Ir ao contido directamente.


Ti estás aquí > Inicio / NOTICIA / Bota a andar o programa Mariña Inmaterial

CONFERENCIAS E ACTUACIóNS ARTíSTICAS ANALIZAN E REINTERPRETAN O LEGADO PATRIMONIAL DA COMARCA

Bota a andar o programa Mariña Inmaterial

MISCELáNEA | xuño 23, 2023

imaxe non dispoñible

Unha combinación de recuperación de memoria, conferencias e actuacións musicais e escénicas compoñen a proposta de Mariña Inmaterial. O novo programa cultural da produtora Ouvirmos, que se desenvolve co apoio da liña de axudas Territorio Cultura, desenvólvese entre o 28 de xuño e o 28 de xullo en espazos patrimoniais de Trabada, Barreiros, Cervo, Xove e mais Alfoz e o Valadouro. Cervo acollía na mañá deste 23 de xuño a presentación desta iniciativa que aproveita o orzamento do Mecanismo europeo de recuperación e resiliencia dos fondos NextGeneration.

No marco do programa o antropólogo Rafa Quintía desenvolveu unha serie de obradoiros coa poboación local a rescatar elementos do patrimonio inmaterial. Agora, este investigador ofertará unha serie de cinco conferencias a explicar o material recollido e o seu contexto. Cada unha destas charlas irá acompañada dunha actuación na que artistas de diferentes disciplinas amosarán obras creadas de xeito específico para a ocasión inspiradas nas lendas locais.

Deste xeito, BellónMaceiras Dúo presentará a peza Barca da pedra nas ruínas da ermida de San Tirso de Portocelo, Cello & Electronics interpretará Ritos da fertilidade na Pena Abaladoira de Alfoz e Rut Balbís danzará Megalitismos no Marco da Pena Verde de Trabada acompañada polo traballo da ceramista Verónica Moar.

O titiriteiro Ton Arenas achegará, pola súa banda, a montaxe A fábula á Punta do Castro de Barreiros, e Sabela Eiriz presentará a videocreación Mito Cristián na capela antiga de Santa Eufemia de Trasbar (Cervo). Como resultado destas actividades publicarase un libro que compile o patrimonio inmaterial recuperado no marco da iniciativa.