Ti estás aquí > Inicio / Xéneros / Jazz/Blues
Música Jazz/Blues
Xan Campos saca o seu cuarto disco
Xénero:
| 20 / 2 / 2017O selo pontevedrés Free Code Jazz Records ven de presentar o cuarto traballo do pianista Xan Campos. No disco ESD o músico conta coas guitarras de Virxilio Da Silva, Yoel Molina e Wilfried Wilde; a batería de Iago Fernández; os sintetizadores e o Rhodes a cargo do propio Campos. Nos seus nove temas ESD marca diferenza cos seus tres anteriores traballos (Ida e volta, 2007; Orixe Cero, 2011; Ectopía, 2014), e condúcenos a sons máis eléctricos, ao jazz rock e á psicodelia progresiva do anos 70. Grazas a unha campaña de achegas económicas pola rede Verkami o disco puido saír, ademais de en CD, nunha edición en vinilo. O disco gravouse en Copenhague en xuño de 2015 e trátase dun traballo autoproducido e autofinanciado. O traballo pode escoitarse a través da plataforma Bandcamp.
Álex Fernández presenta Brisa en Valencia
Xénero:
| 10 / 1 / 2017A discográfica Fresh Sounds publica Brisa o terceiro LP da carreira do batería cangués Iago Fernández. O que xa está considerado un dos mellores baterías de jazz do Estado inclúe nesta ocasión na súa formación a Enrique Oliver, Wilfried Wilde e Reinier Elizarde, aos que se suman Zé Pedro Coelho, Xan Campos e Inês Sousa. Entre todos achegan nove temas novos dos cales son da súa propia autoría. Canda a eles, gravou When I Fall in Love de Victor Young, Conception de George Shearing e Everything I Love de Cole Porter. A sala Jimmy Glass de Valencia será a primeira parada na xira de presentación, na que Fernández se acompaña de Javier Vercher ao saxo, Wilfried Wilde á guitarra, e Demian Cabaud ao contrabaixo.
Primeiro disco en solitario do percusionista Miguel Lamas
Xénero:
| 18 / 11 / 2016O percusionista ferrolán Miguel Lamas, bregado musicalmente a moi altos niveis a pesares da súa xuventude (23 anos), saca estes días o que é o seu primeiro traballo asinado en solitario Melted Lives (Autoeditado). En concordancia co título no álbum fusiónanse con liberdade ao xeito de jazz fusión unha amalgama de estilos como funk, jazz, rock, flamenco e incluso sonoridades da música de cine. En total dez temas, dous deles con títulos en galego - A Espera Dos Acontecementos; A Púa Entre Os Dentes- todos menos un compostos por Iago Mouriño e Sergio Delgado. O disco presentarase en concertos acompañado en directo dos músicos cos que forma o Miguel Lamas Quartet e cos que contou tamén para a gravación, Iago Mouriño (piano), Pablo Añón (saxo e efectos) y Octavio Vargas (baixo). Xunto a eles Lamas ten crecido e desenvolvido parte da súa carreira musical desde os seus comezos.
O V Festival de Jazz&Blues de Ribadeo presenta o cartel
Xénero:
| 16 / 11 / 2016O Festival de Jazz & Blues de Ribadeo chega este ano á súa quinta edición que terá lugar entre o 2 e o 10 de decembro. O evento volve así ás datas outonais nas que naceu deixando atrás as edicións nas que se celebrou en período estival e agardando que a oferta musical coa que competir sexa menor que no verán. Alejandro Vargas Trío, banda gañadora do II certame Galicia creativa no xénero de jazz, abrirá o festival polo que tamén pasarán Julián Maeso, Michael Oliveira Group e Shirley Davis & The Silverbacks entre outros. O Auditorio Municipal Hernán Naval acollerá un total de cinco concertos e sete bandas de jazz e blues. Dous dos concertos terán entrada de balde. O prezo das entradas para os outros concertos está entre os 10 euros das entradas soltas e o abono de 25 euros. O V Festival de Jazz & Blues semella polo tanto ter conseguido os apoios económicos necesarios e para os que iniciou unha campaña de corwfunding popular ante o descenso de subvencións públicas e de esponsorizacións privadas dos últimos anos. Os organizadores malia todo manteñen aínda aberta esa campaña xa que os seus obxectivos quedaron lonxe de acadarse e quedan a expensas da venda de entradas.
Abe Rábade Trío volve con Once
Xénero:
| 10 / 11 / 2016Como unha coprodución entre Karonte e o selo Nuba chega o décimosexto traballo de Abe Rábade Trío. A formación que completan Pablo Martín Caminero ao contrabaixo e Bruno Pedroso á batería exploran en Once reinterpretacións de clásicos galegos, como a que fan de A bruxa de Milladoiro, ou internacionais, como Smoke gets in your Eyes. Canda a eles, temas orixinais como a homenaxe a Paco de Lucía en Once para Paco. De novo, jazz instrumental, melódico e elegante confirman o bo facer dunha formación que é referente neste estilo en Galicia. O grupo está neste mes de novembro inmerso na xira de presentación do novo traballo, que os levará a escenarios do Festival de Jazz de Arnedo, Sevilla, Madrid ou O Porto.
