Ir ao contido directamente.


Noticias

Luar na Lubre bota o ollar atrás no seu vixésimo álbum

Xénero: Folk | 14 / 7 / 2023

encrucillada_XX_luar_na_lubre.jpg

Da man de Baía Edicións este 14 de xullo preséntase ao público XX- Encrucillada. O novo traballo de Luar Na Lubre, vixésimo da súa carreira discográfica, é unha ollada atrás á historia dunha banda que cumpre 37 anos en activo en 2023. Ademais, a formación sinala que este será probablemente o seu último traballo en formato físico.

O XXIV Memorial Ricardo Portela homenaxeará a Concha de Luneda

Xénero: Folk | 13 / 7 / 2023

imaxe non dispoñible

Esta fin de semana (14, 15 e 16 de xuño) terá lugar en Pontevedra a XXIVª edición do Memorial Ricardo Portela, un evento da nosa cultura tradicional que serve para festexar a figura deste gaiteiro histórico. A AGG (Asociación de Gaiteirxs Galegxs) organiza este encontro que durante tres días reunirá nas inmediacións da praza da Ferrería de Pontevedra un feixe de actividades, concertos, pasarrúas e mostras de artesáns que son reflexo da cultura tradicional arredor da música. Este encontro que leva o nome do gaiteiro de Viascón servirá este ano para homenaxear tamén a outra figura pola súa achega ao patrimonio musical do país. Este ano será Concepción Rodríguez Álvarez (Arbo, 1926 –2019), "Concha de Luneda" a que reciba este recoñecemento.

O Jazz de Ría crece ata Valdoviño na costa Ártabra

Xénero: Jazz/Blues | 12 / 7 / 2023

imaxe non dispoñible

A sétima edición de Jazz de Ría ven de presentar o seu programa, que se celebrará do 18 ao 21 de agosto en escenarios de Narón, Neda, Cedeira e Valdoviño, que este ano se incorpora ao festival. Un ano máis, o Jazz de Ría tinguirá coas cores do de jazz as vilas da costa ártabra co propósito de converter á comarca de Ferrolterra nun territorio de referencia dentro do mapa dos festivais de jazz; unha referencia non só musical, se non tamén turística, que lle valeu en 2021 un recoñecemento extraordinario nos Premios Martín Códax da Música. A sétima edición do festival abarca todas as cores do jazz, transitando desde propostas flamencas ao dixieland de Nova Orleáns, o gypsy ou a música swing, para recuncar na diversidade de interesantes proxectos galegos que pintan o jazz con trazos de neosoul, funk ou experimentación contemporánea, na procura de novas sonoridades. Completan o programa aulas de baile, un obradoiro para crianzas, e un roteiro pola costa que rematará cunha sesión de contos musicados dedicados ás mulleres do mar. Todas as actividades son gratuítas e de acceso libre, agás o roteiro Balcóns ao Atlántico e o obradoiro da Escola da Vaca, para o que será preciso facer inscrición de balde. As inscricións abriranse o 1 de agosto na web do festival.

Unha investigación do CSIC analizará os palcos da música

Xénero: Miscelánea | 11 / 7 / 2023

imaxe non dispoñible

Co título PALCOS. Cultura material e festa na paisaxe rururbana galega a delegación galega do Centro Superior de Investigacións Científicas (CSIC) presentaba este 10 de xullo en Compostela o seu novo proxecto de investigación sobre o patrimonio das festas e verbenas no noso país. A iniciativa, que conta con financiamento da Axencia Galega de Innovación (GAIN) pretende documentar e inventariar os palcos da música construídos entre os anos 70 e 2000 que existen no país.

O Festival de Ortigueira conmemora 45 anos cunha semana de actividade

Xénero: Folk | 10 / 7 / 2023

imaxe non dispoñible

Con senllos recitais da orquestra Sondeseu e do grupo Tallisk este 9 de xullo abría as súas portas a 45 edición do Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira. Ata o vindeiro 17 de xullo, a vila de Ortegal acollerá unha intensa actividade musical coa previsión de recibir ata 80.000 visitantes.

