día 14 este programa, que se desenvolverá finalmente en 88 concellos do país polos que transcorren rutas xacobeas ata o vindeiro 31 de agosto.

A Sinfónica de Galicia adianta a súa primeira temporada con Roberto González-Monjas

Xénero: Clásica/Lírica | 13 / 6 / 2023

imaxe non dispoñible

A celebración do 127 aniversario da morte de Johannes Brahms aparece como un dos eixes da programación da vindeira temporada da Orquestra Sinfónica de Galicia. A formación achegou un adianto do seu programa para o que resta de 2023 e a primeira parte de 2024, un período no que se estrea baixo a batuta de Roberto González-Monjas

Dioivo lanza o seu novo traballo 'Cara os Ceios Incrementes'

Xénero: Rock | 9 / 6 / 2023

dioivo_album_ceios.jpg

O dúo vigués de metal en galego Dioivo vén de lanzar o seu novo álbum 'Cara os Ceios Incrementes', editado polo selo discográfico grego Sleaszy Rider Records. Como é habitual no grupo, o traballo inclúe diversas adaptacións de coñecidas obras da literatura galega, de autores como Darío Xohán Cabana, Florencio Delgado Gurriarán ou Xosé Luís Méndez Ferrín. Tamén inclúe cancións con letras orixinais, sempre escritas en galego. O álbum comeza precisamente coa súa adaptación de "Que importa que nos craven as cadeas", poema de Darío Xohán Cabana incluído no seu libro de 1970 'Verbas a un Irmao'. Os vigueses escolleron este reivindicativo poema escrito durante o franquismo para homenaxear ao autor lugués logo do seu falecemento a finais de 2021. O álbum propiamente dito ten unha duración de 48 minutos en 8 cancións, pero o lanzamento inclúe tamén 3 temas extra adicionais, cos que a duración elévase aos 67 minutos. O primeiro deles é precisamente outra adaptación dunha obra da literatura galega, 'Retorno a Tagen Ata' de Xosé Luís Méndez Ferrín, lanzado previamente polo grupo no 50 aniversario desta célebre e influínte novela de 1971. No tema, Dioivo contan coa colaboración do propio Méndez Ferrín, que narra varios pasaxes da obra sobre a música da banda.

Berlai retrata o país con 'Estampas Galegas'

Xénero: Indie | 7 / 6 / 2023

imaxe non dispoñible

'Estampas Galegas' é o último traballo de Berlai, o terceiro asinado polo exintegrante e compositor de Fía na Roca tras Desconhecido (Axóuxere Editora, 2016) e 'Cas Berlai' (Seispes, 2020). Neste caso Xiao berlai ofrécenos en formato libro-disco unha mestura de música, contos e ilustracións que falan da Galicia actual, homenaxeando a 'Cousas' de Castelao a través de dez cancións e outras tantas estampas baseadas en experiencias vitais ou reflexións do músico. A música e os contos foron compostos por Xiao Berlai e as ilustracións son do artista Leandro Lamas. O diálogo entre as tres artes que habitan as 'Estampas Galegas', convida a xogar entre si e gozar da súa conexión sen orde xerárquica. Podemos comezar pola música ou a ilustración e rematar coa historia, ou viceversa, deixando a elección en mans de quen le, mira e escoita. O novo traballo, na súa parte sonora xa está disponible nas plataformas dixitaise públicase a través de ARegueifa Plataformas 2.0, no formato físico está publicado por Através Editora e pode adquirirse a través da súa tenda en liña.

<< Inicio / Anterior . 141 a 150 de 3425 . Seguinte \ Fin >>

BUSCADOR