CARLANGAS sube aos escenarios co seu primeiro disco en solitario
abril 27, 2023
O FIV de Vilalba acollerá esta fin de semana a actuación de Carlos Pereiro presentando o seu proxecto en solitario como CARLANGAS tras a disolución de Novedades Carminha. O músico santiagués sacou o pasado día 20 de abril o seu primeiro disco longo co nome do seu proxecto CARLANGAS e na discográfica coa que xa traballaba coa súa anterior formación, Ernie Records. Nove temas pop, de curta duración bailables e lixeiros, con retrousos doados, conforman este traballo de Carlos Pereiro que mantén liñas de conexión coas derradeiras gravacións de Novedades Carmiha, moi vencelladas ao baile e mesmo á verbena, pero explorando agora miras aínda máis amplas e relaxadas que as do grupo co que acadou grande sona. O disco conta ademais con tres colaboracións especiais, remarcando a establecida con Manu Chao no tema "Cae la noche", que pecha o álbum. Ademais tamén están Grande Amore e a banda viguesa Mundo Prestigio dando presenza ao hip hop galego na canción "O día que volvín nacer", a única en galego do disco. Nos concertos de CARLANGAS serán Mundo prestigio quen acompañe a Carlos sobre o escenario.
Pereiro dá o paso como CARLANGAS nunha declaración de intencións musicalmente sólida e de boa calidade en canto a produción e acabados, cunha clara vocación de entrar en espazos de baile e festa coa que o artista amósase cómodo. A primeira canción coa que abre o disco "Se acabó la broma", que tamén corresponde co seu primeiro lanzamento, xa deixa claras nas sonoridades e na letra, estas intencións. Temas como "Regalao" ou "Los dineros" tenden a liña de continuidade co que viñamos escoitando en Novedades, como parte do traballo do artista coa banda durante os 15 anos desta emblemática formación. Ademais deste FIV, o músico xa ten varias citas previstas por toda a xeografía estatal con concertos e festivais, incluíndo unha parada o vindeiro 19 de maio na súa cidade de orixe, Santiago de Compostela, na Praza da Quintana durante as festas da Ascensión da capital galega. O disco CARLANGAS está dispoñible nas plataformas dixitais.
Tamén che pode interesar:
- 18/ 10/ 2024 | Carlangas volve con ganas de baile
- 22/ 3/ 2021 | Diego Salgado presenta 'Growing strong' o seu primeiro disco en solitario
- 24/ 11/ 2008 | O disco en solitario de Roi Casal sae á venda hoxe
- 10/ 10/ 2008 | O Mc vigués Pániko sae a tomar as rúas co seu primeiro disco en solitario
- 17/ 12/ 2007 | Tino Baz presenta o primeiro disco en solitario da súa extensa carreira de cantor