Ti estás aquí > Inicio / Xéneros / Jazz/Blues
Música Jazz/Blues
Turnes e Casquero apostan polo son ao vivo en Fidelio 85
Xénero: | 15 / 1 / 2021
Javier Turnes, voz e guitarra da Bakin Blues Band e Alejandro Casquero, piano da mesma formación, estréanse como dúo con Fidelio 85. A partir dos seus instrumentos, Turnes e Casquero amplían repertorio e integran, a partir do blues versións de temas de soul, gospel e baladas, nunha aposta que gravaron ao vivo no pub compostelám Borriquita de Belém en decembro de 2019 logo de cinco anos de recitais por salas de todo o país. Unha aposta que xorde "da nudez e da intimidade dun pequeno formato" mais que "propón a potencia do directo dunha banda" para "pór sobre a mesa, sen adornos, aquilo que consideran máis verdadeiro e excitante do blues". O dúo anuncia a súa intención de continuar percorrido a desenvolver un novo álbum de temas propios.
Pablo Sanmamed reinterpreta as Cantigas de Santa María en Ben Vennas Maio
Xénero: | 12 / 1 / 2021
Unha revisión das Cantigas de Santa María que promoveu Afonso X a mesturar as linguaxes do jazz e da música medieval. Esta é a orixinal proposta que desenvolve Pablo Sanmamed en Ben Vennas Maio, o álbum que acaba de publicar aCentral Folque. O volume, que sae en formato vinilo acompañado por fotografías de Eutropio Rodríguez e textos de Alba Cid que dialogan coas letrasorixinais, achega dez temas que se centran nos temas das cantigas, a primavera, o maio e a muller. Begoña Olavide (salterio e voz), Elena Tarrats (voz), Xurxo Varela (viola de gamba), Iago Mourinho (piano), Chus Pazos (batería) e Carlos Castro (percusións) colaboran co contrabaixista e compositor que lidera este proxecto.
O festival de jazz e blues de Ribadeo comeza esta semana a súa sexta edición
Xénero: | 1 / 12 / 2020
Cunha exposición fotográfica de Cris Andina, profesional ribadense moi coñecida no mundo da música en vivo e os festivais, dará comezo este 4 de decembro o VI Festival de Jazz & Blues de Ribadeo que aínda que se fixo agardar finalmente terá lugar. A oficina de turismo da localidade lucense acolle esta exposición ata o día 19 de decembro. No auditorio municipal Hernán Naval terán lugar tres concertos os día 6, 8 e 12 de decembro. A banda bilbaína Travellin’ Brothers abre este ano o apartado musical ás 20 horas do domingo coa súa música americana de raíz. A presenza da escena musical galega correrá a cargo dos Sumrrá, o trío compostelán de jazz estará o martes 8 no auditorio de Ribadeo. O peche desta edición será o sábado 12 coa actuación de Zenet, que traerá o seu latin-jazz ao festival do norte galego.
Comeza hoxe en Lugo o XXXº Festival de Jazz cun amplo cartel internacional
Xénero: | 5 / 11 / 2020
O festival de Jazz de Lugo chega ao trixésimo aniversario mantendo a súa cita e coas adaptacións que marca o actual contexto sanitario, que a día hoxe restrinxen a 30 persoas a capacidade dos espazos. Debido a isto algúns dos artistas duplicarán as súas actuacións para darlle cumprimento ás restricións e facilitar que os concertos cheguen ao maior número de persoas posible. A casa do Saber e o Círculo das Artes acollerán a maior parte do programa. O festival abre hoxe con dous concertos, Daniel García Trío na Casa do Saber ás 20,30 h., con entrada gratuíta previa reserva de localidades e ás 21,30 h. actuará The Old Project no Club Clavicémbalo, epicentro da actividade de jazz da cidade. Como é xa habitual a cita fai unha oferta selecta de artistas internacionais, o que posibilitará o paso polos escenarios de Lugo de artistas e formacións coma Salvador Sobral; o quinteto tributo a Charlie Parker, Jazz at The Massey Hall; Yamandú Costa; Jean Toussaint Quartet; Jezz Trío + Arnaud Desprez; a cantante albanesa suíza Elina Duni, acompañada de Rob Luft e Fred Thomas; Clarence Bekker Band ou Miryam Latrece Quartet, que pechará esta XXXª edición con dous concertos o día 15.
