Ti estás aquí > Inicio / NOTICIA / Grupos en Loita denuncia o incumprimento de Caballero co festival Rock in Vigo
Grupos en Loita denuncia o incumprimento de Caballero co festival Rock in Vigo
xuño 16, 2023
No marco do arrevesado conflito polo patrocinio público frustrado do concerto da banda californiana Guns N' Roses en Vigo engádese desde a escena musical viguesa outro motivo de controversia en dirección ao responsable do consistorio olívico. A plataforma de artistas musicais Grupos de Vigo en Loita denuncia que o Concello de Vigo incumpriu a súa promesa de organizar e celebrar o festival Rock in Vigo de bandas viguesas e galegas que o propio alcalde, Abel Caballero, anunciou para facerse na Porta do Sol os días 9, 10, 11 e 12 de xuño, coincidindo cos días previos ao concerto de Guns N' Roses en Balaídos. Porén desde a plataforma lembran que o evento non se celebrou, sen que se dese ningunha información ao respecto e sen que se tivese contactado con ningunha banda viguesa ou galega para participar en dito festival. Grupos de Vigo en Loita anuncia que levará a cabo accións nas próximas semanas para continuar a reivindicar a celebración do festival Rock in Vigo e en xeral a participación de bandas locais na programación musical do Concello. Anuncian que seguirán "esixindo ao Concello que celebre o evento tal e como o prometeu ante todas as viguesas e vigueses en Televigo", xa que "só mantendo a loita e a protesta de xeito continuado é como se conseguen as cousas con este Goberno municipal, como xa demostramos co tema das salas de ensaio".
Sobre o actual conflito co concerto da banda californiana, desde Grupos de Vigo en Loita critican que “mentres o Concello pretendía poñer 2 millóns de euros de diñeiro público no peto da promotora de Guns N' Roses mediante un concurso feito a medida contra o que xa foron anunciadas diversas accións legais, para cumprir a súa promesa coas bandas de Vigo destinou 0 euros e 0 recursos" e engaden que "finalmente, nin sequera iso lle saíu ben". Desde a plataforma de músicos vigueses entenden que aínda que as promotoras decidiron seguir adiante co concerto "a actuación do Concello puxo en risco as entradas adquiridas por máis de 25.000 persoas co seu xeito de actuar". Os artistas vigueses, con todo, celebran que, "polo menos, o concerto de Guns N' Roses si que se levase a cabo".