Nani García Trío revisita as bandas sonoras desde o jazz en Cinema-Tojazzia
Xénero:
| 14 / 10 / 2016Usando as composicións que o propio Nani García (A Coruña, 1955) fixo para acompañar distintas obras audiovisuais e teatrais, coma Limpeza de Sangue, De profundis ou Gran Sol, o trío de jazz que leva o seu nome ven de presentar o disco Cinema-Tojazzia (Xingra). Neste novo rexistro o músico coruñés ao piano, acompañado de Miguel Cabana (batería) e Simón García (contrabaixo) colle estas composicións e dalles unha volta pola súa interpretación máis jazzística achegada á improvisación adaptando as melodías a estes espazos musicais. O trío faise acompañar dun cuarteto de corda nas gravacións, formado polos cubanos Eduardo Coma e Lázaro Williman González nos violíns, Raymond Arteaga na viola e Luis Enrique Caballero no violoncello. Con eles o sabor cinematográfico da música non deixa de estar presente en ningún momento. Nove temas contén Cinema-Tojazzia: "De profundis", "Grande Sole", "Limpeza de sangue", "Agoiro do mar ferido", "Vals de Celavella", "Pratos combinados para trío","Preludio nº1 para cuarteto de corda e percusión", "Bosquexos sobre El niño de Barro" e "Quen me dera na casiña". A proposta de Cinema-Tojazzia presentouse inicialmente en público no festival Imaxinasons de Vigo deste ano. Nani García é produtor e compositor, dirixe o festival Imaxinason e recentemente fixo a dirección artística da primeira edición da Semana das Músicas do Audiovisual.
A sexta edición do Outono Códax amplía programación e recintos en Compostela
Xénero:
| 6 / 7 / 2016De tres a seis noites ou o que é o mesmo unha fin de semana a maiores, amplíase o festival de música soul Outono Códax para este ano. O festival compostelán iniciará a súa sexta edición a fin de semana do 7e 8 de outubro, pasando despois ao 28 e 29 do mesmo mes e rematando cos concertos na fin de semana do 11 e 12 de novembro. Ademais de na Sala Capitol algunhas das actuacións terán lugar na nova Sala Riquela, na rúa do Preguntorio, que aínda non abriu as súas portas. Presentado onte polos responsables de Raíña Productions, o cartel completo ofrece de novo unha mestura de representantes históricos do soul e o rhythm&blues xunto con valores actuais en alza e novas apostas. Así as tres cabezas de cartel serán os veteranos intérpretes Lee Fields e Martha High e o grupo The Pretty Things. A representación galega chegará coas actuacións de Andhrea &The Black Cats e The Hellbuckers. No cartel tamén están outras bandas de relevo internacional como Luke Winsloy King e Virgina Brown and The Shameless, entre outros.
Garufa Blue Devils Big Band debuta con Barrel House
Xénero:
| 24 / 5 / 2016Unha selección de clásicos do swing conforma a primeira proposta discográfica de Garufa Blue Devils Big Band logo de dous anos de existencia. O conxunto residente do coruñés Garufa Club debuta baixo a dirección de Roberto Somoza cun álbum cheo de swing. Unha vintena de músicos entre trompetas, trombóns, saxos, guitarras, baixo, baterías e cantantes encóntranse para interpretar temas do repertorio de bandas dos anos 30 e 40 así como algúns do éxitos de musicais da época. Bea García e Gabriel Triana poñen voz a temas como Come Fly with Me ou I've Got You Under My Skin. O grupo mantén a súa axenda de actuacións quincenais no local de jazz coruñés e tocará ao vivo o vindeiro 26 de maio.
Mandala é o quinto álbum de Carlos López
Xénero:
| 25 / 1 / 2016Un novo traballo en solitario, o quinto, abre o ano 2016 para o batería de jazz Carlos López. Mandala. No mesmo, o compositor dá un xiro á súa proposta estilística. Segundo explica no seu propio web, as composición "manifestan unha clara deriva cara á tradición do jazz europeo e mesmo do free jazz, sen abandonar por isto claras referencias ao jazz contemporáneo americano". O proxecto, que ve a luz baixo a etiquexa Jazz Activist, conta con colaboracións de once músicos de Berlín e de Amsterdam, onde se gravou, canda a nomes como Virxilio Da Silva, á guitarra, Xavi Torres ao piano ou Joel Illerhag ao contrabajo como formación básica.
Javier Marcos debuta con Ten Dez
Xénero:
| 12 / 1 / 2016Aínda que leva xa anos a se desenvolver como vocalista de jazz, non foi ata o pasado mes de decembro que o vigués Javier Marcos debutou discograficamente. Ten Dez é o título do seu traballo, que ve a luz da man de Freecode Jazz Records e na que o cantante achega o seu bo facer a temas clásicos do jazz con algunha incursión noutros xéneros como a versión que achega de O leãozinho de Caetano Veloso. Canda a el, un cuarteto formado por Rosolino Marinello (saxo e clarinete), Felipe Villar (guitarra), Jose Manuel Díaz (contrabaixo) e Max Gómez (batería) arroupa as súas interpretacións. La Casa de Arriba, en Vigo, acolle esta noite a posta de longo do proxecto.
REPORTAXE
Unha escola de improvisación
Data.O Seminario Permanente de Jazz de Pontevedra tira o seu cuarto disco e consolídase como centro de formación neste estilo musical