Unha investigación do CSIC analizará os palcos da música
xullo 11, 2023
Co título PALCOS. Cultura material e festa na paisaxe rururbana galega a delegación galega do Centro Superior de Investigacións Científicas (CSIC) presentaba este 10 de xullo en Compostela o seu novo proxecto de investigación sobre o patrimonio das festas e verbenas no noso país. A iniciativa, que conta con financiamento da Axencia Galega de Innovación (GAIN) pretende documentar e inventariar os palcos da música construídos entre os anos 70 e 2000 que existen no país.
O antropólogo e etnomusicólogo Iñigo Sánchez-Fuarros encabeza esta iniciativa que conta con profesionais de ámbitos como a arqueoloxía, a xeografía, os estudos culturais, a arte sonora ou a arquitectura. Segundo explica a institución, a investigación pretende "contribuír ao coñecemento sobre a cultura popular galega a partir do estudo da materialidade das verbenas e das festas parroquiais no territorio galego, atendendo á importancia simbólica que se lles confire como elementos configuradores das relacións de sociabilidade e pertenza ao territorio".
Entre os obxectivos máis específicos do proxecto está "analizar a evolución morfolóxica e funcional dos palcos e da contorna construída do campo da festa", así como "cuestionar e ampliar a noción de patrimonio cultural ao centrar a mirada en certos obxectos patrimoniais que non se adoitan ter en conta habitualmente nos discursos patrimoniais autorizados". Segundo lembran no proxecto, a aparición dos escenarios portátiles para as orquestras eliminou nas últimas décadas o principal uso destas construcións nas aldeas do país, a modificar tamén a configuración dos campos da festa, obrigados a facer sitio para estes camións-escenario.
Canda ao catálogo en liña, o proxecto desenvolverá obradoiros de formación con vistas a conseguir a participación cidadá na iniciativa. A Gentalha do Pichel, en Compostela, celebra o vindeiro 19 de xullo a primeira destas sesións no marco da súa Universidade de Verán. A intención é que a cidadanía poida contribuír ao proxecto achegando información sobre diferentes palcos e campos da festa no web do proxecto.
Logo da elaboración deste catálogo participativo abrirase un proceso de análise do material recollido que dará finalmente nunha exposición e mais na activación de algúns dos palcos estudados mediante actuacións ou intervencións artísticas.