O Jazz de Ría crece ata Valdoviño na costa Ártabra
xullo 12, 2023
A sétima edición de Jazz de Ría ven de presentar o seu programa, que se celebrará do 18 ao 21 de agosto en escenarios de Narón, Neda, Cedeira e Valdoviño, que este ano se incorpora ao festival. Un ano máis, o Jazz de Ría tinguirá coas cores do de jazz as vilas da costa ártabra co propósito de converter á comarca de Ferrolterra nun territorio de referencia dentro do mapa dos festivais de jazz; unha referencia non só musical, se non tamén turística, que lle valeu en 2021 un recoñecemento extraordinario nos Premios Martín Códax da Música. A sétima edición do festival abarca todas as cores do jazz, transitando desde propostas flamencas ao dixieland de Nova Orleáns, o gypsy ou a música swing, para recuncar na diversidade de interesantes proxectos galegos que pintan o jazz con trazos de neosoul, funk ou experimentación contemporánea, na procura de novas sonoridades. Completan o programa aulas de baile, un obradoiro para crianzas, e un roteiro pola costa que rematará cunha sesión de contos musicados dedicados ás mulleres do mar. Todas as actividades son gratuítas e de acceso libre, agás o roteiro Balcóns ao Atlántico e o obradoiro da Escola da Vaca, para o que será preciso facer inscrición de balde. As inscricións abriranse o 1 de agosto na web do festival.
A directora do festival, Aitana Cuétara, explicou na presentación que cada concerto e actividade desta edición, "pensouse sempre en función da paisaxe, do espazo… O patrimonio, natural, histórico ou arquitectónico, material ou inmaterial, é o cabeza de cartel deste festival, no que as escollas artísticas teñen que encaixar sempre no territorio e na filosofía sustentable pola que apostamos", explicou. O Parque de Freixeiro de Narón acollerá o inicio do festival o venres 18 de agosto co guitarrista flamenco Josemi Carmona e o pioneiro da fusión entre o jazz e o flamenco, Jorde Pardo, que despregarán un espectáculo conxunto, coa colaboración do percusionista galego Moisés Fernández. Para o sábado, o festival ten preparada unha romaría swing durante toda a xornada no Parque de Freixeiro que empezará ao mediodía cunha sesión vermú de Stompy Seven Jass Band reinterpretando os clásicos do jazz de Nova Orleáns nos anos 20. Continuará pola tarde cunha aula aberta de baile lindy hop a cargo da escola Swing On; un concerto itinerante ao máis puro estilo fanfarria ou banda gypsy a cargo de Os Bregadiers; un obradoiro de fabricación de instrumentos de percusión con material de refugallo para crianzas impartido pola Escola da Vaca; e unha sesión de DJs Swing On. A romaría rematará ben entrada a noite co swing dos anos 30, 40 e 50 de St. James Dixie Band e Por mí, Swing, que seguirán achegando propostas bailables de lindy hop, claquette, balboa, charleston ou collegiate shag…, estilos que que cada vez teñen máis adeptos.
Domingo entre Neda e Cedeira
O domingo o festival muda de escenario. A mediodía, a Ribeira de San Nicolás, en Neda, será o maravilloso pano de fondo para o neosoul en galego da banda Udra premiada na última edición dos premios Martín Códax da Música. Pola tarde en Cedeira, a programación comezará cun roteiro polo Sarridal que sairá do porto de Cedeira para rematar no Castelo da Concepción cos relatos musicados do espectáculo Amares no que Rilo & Penadique recrean historias de mulleres do mar. Pola noite, no parque de San Isidro, Xosé Miguélez & Jean-Michel Pilc Quartet envolverán ao público nunha espiral de procura sonora e invención musical, na que o jazz será experimental. O luns o Jazz de Ría pechará esta sétima edición nos escenarios naturais de Valdoviño. A programación desta última xornada comezará pola tarde co roteiro Balcóns ao Atlántico que sairá da Praia do Baleo e que contará con dúas paradas musicais en miradoiros nos que o público poderá escoitar as propostas de Fausto Escrigas e Lorena Cachito. O concerto de peche será ás 21:30 na Praia do Baleo, onde a vocalista e compositora galego-suíza Nastasia Zürcher despregará a súa colorida e enérxica proposta "But Life Is Beauty Full", un concerto ecléctico neste fin de festa que percorrerá un mundo de sonoridades e linguas diversas, como o propio festival.