Nace a Orquestra Galega de Liberación
Xénero: | 10 / 9 / 2020
Dezaseis músicos residentes en Galicia reunidos en torno á música de vangarda, á busca de novas formas de creación espontánea e á improvisación como fonte de investigación conforman a Orquestra Galega de Liberación. A formación constituída por artistas e intérpretes recoñecidos nos distintos eidos da música clásica, do jazz, das músicas de vangarda e da performance preséntase este sábado no Auditorio de Galicia en Santiago cunha actuación de balde con reserva previa baixo as restricións de capacidade actuais. A orquestra está formada por Xacobe Martínez Antelo (contrabaixo e dirección), Max Gómez (batería), LAR Legido (batería), Javier Pereiro (trompeta), Olivier Cano (saxo alto), Xosé Miguélez (saxo tenor), Diego Alonso (saxo tenor), Rosolino Marinello (clarinete baixo), Rubén Fernández (voz), Faia Díaz (voz), Antonio Bravo (guitarra), Manuel Cebrián (guitarra), Elena Vázquez (violín), María José Pámpano (viola), Macarena Montesinos (violoncello) e Saúl Puga (contrabaixo).
O blues volve a Fisterra a contra reloxo
Xénero: | 8 / 9 / 2020
A cita coa música blues na Costa da norte, o Fisterra Blues Experience, ven de confirmar celebración e pechar cartel con tan só unha semana de antelación ao seu comezo. Así funciona agora mesmo a capacidade realista de previsión no sector cultural, que a falta de cinco días para a súa celebración os vindeiros días 11, 12 e 13 de setembro, puidemos coñecer os nomes dos artistas e as bandas que estarán presentes. A cita presentouse oficialmente o venres pasado e desde onte a oferta artística, que ofrece a presenza de nomes coñecidos da escena galega pero non renuncia tampouco a incluír referencias de corte internacional. Cun pé en cada unha desas polas está a Marcos Coll Band que actuará no evento xunto con Julian Vaughn e Mayka Edjole. The Limboos, Aló Django feat. David Regueiro, Marian Ledesma & Los Tinaquero Brothers representarán a música feita no país propiamente e tamén haberá espazo para artistas estatais e estranxeiros coma Greg Izor & Emilio Arsuaga ou El Barullo Tango. A Fisterra House Band, banda residente do festival, volverá a estar presente no evento actuando desde un barco no Blues A Bordo. Ademais, o programa inclúe pasarrúas con Brassica Rapa e unha actividade infantil a cargo de Pakolas. A Praza da Constitución e o Farod e Fisterra serán os lugares que acollerán as actuacións este ano, ademais do propio paseo en barco. Os residentes no Concello poden acceder a un cupo propio de entradas de balde para segurar que poden gozar tamén desta actividade. O evento preséntase este ano coma unha experiencia sanadora nun entorno hostil: "Agora máis que nunca, precisamos do benestar e da búsqueda dunha renovación que nos libere e nos faga presente a fraternidade, os vínculos coa comunidade, a terra e o mar, para alonxar por un tempo as hostilidades do mundo", expresa aorganización na páxina web do festival.
Lugo reivindicase capital do jazz coa maior 'jam session' da historia
Xénero: | 26 / 8 / 2020
A veterana Asociación de Amigos do Jazz EscobiJazz de Lugo prepara para este vindeiro domingo 30 de agosto unha enorme festa do jazz, coa participación de máis de 150 artistas galegos nunha 'jam session' propia deste xénero homenaxeando ao grande artista, Charlie Parker . (Kansas City, 29 de agosto de 1920 - Nova York, 12 de marzo de 1955), no seu centenario. Máis de 4 horas de jazz en directo, interpretado por artistas galegos -150 dos preto de 225 censados como tales-, que pasarán a formar parte da historia musical ao transformarse na maior jam session celebrada en España. Así conciben desde a asociación este evento, que serve ao tempo para reivindicar os 30 anos de historia do festival de jazz máis lonxevo de Galicia, e a calidade dos nosos intérpretes. Dende as 13 horas e até ben entrada a tarde (17:00) nas escalinatas do Pazo Episcopal de Lugo, máis de 150 artistas irán subindo a un escenario que contará con todas as medidas de seguridade e salubridade necesarias, ao igual que o espazo reservado para o público. Pero a organización ten claro que, nestes tempos, é imprescindible apostar polo dixital, polo que o concerto poderá seguirse integramente online a través das redes sociais do festival de jazz de Lugo. O proxecto, que nace como a maior jam session da historia en España, tanto por número de intérpretes como por horas de desenvolvemento, conta co financiamento e apoio da Xunta de Galicia a través do Xacobeo21.
