Ir ao contido directamente.


Ti estás aquí > Inicio / NOTICIA / Os festivais dan a benvida a xullo

COMEZAN HOXE O FISTERRA BLUES EXPERIENCE, VIVE NIGRáN, E ROCK IN RíO TEA

Os festivais dan a benvida a xullo

MISCELáNEA | xuño 30, 2023

imaxe non dispoñible

Remata o mes de xuño e comeza con xullo a tempada máis activa de eventos de verán. Entre eles varios pequenos festivais que en ámbitos locais fóra dos circuítos dos grandes eventos, dinamizan as súas zonas cunha oferta marcada pola calidade e a variedade. É o caso da VII edición do Fisterra Blues Experience, que comeza hoxe mesmo, venres 30 de xuño, e prolongarase durante toda a fin de semana na localidade da Costa da Morte. Outros puntos da costa, como o Arsenal Militar de Ferrol e os Faros Silleiro, Punta da Barca e de Corrubedo acollerán durante xullo os concertos do novo ciclo " Mar Aberto. Concertos na fin da terra". En Ponteareas ten lugar xa esta fin de semana unha nova edición do Rock in Río Tea, mentres que en Nigrán fan madrugar este ano o seu Vive Nigrán abrindo o verán con el este mesmo fin de semana tamén.

O Fisterra Blues Experience contará con recoñecidos nomes do blues galego e internacional, xunto outros xéneros musicais, ademais dun feixe de diferentes actividades que transformarán os espazos da localidade fisterrá. Algúns dos pratos fortes no musical serán: a presentación do novo proxecto do compostelán Marcos Coll; o Blues a Bordo da man de Adrián Costa; a estrea absoluta do supergrupo do blues estatal Mojo Mantra; a actuación do francés Alexis Evans; a chegada a Fisterra da mestura de sons americanos do estadounidense Luke Winslow-King; e toda unha recua de bandas e artistas das escenas estatais do blues, do jazz e a música americana en xeral, coma La Perra Blanco, Madame Bird, Malabesta ou David Regueiro, que protagonizará a jam session do faro coa violinista asturiana Mónica Acevedo. As letras tamén serán protagonistas nesta edición 2023 cunha serie de performances de diferente índole que navegarán eidos como o da poesía musicada ou o da pura comedia. Nomes coma o de Carlos Santiago, DebajodelaPalmera & Valiente, Zeltia e Peter, Lois Pérez e aldaolado serán os encargados de poñer a palabra. Do mesmo xeito, o festival estreará nesta edición un roteiro musical por Fisterra, dirixido polo escritor e músico Xurxo Souto. A programación completarase con outras actividades coma obradoiros con material de refugallo, xogos tradicionais, futbolíns, DJ’s e un Mercado de Artesanía e Deseño no centro da vila.

O novo ciclo de concertos "Mar aberto, concertos na fin da terra" presentouse por parte da Xunta de Galicia como unha continuación dos Concertos na Fin do Mundo, concibidos como unha experiencia musical e turística diferente no marco da celebración do Xacobeo 21-22. Para esta edición contase con catro localizacións diferentes que teñen como referente próximo un faro da costa galega ou espazo de beleza singular. No mes de xullo terán lugar catro concertos destas características que teñen entrada de balde, previa reserva. O primeiro deles terá lugar no Arsenal Militar de Ferrol, os vindeiros 7 e 8 de xullo coa actuación de Amaro Ferreiro, Julieta Venegas, Eva B e Alice Wonder, entre outros. A fin de semana seguinte, os 14 e 15 de xullo terán lugar no Faro Cabo Silleiro (Baiona), onde actuarán Ses, Monopolius Dop Lynn Milanés e Catuxa Salom. Os días 21 e 22 de xullo no Faro Punta da Barca (Muxía) actuarán Fillas de Cassandra, Freedonia, Cora Velasco e Mísia. E finalmente, o derradeiro fin de semana de xullo, os días 28 e 29 de xullo actuarán no Faro de Corrubedo (Ribeira), Blanca Paloma, The Gift, Sheila Patricia e Allova.

Tamén na costa podemos atopar esta fin de semana unha nova edición, a sétima, do festival Vive Nigrán, que chega este ano moito máis cedo que os anteriores ao campo de fútbol de Monte Lourido, xunto a Praia América. Coincidindo co Día Internacional do Orgullo LGTBI, Vive Nigrán presenta un cartel coa diversidade como bandeira para este venres e sábado. Artistas comprometidos co colectivo como Ojete Calor, Javiera Mena ou Samantha Hudson estarán na xornada do sábado. Hoxe o festival abrirase con Nada Surf, Los Enemigos, Morgan, The Rapants ou Morreo.

Na mesma provincia de Pontevedra, pero máis ao interior, Ponteareas celebra tamén hoxe e mañá o seu Festival Rock in Río Tea unha cita de balde na que durante estes dous días reunirá numerosas bandas e artistas da escena independente nacional e galega. Abrirán hoxe cos Aphonnic, banda galega de longa traxectoria no mundo do rock. O sábado será o prato forte do festival con bandas como León Benavente, Fillas de Cassandra, Aiko el Grupo, Venturi e Visions of Johana. O Parque da Folla vella acollerá está que é a undécima edición deste festival ponteareán.