Ir ao contido directamente.


Ti estás aquí > Inicio / DISCO / TAB reflexionan sobre o éxito en SED

A BANDA DE BOIRO PRESENTA O SEU SEXTO áLBUM DE ESTUDIO

TAB reflexionan sobre o éxito en SED

ALTERNATIVA | xuño 28, 2023

TAB-SED.jpg

Triángulo de Amor Bizarro ven de presentar o que é o seu sexto traballo longo: SED (Mushroom Pillow). Os de Boiro, seguen a ser o grupo que leva anos traballando nunha esixencia e compromiso coa súa calidade absolutas, e neste traballo volven a experimentar coas súas linguaxes sonoras propias e as súas influenzas mantendo o nivel que de seguro agardan o seus moitos seguidores. Segundo consta na comunicación por parte da discográfica, "SED é un disco mundano e terreal que trata de emocións primitivas dunhas personaxes nun mundo hostil, desigual e tecnificado no que o tempo pasa a toda ostia". A transcrición do título en símbolos de moedas ten que ver co concepto do álbum, segundo eles este á un disco sobre "a busca do éxito, a fama e o poder, a soidade na cima, os bos momentos a a inevitable decadencia dunhas personaxes que poderían ser TÚ."

Doce novos temas son os que ofrece este traballo na discografía da banda, que chegan tras do seu disco homónimo de 2020, no que Rodrigo Caamaño, Isa Cea, Rafael Mallo e Rubén Muñoz xa lle daban unha volta á súa identidade. Esta ducia de cancións conforman unha narración sobre os conceptos mencionados, comezando desde a apertura con ese "Estrella solitaria", que conecta a TAB cunha das súas fontes explícita no seu nome, os New Order e a súa electrónica New Wawe dos anos 80. Pero no resto dos temas a variedade de sons e voces son un percorrido tamén polas diferentes variacións do son da formación de Boiro. Desde o seu máis característico shoegaze (Estrella antivida) ou pop postpunk (La Espectadora) así como outras aproximacións ao rock. O disco foi gravado e producido por Carlos Hernández e Triángulo de Amor Bizarro en A Casa de Abanqueiro no pasado inverno e mesturado por Hernández. O traballo xa está en todas as plataformas e pode adquirirse tamén en vinilo.



A banda volve aos escenarios coa xira de presentación de SED, que ten confirmadas datas por toda España desde agora mesmo, a seguinte o 1 de xullo en Espai Vapor, deTerrassa (Catalunya). En Galicia haberá que agardar ata setembro para velos en xira o día 22 dentro de Noites do Porto de A Coruña. Tras diso estarán no barbeira Season Fest de Pontevedra (23 de setembro). O 28 de outubro tocarán na súa terra, en Boiro, na Pousada da Galicia Imaxinaria e xa será en 2024 cando se lles poida ver na Sala Capitol de Santiago. Entre medias pasará tamén por Elxe, Badaxoz, Málaga, Almería, Barcelona, Castellón, Xixón, Bilbao, Zaragoza, Madrid e Valencia.

datos do disco