Ti estás aquí > Inicio / DISCO / Nani García Trío revisita as bandas sonoras desde o jazz en Cinema-Tojazzia
Nani García Trío revisita as bandas sonoras desde o jazz en Cinema-Tojazzia
outubro 14, 2016
Usando as composicións que o propio Nani García (A Coruña, 1955) fixo para acompañar distintas obras audiovisuais e teatrais, coma Limpeza de Sangue, De profundis ou Gran Sol, o trío de jazz que leva o seu nome ven de presentar o disco Cinema-Tojazzia (Xingra). Neste novo rexistro o músico coruñés ao piano, acompañado de Miguel Cabana (batería) e Simón García (contrabaixo) colle estas composicións e dalles unha volta pola súa interpretación máis jazzística achegada á improvisación adaptando as melodías a estes espazos musicais. O trío faise acompañar dun cuarteto de corda nas gravacións, formado polos cubanos Eduardo Coma e Lázaro Williman González nos violíns, Raymond Arteaga na viola e Luis Enrique Caballero no violoncello. Con eles o sabor cinematográfico da música non deixa de estar presente en ningún momento. Nove temas contén Cinema-Tojazzia: "De profundis", "Grande Sole", "Limpeza de sangue", "Agoiro do mar ferido", "Vals de Celavella", "Pratos combinados para trío","Preludio nº1 para cuarteto de corda e percusión", "Bosquexos sobre El niño de Barro" e "Quen me dera na casiña". A proposta de Cinema-Tojazzia presentouse inicialmente en público no festival Imaxinasons de Vigo deste ano. Nani García é produtor e compositor, dirixe o festival Imaxinason e recentemente fixo a dirección artística da primeira edición da Semana das Músicas do Audiovisual.
Tamén che pode interesar:
- 3/ 11/ 2021 | Lugo volta ao Jazz na XXXI edición do seu festival
- 8/ 11/ 2018 | Eu ben vin, virivín recupera o cancioneiro infantil tradicional
- 31/ 1/ 2018 | A Rede Galega de Música ao Vivo presenta datas e artistas
- 5/ 1/ 2016 | A crítica internacional louva o último traballo de Sumrrá
- 6/ 5/ 2015 | Pablo Vidal Trío debuta con Jazz pagano