Ti estás aquí > Inicio / Xéneros / Folk
Música Folk
Chegan as I Xornadas Arredor da Música Tradicional
Xénero:
| 27 / 11 / 2012A Asociación de Gaiteiros Galegos organiza as I Xornadas Arredor da Música Tradicional, un encontro que se desenvolverá os vindeiros 15 e 16 de decembro en Lugo. O evento, que está orientado a afeccionados e profesionais deste sector, servirá para presentar diferentes proxectos e investigacións arredor do noso folclore musical, así como o de Zamora, Portugal, Euskadi ou asturias. Iniciativas didácticas como Son do fol, o traballo do grupo Os Chichisos, o Cancioneiro de Cabana de Bergantiños ou as últimas investigacións de Pablo Carpinteiro son algunhas das iniciativas que se derán a coñecer neste encontro.
Virandeira debuta con Sons do Atlántico
Xénero:
| 19 / 11 / 2012Cun título que expresa a vocación céltica da súa música, Virandeira ten xa nas tendas Sons do Atlántico primeiro disco deste grupo vigués. Violín, teclado e ventos engádense ás gaitas neste traballo que achega 11 temas, na súa maior parte instrumentais. O álbum sae da man de inquedanzas sonoras, e está á venda vía web e en establecementos comerciais, ademais de poder escoitarse en plataformas como Spotify. O grupo presentará no vindeiro Culturgal, en Pontevedra, este traballo.
Mel de Meiga debuta con Crecente
Xénero:
| 16 / 11 / 2012Crecente é o título do álbum de debut da formación Mel de Meiga, o novo proxecto musical de Eva Carreras. A cantante, coñecida por ter participado no programa Operación Triunfo, vira a súa carreira cara ao folk cun grupo no que conta con antigos músicos de MutenRohi. Canda a ela, Carlos Campos “Kakus”, Iván Salgado, Pablo Dalama, Loren Tabarés, Leonel Vignola e Luis Manuel Pérez completan a formación. O seu primeiro traballo, editado por Inquedanzas Sonoras, presenta dez temas nos que predomina o folk con compoñente vocal e toques pop que se deixan sentir no emprego do baixo ou da batería.
O grupo Castro-Floxo de Ourense leva o premio IAR de Folclore
Xénero:
| 12 / 11 / 2012O prestixioso premio IAR de Folclore foi para o grupo Castro-Floxo de Ourense na súa XXI edición. O galardón, que organiza o grupo de baile IAR da asociación de vecinos de O Castrillón-Urbanización Soto, da Coruña, recoñeceu o traballo dos ourensáns na recuperación do patrimonio inmaterial. Castro-Floxo naceu en 1977 da man do etnógrafo Xaquín Lorenzo, Xocas, e ten na actualidade 1.500 membros. O vindeiro 17 de novembro a Ágora coruñesa acollerá a gala de entrega, na que actuarán o propio grupo organizador e mais o grupo de música tradicional D'Atura.
Os irmandiños de Vincios debutan con Monte Galiñeiro
Xénero:
| 12 / 11 / 2012Logo de cinco anos de traballo na música de raíz, o grupo Os Irmandiños de Vincios acaba de publicar Monte Galiñeiro, o seu primeiro álbum. Cun son no que buscan ecos do das murgas tradicionais, o grupo está composto por oito membros que engaden a instrumentos como a gaita ou o tamboril, saxo, clarinete e acordeón. En total presentan 16 temas, entre tradicionais e propios, interpretados cun xeito que quere lembrar os grupos galegos dos anos 30. A vindeira cita para os interesados en coñecer este traballo será o 17 de novembro no Centro Cultural de Vincios. Con posterioridade, o grupo estará tamén presente no Culturgal.
Luar na Lubre celebra os seus 25 anos cun recompilatorio
Xénero:
| 8 / 11 / 2012Corenta e cinco cancións. Un CD con temas instrumentais, outro cos grandes éxitos do grupo, un terceiro de dúos e mais un DVD cunha actuación ao vivo en Compostela e sete videoclips. Estes son os contidos de Sons da Lubre nas noites de luar, a caixa coa que Luar na Lubre celebra os seus vinte e cinco anos no mundo da música. Entre as voces que participan nas novas versións de temas do grupo, atopamos nomes coma Lila Downs, Luz Casal, Ismael Serrano, Adriana Valera, Pat Kilbride, Pedro Guerra ou Diana Navarro. O grupo presentaba onte no Teatro Principal de Compostela este traballo, que se poderá ver ao vivo en Lugo o vindeiro 14 de decembro e en Ourense o 16.
Cancioneiro de ida e volta
Xénero:
| 6 / 11 / 2012O pasado 23 de outubro vía a luz o Cancioneiro de Cabana de Bergantiños, un volume que compila as pezas musicais populares que se conservan neste concello. O proxecto, resultado de anos de traballo de Pablo Díaz e Olga Kirk, vai moi para alén da edición deste material, xa que o concello está a aproveitar o volume para artellar unha programación que achega de volta esta música aos veciños.
A Aula Folque Infantil celebrará o décimo aniversario cun disco
Xénero:
| 2 / 11 / 2012Durante varios anos, a Aula Folque Infantil repartía uns 50 CD entre os pais con gravacións feitas cos alumnos na aula. Dese material elaborado por Nacho Muñoz, quen foi produtor de Mercedes Peón e profesor da escola, hai temas que a entidade aproveitará, xunto con novas gravacios para editar un disco. O proxecto estará listo para o verán do 2013, que será cando remate o curso académico que comeza a agora. Entre as novidades está a incorporación de Mónica de Nut ao profesorado que substitúe a Pepa Yáñez á fronte dos obradoiros de voz.
Alvariza debuta con Once badaladas
Xénero:
| 30 / 10 / 2012Logo de once anos xuntos, o grupo Alvariza acaba de publicar Once badaladas un disco no que interpretan outros tantos temas. Temas tradicionais reinterpretados con instrumentos como o acordeón, a gaita, o clarinete ou o saxo mestúranse con composicións propias dos membros do grupo, mantendo un estilo rítmico e festeiro que inclúe boleros, ritmos ou jotas. Entre outros temas, atopamos pezas rescatadas de grupos como os Padernes, o s Monfortinos ou os irmáns Lamas. O disco pode escoitarse en Spotify ou mercarse en iTunes, ademais de estar dispoñible en locais nos locais composteláns A Bulideira (San Lázaro), A Grileira (Sar) e Decotío (Fonte Sequelo).
Trives acollerá o primeiro encontro dedicado ao violino popular
Xénero:
| 22 / 10 / 2012Co título O Violino de Courtier vaise celebrar en Trives, entre os vindeiros 9 e 11 de novembro, o primeiro encontro dedicado á presenza e a técnica deste instrumento na música tradicional galega. Unha sesión didáctica para centros educativos, un foro de debate e un curso de formación a cargo de Pancho Álvarez compoñen o programa do evento. A cita complétase con tres concertos a cargo de Talabarte, Comisa Bal e o propio Pancho Álvarez.
REPORTAXE
Aprender das cantigas
Data.Antón Castro aproveita a nosa música tradicional para ensinar solfexo aos seus alumnos