O VI Ciclo Clube achega 60 actuacións
abril 5, 2023
Un recital conxunto de Nastasia Zürcher e Belém Tajes en Laxe abre este 5 de abril a sexta xeira do Ciclo Clube. Esta iniciativa que organiza a asociación de salas Clubtura co apoio de Estrella Galicia achegará sesenta actuacións a máis de vinte salas das catro provincias galegas.
No 22 deste mesmo mes actuarán na Sala Rebullón de Mos Sonoro Maxín e ITH, mentres Bala e Mascada poderán escoitarse na Sala Krazzy Kray de Cambados. A Casa das Crechas de Santiago de Compostela fechará o programa de abril con David Regueiro Trío e Ismael Cabaleiro Trío.
Segundo lembra Clubtura "a variedade estilística das propostas deste primeiro mes do ciclo é unha boa mostra de toda a música que se está a crear na nosa terra". As actuacións deste ciclo "chegarán as principais vilas galegas, mais tamén a localidades coma O Barco de Valdeorras, Melide, Betanzos, Cambados ou O Grove". As redes sociais de Clubtura achegarán información actualizada sobre o programa.