Sen Senra presenta unha viaxe ao seu pasado con "PO2054AZ (Vol.1)"

Xénero: Electrónica | 5 / 7 / 2023

sen-senra-po2054az-portada-1080x1080.jpg

Sen Senra, nome artístico do vigués Christian Senra, é hoxe en día un dos proxectos musicais con máis proxección internacional da nosa escena musical. Catro anos despois do seu celebrado álbum de debut, 'Sensaciones' (2019, Sonido Muchacho), o músico ven de presentar baixo o selo da multinacional Universal Music Spain un novo traballo longo que reúne varias das cancións que foi sacando entre medias. "PO2054AZ (Vol.1)" é o título deste disco novo, un nome que é en realidade unha matrícula de coche da provincia de Pontevedra, en concreto do Peugeot 205 do pai de Christian onde le comezou a escoitar música, segundo confirmou en entrevistas. Este é, polo tanto, un traballo conectado coas súas raíces familiares, cunha viaxe emocional e coa nostalxia. Ademais preséntase como primeiro dunha triloxía que augura un resultado final espectacular para este artista que está deixando moi alto o nivel no electro-pop e no trap e ao que resulta imposible non relacionar con outra referencia da escena actual como C Tangana, o madrileño de raíces viguesas.

A Agadic reparte 575.000 euros entre festivais de música e de artes escénicas

Xénero: Miscelánea | 5 / 7 / 2023

imaxe non dispoñible

Un total de dezaseis festivais musicais e dez de artes escénicas reparten as axudas a festivais nestes ámbitos que convocou a Axencia Galega das Industrias Culturais. O web desta entidade daba a coñecer este catro de xullo a resolución desta convocatoria á que se adhiren algunhas das principais citas neste ámbito e que reparte 360.000 euro no ámbito musical e 215.000 para os eventos de artes escénicas.

Os festivais dan a benvida a xullo

Xénero: Miscelánea | 30 / 6 / 2023

imaxe non dispoñible

Remata o mes de xuño e comeza con xullo a tempada máis activa de eventos de verán. Entre eles varios pequenos festivais que en ámbitos locais fóra dos circuítos dos grandes eventos, dinamizan as súas zonas cunha oferta marcada pola calidade e a variedade. É o caso da VII edición do Fisterra Blues Experience, que comeza hoxe mesmo, venres 30 de xuño, e prolongarase durante toda a fin de semana na localidade da Costa da Morte. Outros puntos da costa, como o Arsenal Militar de Ferrol e os Faros Silleiro, Punta da Barca e de Corrubedo acollerán durante xullo os concertos do novo ciclo " Mar Aberto. Concertos na fin da terra". En Ponteareas ten lugar xa esta fin de semana unha nova edición do Rock in Río Tea, mentres que en Nigrán fan madrugar este ano o seu Vive Nigrán abrindo o verán con el este mesmo fin de semana tamén.

Aida e Romeo et Juliette protagonizan a Temporada Lírica da Coruña

Xénero: Clásica/Lírica | 29 / 6 / 2023

imaxe non dispoñible

O vindeiro 12 de setembro bota a andar a nova xeira da Temporada Lírica da Coruña. A Asociación de Amigos da Ópera presentaba este 28 de xuño o programa que celebrará unha trintena de actividades ata o día 15 de decembro. Representacións da ópera Aida de Verdi e mais de Romeo de Juliette de Charles Gounod preséntanse como pratos fortes do ciclo.

TAB reflexionan sobre o éxito en SED

Xénero: Alternativa | 28 / 6 / 2023

TAB-SED.jpg

Triángulo de Amor Bizarro ven de presentar o que é o seu sexto traballo longo: SED (Mushroom Pillow). Os de Boiro, seguen a ser o grupo que leva anos traballando nunha esixencia e compromiso coa súa calidade absolutas, e neste traballo volven a experimentar coas súas linguaxes sonoras propias e as súas influenzas mantendo o nivel que de seguro agardan o seus moitos seguidores. Segundo consta na comunicación por parte da discográfica, "SED é un disco mundano e terreal que trata de emocións primitivas dunhas personaxes nun mundo hostil, desigual e tecnificado no que o tempo pasa a toda ostia". A transcrición do título en símbolos de moedas ten que ver co concepto do álbum, segundo eles este á un disco sobre "a busca do éxito, a fama e o poder, a soidade na cima, os bos momentos a a inevitable decadencia dunhas personaxes que poderían ser TÚ."

<< Inicio / Anterior . 131 a 140 de 3425 . Seguinte \ Fin >>

BUSCADOR