Luar na Lubre bota o ollar atrás no seu vixésimo álbum
xullo 14, 2023
Da man de Baía Edicións este 14 de xullo preséntase ao público XX- Encrucillada. O novo traballo de Luar Na Lubre, vixésimo da súa carreira discográfica, é unha ollada atrás á historia dunha banda que cumpre 37 anos en activo en 2023. Ademais, a formación sinala que este será probablemente o seu último traballo en formato físico.
Nos dezaseis temas do disco, o grupo recupera voces e colaboracións de persoas que participaron do proxecto ao longo da súa prolongada carreira. Así, pódense escoitar unha nova versión do tema Canto de Andar, coa voz de Rosa Cedrón, vocalista do conxunto entre 1997 e 2005.
Cedrón tamén participa de Romeiro ao lonxe, unha peza na que están presentes as voces de Paula Rey, Sara Vidal, Marisa Valle Roso, SÉS, Irene Sánchez, Anna Espinosa, Irene Cerqueiro e a actual voz do grupo, Irma Macías. O volume inclúe tamén unha das últimas gravacións de Pablo Milanés antes do seu falecemento, El largo Camino de Santiago.
Canda a estes, temas populares do grupo aparecen con novas versións, como Cantaixeire, Ancares, o Romance de novembro ou Cantiga de Santa María, gravada coa Orquestra Sinfónica de Bratislava.
Para alén dos temas que inclúe o álbum, o libro, de 160 páxinas, recolle relatos, fotografías e testemuñas de máis de 60 personalidades da música, a literatura e o xornalismo que analizan a traxectoria histórica da formación.
Tamén che pode interesar:
- 27/ 3/ 2020 | Luar na Lubre avanzan dous temas do seu seguinte disco sobre o Camiño de Santiago
- 10/ 1/ 2018 | Maria Fumaça bota un ollo atrás con As que máis molan!!!
- 31/ 1/ 2017 | Luar na Lubre inicia a xira de 30 aniversario con nova vocalista
- 25/ 11/ 2016 | Luar na Lubre repasa nun novo álbum 30 anos de carreira
- 1/ 12/ 2015 | Luar na Lubre celebra tres décadas con Extramundi