O festival Vilablues volve e celebrarase en Noia
Xénero: | 11 / 8 / 2020
Tras deixar Vilagarcía de Arousa, lugar do seu nacemento e celebración durante anos, o festival Vilablues ven de superar un momento incerto e recalar en porto na vila de Noia para celebrar alí a súa edición Vilablues 5.1. Os vindeiros 21, 22 e 23 de agosto o evento celebrarase na vila barbanzá cun cartel que xa se foi confirmando aos poucos desde hai uns días e que inclúe a reputados artistas galegos como SÉS, Adrian Costa Blues Band (& convidados) con figuras do blues nacional e internacional coma Raimundo Amador e a mítica Giselle Jackson & The Shu Shu’s. A xornada inaugural será de balde a cargo dos vigueses Dixie Town e a banda barcelonesa Koko-Jean & The Tonics no recinto principal, que estará no Escenario Mahou no patio do IES San Alberte. Ademais diso o evento estará acompañado nas rúas e prazas de Noia por un ciclo de concertos abertos salpicando toda a vila que reunirá a destacados artistas galegos baixo o título Galicia Blues en sesións vermú e de solpor. En sesión vermú Sabela King & The heartbreakers estarán na Praza do Curro o día 21:; o día 22 estarán actuando a mediodía Mad Martín Trío e no solpor Nastasia Zürcher despedirá o día desde o malecón; o día 23 actuarán Momboi e Mr.Cool.
As citas de verán co jazz mantéñense co acento máis galego
Xénero: | 6 / 8 / 2020
O jazz ábrese paso no verán, como un xénero ao que as limitacións actuais non semellan afectar tanto coma a outros. Un público selectivo e non multitudinario e con escoita en asentos é un formato que encaixa nos hábitos dos concertos deste xénero máis que nos de rock, pop, folk, etc.. Talvez sexan esas as causas polas que os festivais de jazz seguen a aparecer nestas datas debuxando unha oferta que salpica o mapa do país. Lugo, Moaña, Rianxo e Ferrol son algúns dos sitios nos que dende hoxe mesmo o jazz comeza a soar en ciclos, festivais e programacións diversas con especial peso das figuras galegas. Como proposta máis inmediata polas rúas de Lugo comezan hoxe a soar as músicas de 5 banda de estilo Dixieland como parte do ciclo Camiño ao XXX Festival de Jazz de Lugo, que xa ven anticipando con concertos desde primeiros de ano o vindeiro festival da cidade a celebrar previsiblemente en novembro. Tamén hoxe mesmo comezan a Noites de jazz de Rianxo, unha cita que ademais poderá gozarse en liña coa retransmisión en directo dos seus concertos a través da canle en YouTube do Concello rinaxeiro. Pablo Sanmamed Trío (hoxe xoves) , pablo castaño Quarte (venres 7) e Swing Machine Orchestra (sábado 8) actuarán para presentes e alleos nesta cita.
David Regueiro Trío afonda no jazz Manouche con Areal
Xénero: | 9 / 3 / 2020
O guitarrista e compositor David Regueiro continúa o seu traballo no ronsel de Django Reinhardt. Desta volta, en formato trío, presenta Areal, un LP no que o o jazz manouche, con influencias de swing americano e be-bop, impregna nove temas de composición propia. Acompañado de Iago Reigosa á guitarra e de Juyma Stévez ao baixo, a formación incorpora colaboracións de Sarunas Pupelis ao clarinete en dous temas e de Ismael Cabaleiro ao violín noutro máis. O proxecto, autoeditado e gravado polo propio Regueiro está a iniciar este mes de marzo a súa xira de presentación. O Garufa Club da Coruña acollerá o vindeiro día 15 a presentación do álbum, e o tour continuará por Vigo (20 de marzo), Compostela (2 de abril), Zaragoza (9 de abril), Barcelona (10 de abril) e Bueu (14 de maio).
REPORTAXE
Unha escola de improvisación
Data.O Seminario Permanente de Jazz de Pontevedra tira o seu cuarto disco e consolídase como centro de formación neste estilo musical


